Páginas

Amosando publicacións coa etiqueta Club de lectura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Club de lectura. Amosar todas as publicacións

venres, 17 de xaneiro de 2014

Caderno de bitácora, novembro 2013

CLUB DE LECTURA                                                                           CADERNO DE BITÁCORA
  IES XELMÍREZ I                                                                              PALABRAS COMPARTIDAS



Xoves, 21 de novembro de 2013

Seis do serán, porque decidiramos adiantar a hora da nosa xuntanza. Cousas que pasan. Coincide o día da semana cos concertos do Auditorio de Galicia (21:00 horas), e como non só de libros viven estas lectoras cómpre ter tempo para todo. Algunhas xa falan entre elas das obras pendentes para hoxe, e sobre todo dos poemas que traen. 

Loli, a nosa bibliotecaria favorita, avísanos de que esta vai ser unha tarde especial porque compartiremos momentos especiais da nosa vida por estaren ligados aso versos que escollimos. Pero iso toca ao final, o primeiro que hai que facer é encararse con Rojo y negro de Sthendal.

         En xeral, a novela decepcionounos. Tal vez esperabamos demasiado dela. Julian Sorel, o protagonista, serve ao autor para facer unha fina análise sobre os costumes franceses da alta sociedade decimonónica: hipocrisía, tedio, ambición, aparencias..., son os trazos que se destacan. Un mundo frío e cheo de intrigas, onde é probable que compense ser un paria sen pretensións.
       A obra non queda indemne ao paso do tempo, coincidimos. Ten unha primeira parte maxistral, empeza forte, para decaer nunha segunda, tanto no estilo como no contido, o que xera unha certa confusión e dificulta o seguimento da lectura. Cara o final recupérase o brío narrativo e crece a tensión da trama, aínda que sucesos determinantes case se dilúen entre detalles minuciosos de elementos irrelevantes.
       Despois de cotexar as puntuacións que demos, a nota media acadada pola obra de Sthendal é dun 5'15.

Casa de verano con piscina de Herman Koch, segunda obra lida deste autor (La cena foi a anterior). Hai consenso á hora de resaltar o que máis chamou a nosa atención, aínda que preferimos a do curso pasado.
        Descarnada, en contido e forma. Sen ambaxes amosa o que podemos ser.
       Marc fala con Judith, a muller de Ralph, a respecto da posibilidade de que este poida perder o control algún día e chegar a ser violento con ela. Pensa Marc (páx. 228): “Díxeno só por dicir algo, dolorosamente consciente disto. De feito, o tema non me interesaba unha merda. Pero non debía permitir que se me notara, por suposto. Tiña que representar o papel de home interesado e comprensivo. Finxir verdadeiro interese. Unicamente o home comprensivo recibirá o que se merece.” Marc esperaba poder manter sexo con Judith. 
       Na páxina 235 volve  reflexionar Marc trala desaparición da súa filla, logo saberase que violada: “Custoume reprimirme. '¡Ti tamén es unha muller, rameira estúpida! -quixera terlle gritado-. Terías que saber o que pode ocorrerlles ás mulleres. Os homes teñen que protexelas...”. O machismo contido.
       O nauseabundo xa non é quen sexa o violador de Julia: todas as posibilidades son febles e conxecturables. O que arrepía é a actitude dos pais de Julia: non acusar formalmente, senón axustizar pola súa man a alguén, sexa quen sexa. Ninguén é inocente. Expíanse as propias culpas nas dos demais.
Na escena da autooperación ocular (páx. 271), o propio Marc límpase de pus e sangue apodrentada o ollo infectado. El só o limpa todo: o seu propio empezoñamento. El é o seu médico, o seu xuíz, sen testemuñas.
       Ao final, volven pasar o verán nunha casa con piscina. A casa de Stanley, hipotético pedófilo. Pero con poder para converter a Julia nunha modelo no mercado norteamericano... Nada cambia.
       A nota media que lle damos é de 6'2.

E o momento é chegado: os versos toman a palabra. Me gustas cuando callas porque estás como ausente, Garcilaso e a súa dor, Abre la muralla, Rimbaud e o seu dormente do val, un belo poema sobre a maternidade, o noso Benedetti, e o Perdóname por ir así buscándote de Salinas....Que instantes máxicos se crean na biblioteca, arredor da mesa sinuosa e dos poemas elixidos...!

Esta vez cústanos separarnos e deixarnos de emocionar. Son as nove da noite cando o conseguimos. A próxima cita co Club de Lectura do Antonio Fraguas, xuntanza extraordinaria ao carón da Faneca Brava de Manuel Portas. Boa lectura!

   

martes, 12 de febreiro de 2013

LAS VOCES DEL PAMANO


Pode collérselle cariño a unha historia, a unhas persoaxes, a lugares que nunca viches, a.... todo o que ocorre nunha novela?


Latexante de vida e mortediscurre esta novela que pouco a pouco foise instalando na miña mente e no meu corpo. Debecía por atopar o lugar tranquilo e silencioso que procurara non so a lectura senón tamén o sumerxirme de cheo nas situacións, nos sentimentos, nas vidas desas persoaxes tan ben creadas que parecían ter brazos e pernas, ser capaces de sair do libro e recrear cada capítulo ao meu arredor.

Sentía como se a historia me posuira agradablemente, como si fora depositándose polo meu corpo en forma de sensacións que me transmitían as distintas persoaxes e situacións que ían ocurrindo. Amor, odio, compaixón, medo, incredulidade, rexeite, tristeza,.... imposible ler dende fora.

