Páginas

Amosando publicacións coa etiqueta Curso 2017-18. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Curso 2017-18. Amosar todas as publicacións

mércores, 13 de xuño de 2018

LECTURAS VERÁN 2018

Despedímonos este curso 2017-18 con varias recomendacións lectoras...

ATA SETEMBRO!









CAMUFLAXE

O 7 de xuño xuntámonos para celebrar a poesía. Desta volta foi Camuflaxe, de Lupe Gómez, Premio da Crítica Española ao mellor libro de poesía en lingua galega do ano 2017.

Terra, aldea, infancia, muller e, por enriba de todo, un canto de amor á NAI.

Falamos de ecos (Rosalía, Neira Vilas, Emilio Aráuxo...) e de versos.

Coas bolboretas do aire fago para ti un encaixe 

Aprendo a escoitar as nubes, a traballar a terra e a ler o ceo, no teu colo.

O atraso económico en Galicia era unha forma de vangarda artística

Na miña cas non había libros pero ti tiñas a car chea de versos franceses

A lingua resiste no estómago dun agricultor morto

E compartimos POESÍA...de José Hierro, de Agustín García Calvo, de Rosalía Fdez Rial, de Billy Collins, do colectivo Ronseltz, de Alvaro Cunqueiro " Swanehals, Colo de cisne, envelleceremos xuntos/ pro ti máis lentamente".



ORDESA, O SOL DO VERÁN

O 3 de maio compartimos palabras arredor de Ordesa, de Manuel Vila e de O sol do verán, de Carlos Casares.

As lecturas da primeira obra foron moi distintas e enriquecedoras. Emocións moi diversas espertou Ordesa, desde a querenza máis absoluta ata a indiferenza que roza o fastío.
Pero abriu a porta a dialogar sobre a memoria, a perda, a morte, as emocións ou o silencio a partir de varias citas:
" A moralidade dos feitos é sempre unha construción cultural" (páx 18)
" Mi padre no heredó odio, heredó silencio" (páx 26)
"Fuimos pobres, pero con encanto" (páx 61)
"Non coidamos as cousas que viven na escuridade" (páx 105)
" Se vives máis anos dos que viviu teu pai, deixas de ser fillo" (páx 182)

O sol do verán , novela que fala tamén da memoria, do verán, de infancia e de amores prohibidos. Un gusto relela e un pracer descubrila.


martes, 27 de marzo de 2018

COMPARTIMOS PALABRAS?


O XARDINEIRO DOS INGLESES


O xardineiro dos ingleses, de Marcos Calveiro, foi a nosa seguinte parada literaria.


E comezamos polo cuestionario lector.

1.                   O ÚLTIMO LIBRO QUE LICHES...
Fóra de si, de Suso de Toro
2.                   O LIBRO QUE MUDOU O TEU XEITO DE PENSAR..
              Foron moitos, como poeta por exemplo, Ningún cisne, de Manuel Rivas
3.                   UN LIBRO QUE RELERÍAS...
Poesía sobre todo, Kavafis, Gil de Biedma, Borges...
4.                   UN LIBRO QUE RECOMENDARÍAS...
La liebre con ojos de ámbar de Edmund de Waal ou a Noite da aurora de Camilo Gonsar
5.                   UN DOS PRIMEIROS LIBROS QUE LICHES NA ESCOLA...
Daquela non se lía na escola, facíao na casa ou na Biblioteca municipal.
6.                   A AUTORA OU AUTOR DO QUE MÁIS LIBROS TES...
Carver, Borges, Cortázar, Kerouac...
7.                   UN LIBRO QUE ESTEAS A LER...
         Os prospectos dos antigripais
8.                   UN LIBRO QUE LEVAS TEMPO QUERENDO LER...
Centos deles....
9.                   QUE CITA LITERARIA CHE GUSTARÍA COMPARTIR?
              Non son moi de citas
Pois quen non quere caldo, sete cuncas, así que comezamos con varias citas da obra.
A primeira sería unha das que abren a novela “Retrocedo para ser quen fun/abro as portas que tentastes pechar”, de Badly Drawn Boy, un cantante indie. Estes versos retratan moi ben a Modesto Filgueira, alter ego do escritor na novela, que indagando nas vidas de Delia e Edelmiro tamén busca respostas a algunhas preguntas da súa propia historia.
“Porque as novelas son coma os incendios provocados, sempre teñen moitos focos”  E cal foi o primeiro foco desta? A nova da morte dun personaxe real , de Vilagarcía, que recibe unha medalla por coidar durante 70 anos do coñecido como o cemiterio dos ingleses, lugar mítico para todas as persoas vilagarciás, incluso as que non eran de alí. Dinos Marcos Calveiro que o proceso de escritura da novela foron moitos anos e que se foi compoñendo de faragullas que Modesto Filgueira, o narrador, ía recollendo de aquí e acolá. Conta como o imaxinario colectivo dunha xeración  está ateigado de historias  dos ingleses, aínda que moitas seguramente non pasen de ser lendas urbanas. Foi moi forte a influencia inglesa en Vilagarcía, especialmente na clase máis alta (tomar o té, cambiarse para cear, bailes no casino...)