A pesar de que ten tres grandes protagonistas: Elisenda Vilabrú, Oriol, Targa, a min chegáronme sobre todo a sabedoría vital de Jaume Serrallac e a decisión de Tina de sacar a luz a verdade, o que lle costou a vida.

Dúas preguntas ao acabar o libro:
Por que so oían o río os que ían morrer?
A que olería o Val do Pamano?
(Fernanda Fernández)

sábado, 26 de xaneiro de 2013

Lectoras alén dos mares


O club de lectura ten lectoras alén dos mares. A nosa compañeira Cristina está agora en California así que conectamos con ela a través de Skipe para seguir falando de libros. Non hai fronteiras para as activistas da lectura!!!!

venres, 25 de xaneiro de 2013

Sigo remoendo no libro do avó que dou un chimpo











Así coma eu non son unha flor, o avó que dou un chimpo e largou pola ventá non é un avó. Entón quen é? 
Ai amiga… ¡que máis quixera eu que ser fermosa e lixeira coma unha rosa! pero vai ser que non me parezo nada a unha rosa, nin siquera a un trébol. As persoas parecémonos máis ás árbores coas enrugas e os aneis da vida que nos van quedando na pel. Quixera ser máis flor pero resulta que son máis árbore e do común autóctono, nada exótica. As cousas son así. E o señor protagonista desta historia tampouco é un avó. Un home libre si, un señor divertido, sempre disposto a dar un chimpo pola ventá para cabalgar polas vidas… (a non ser que para o autor “avó” sexa precisamente sinónimo de todo isto. De ser así o conto cambia. E moito).

Por partes. En primeiro lugar, o protagonista desta historia non ten netos, logo a denominación é “errónea”. Pero aínda que lle pasemos por alto este “erro” –xa que sabemos que é frecuente que as persoas vellas sexan denominadas avós ou avoas, aínda que non o sexan desde o punto de vista da familia–, este avó non responde a esa denominación común, bastante estereotipada. Habería que poñer: o señor que… o vello que… o que puxo as babuchas de felpa que… ou outras moitas cousas poideran ocorrérsenos pero avó non. E isto, é o interesante. Un vello que rompe os canones da idea de vello-avóiño,sen connotacións paternalistas que adoitan ser frecuentes cando se fala dos “avós”, mais ben penso que se aproxima aos vellos-indignados, que tamén os hai e son moitos, aos vellos independentes, aos vellos libres… porque como quen non quere a cousa, dun xeito moi “normal” este é un home libre, afeito a facer o que lle peta.  

Agardando, 2012. C. Trigo

A novela comeza cando o vello fuxe da residencia o día que cumpre cen anos. A partir de aí hai dous relatos. Un deles é unha liña contínua que fala da súa vida e o outro un zigzag, o relato en presente das aventuras e desventuras da súa fuxida vista desde dúas perspectivas: a dos que van sumándose á fuxida do vello (e os que van morrendo nese traxecto) e a perspectiva dos que van na procura deste grupo. Humor, aventura, historia… ingredientes ben fiados nesta novela.

Os tempos crúzanse pola novela, moi ben trabados. Toda a traxectoria vital do personaxe e a experiencia en bombas que ten vaino levando dun referente da historia contemporánea a outro e así desde Franco a Mao pasando por Lenin e Truman... En fin unha ensalada da historia contemporánea, que nos pon diante de situacións bastante surrealistas e moi divertidas.
E o azar, o elemento clave da novela, o que fai que vaia dar con estes personaxes, o azar e a actitude do protagonista, sempre de naturalidade ante os acontecementos, sen opoñerse ao que veña e afrontándoo coma quen non quere a cousa pero sabendo que a vida está aí fóra. Un relato moi divertido, aconsellable e que lle dá a volta ao estereotipo de avó, ao de personaxe histórico e á propia historia.

Cristina Trigo





luns, 19 de novembro de 2012

mércores, 7 de novembro de 2012

Martes cinematográfico con "La elegancia del erizo"

A proxección das versións cinematográficas das obras que lemos é unha das actividades máis interesantes que desenvolvemos no noso clube de lectura. E así se demostrou o pasado martes 30 de outubro, cando a biblioteca do centro recibiu a un numeroso grupo de alumnos e alumnas para ver 'El erizo'. 

Este filme trátase da adaptación á grande pantalla de 'La elegancia del erizo', a novela de maior éxito da escritora francesa Muriel Barbery. O libro narra a historia de Renée, a porteira dun edificio de París que esconde a súa afección lectora baixo unha apariencia inculta. Unha das súas veciñas é Paloma, unha nena de doce anos extraordinariamente intelixente que, rexeitando o mundo dos adultos, decide suicidarse antes de cumplir os trece anos. Entretanto chega un novo veciño que unirá a Paloma e a Renée antes dun tráxico desenlace. 

Continuando ca temática proposta para este trimestre, a lectura prevista para o mes de novembro será  a coñecida obra Frankenstein. Dentro dunhas semanas reunirémonos de novo para ver un dos filmes que se teñen feito sobre esta novela. Cal escolleremos finalmente? Vos contaremos na próxima.





martes, 23 de outubro de 2012

mércores, 11 de abril de 2012

AGATHA CHRISTIE E POIROT NO CLUB DE LECTURA

 


ASESINATO EN EL ORIENT EXPRESS

O MARTES 17 DE ABRIL ÁS 14,25 NA BIBLIOTECA