Coñecemos a vinculación de Joaquín Sorolla con Vilagarcía e os debuxos realizados alí. Naquel momento, era unha “star system” do sistema pictórico español e europeo, cunha obra moi cotizada en París, Viena...Un multimillonario da época. Sabemos da súa obsesión coas vestimentas das mulleres e as cores. Como o neno do carpinteiro, que o acompaña na novela, tamén é unha historia real, pois o artista, chegado de Valencia, non se entendía coas xentes do lugar.
As mulleres da novela. Por suposto Delia, pero tamén Enriqueta Otero, comandanta, ou Esperanza, historias reais que dan pé a que Calveiro nos fale dunha das súas obsesións, que é o das cunetas e os desaparecidos tras a guerra civil. Non podían faltar as alusións á tía Olimpia, moza de Curros e personaxe da invención do autor. Di que as mulleres sempre son as grandes perdedoras da historia.
Fálase das barreiras que moitos anos despois da guerra civil, aínda seguían existindo para falar da época, sobre todo, no caso dos homes. As mulleres exercían unha especie de resistencia desde as casas, lavando e cosendo xuntas, aínda que só fose por dignidade e por lembrar os seus mortos. Os homes, como tiñan que entrar na vida pública, baixaban as orellas e aceptaban a situación.
Conta unha das asistentes que o pai estivo preso en San Simón e en Pamplona e o único que quería era OLVIDAR. Por iso, nunca contou nada aos fillos e fillas, só á muller. De aí, que moitas veces, as mulleres se converteron en gardiás da memoria dentro do seu espazo privado. Menciona o autor a memoria das mulleres rapadas en Vilagarcía e o significado das iniciais que lles gravaban UHP (Uníos Hermanos Proletarios). E relátase a historia dunha mestra vilagarciá que estivo presa e apartada do servizo  por comprar unha tea de raias vermellas e brancas para facerlles os mandilóns ás súas alumnas.
Fálase das consignatarias, das primerias viaxes transocéanicas, que parten da vila e cóntase como as escuadras inglesa e alemá, en Vilagarcía, podían mover cerca de 15000 homes na vila ou como podían fondear no porto cerca de 300 barcos. Moitas libras e negocio  para a zona.
É verosímil que unha moza como Delia andase polas rúas de Vilagarcía cun soldado inglés e outro alemán? Seica os testemuños fotográficos de soldados, posando con mozas, son abondosos, polo que se supón que si podía haber unhas relacións vividas con bastante liberdade. Seguramente había unha relaxación dos costumes pola presenza de estranxeiros, porque noutra vila da ría de Arousa isto sería impensable.
E a presenza do narcotráfico na zona, retratada con gran acerto en menos de tres páxinas da novela. E Cristina, personaxe real, que esperta afecto, aínda que só se asoma en contadas ocasións ao discurso narrativo. E claro, falamos de Fariña e como en Vilagarcía, daquela, se coñecían todos e de que xeito se perdeu toda unha xeración a causa das drogas e/ou consecuencias delas.
Por último, concluíron os narradores do club que aínda está por escribir a gran novela da emigración galega. Pois agardamos por ela.
Grazas, Marcos!!!




luns, 26 de marzo de 2018

4,3,2,1 e EL CUENTO DE LA CRIADA





Desta volta foron dous os libros que lemos e abofé que compartimos palabras.

El cuento de la criada, de Margaret Atwood
As mulleres como propiedade do estado. O SILENCIO como personaxe. As MIRADAS. A PALABRA. O concepto de TEMPO. A simboloxísa das cores.
Dialogamos sobre se existe o dereito a ser nai/pai? Por que os desexos se están a convertir en dereitos? O discurso ne torno ao fillo/a xenético. O uso dos seres humanos como mercadoría. A dignidade das persoas.
E  citas, moitas citas. "La fe no es más que una palabra bordada". "Él tiene algo de lo que nosotros carecemos: tiene la palabra". "Me muero por cometer el acto de tocar"...

De 4,3,2,1 concluímos que sobran páxinas, bastantes páxinas, aínda que aquelas persoas devotas de Auster poden gozar coa súa lectura.




O ANXO NEGRO


Comezamos este curso a andaina do club de lectura Palabras compartidas coa obra de Manuel Gago, O anxo negro.

E quixemos presentar o autor como lector, a partir dunha enquisa que previamente lle enviamos e isto  foi o que nos contestou.

1.       O ÚLTIMO LIBRO QUE LICHES...
Acabo de pasar da mesiña de noite de novo, á biblioteca, dous desa pila descomunal en equilibrio precario: A sangre y fuego, de Manuel Chaves Nogales e Geopolítica de las series. El triunfo global del miedo, de Dominique Moïsi. 
2.       O LIBRO QUE MUDOU O TEU XEITO DE PENSAR..
Teño bastantes libros que exerceron en min deste tipo de cambios radicais e, sobre todo, reveladores. Pero vou centrarme en como influíron na miña visión literaria, xa que este é un club de lectura. Aquí van algúns: Mentres agonizo, de William Faulkner, que me desvelou que a literatura é, en primeiro lugar, un xeito de ver. Moito máis recente, The Old Ways, de Robert MacFarlane, un delicioso ensaio sobre as pegadas (literais) do home na terra e o que nos contan sobre nós e a terra. Por certo, coido que vai saír en breve unha edición en galego. Ah, e Arraianos, de Ferrín, que para min foi unha revelación, sobre todo para entender o poder da lingua en si mesma. E veña, outro máis, Plataforma de Houellebecq e o seu irónico relato dunha aburrida sociedade postindustrial, un texto moi importante tamén para min. E, raio, esquecíaseme: Tolkien, do que aprendín tantas cousas, pero especialmente, no Señor dos Aneis, a mesma lección que con algúns libros de Umberto Eco: o territorio imaxinario debe ser tan preciso coma o real.
3.       UN LIBRO QUE RELERÍAS...
A Odisea. Unha e mil veces.
4.       UN LIBRO QUE RECOMENDARÍAS...
Pois por poñer un libro recente, eu recomendaría ata ao meu peor inimigo, Brúxula, de Mathias Énard (Random House), unha novela-río ao redor da fascinación cultural de Occidente por Oriente. É para lectoras-lectoras, para devoralibros “pro” porque hai que armarse de tempo, pero unha vez dentro, Énard é quen de arrastrarnos nesa misteriosa corrente que engaiola a tantos orientalistas europeos desde finais do século XVIII. Non é só un libro, é unha viaxe no seu mellor sentido.
5.       UN DOS PRIMEIROS LIBROS QUE LICHES NA ESCOLA...
A verdade é que lía moito antes de que me mandaran ler libros na escola, así que cando nos comezaron a mandar ler libros, xa ía eu bastante adestrado. Pero do instituto, supoño que por cuestións de idade, lembro o fascinado que fiquei con Calixto y Melibea. Non só polo tema do amor, que a esa idade sempre entra e empacha coma un boa sobremesa, senón por certa crueza moral que non estaba acostumado a ver nos libros, esa construción do cinismo que me ensinou a que a literatura debera ir máis alá do binomio ben-mal. E desde aquela, ficou a miña paixón polo Renacemento. Pero para min foron tamén moi importantes as lecturas da  daquela recén fundada biblioteca da Pobra do Caramiñal. Descubrín O hobbit de casualidade e alucinei. Pero outra impresión foi ler Á lus do candil, coa que fiquei pasmado ao descubrir que Galicia tiña unha literatura así: que esas palabras se me  cravaban na pel, e sorprendíame de que se contaran historias tan marabillosas e, ao mesmo tempo, tan próximas a min.
6.       A AUTORA OU AUTOR DO QUE MÁIS LIBROS TES...
Pois é difícil, a verdade. Case prefiro dicir de autores dos que teño a maior parte das súas publicacións: Umberto Eco e Alessandro Baricco, Saramago, Lobo Antunes e Eça de Queirós, Marguerite Yourcenar, Tolkien, Modiano, por suposto Houellebecq, Manuel Rivas, a Pardo Bazán, Comarc MacCarthy, Bernard Cornwell... e moitas primeiras edicións de Valle-Inclán
7.       UN LIBRO QUE ESTEAS A LER...
Na miña mesiña de noite teño varias cousas: Inquietud en el paraíso, de Óscar Esquivias, magnífico, desas novelas que te preguntas como non o coñeciches antes; Pequeños Paraísos, el espíritu de los jardines, do arxentino Mario Satz e Do álbum do cazador, de Turguéniev. Ah, e outro interesantís
8.       UN LIBRO QUE LEVAS TEMPO QUERENDO LER...
Tiña pendente, xa desde bastante antes do Premio Nobel, facer unha exploración das obras de Kazuo Ishiguro. Teño aquí ao carón mirándome coma un canciño abandonado o seu Xigante soterrado. Tamén a Vida de Samuel Johnson de James Bosswell. 
9.       QUE CITA LITERARIA CHE GUSTARÍA COMPARTIR?
“Debín de quedar adurmiñado, a pesar destas emocións, pois cando espertei non se enxergaba nada máis que o noso propio reflexo na maruxía. O reino deslizárase ao oeste, afundíndose na escuridade. Un forte vento sacudía o aparello e o continente europeo atopábase a menos da metade da noite”. Patrick Leigh Fermor en O tempo dos agasallos.


A conversa sobre o libro comezou recordando a tortilla romana de Muros, sobremesa que se serve na cea que Nicolás Bren ofrece na súa casa de Concurbión. Contounos o autor que non se vende nas pastelarías esta especie de pudding ou tortilla doce, senón que se acostuma a facer nas casas. Prato burgués, moi do estilo do XIX. Díxonos  que a el lle chegou a historia do que  pode ser a orixe deste pudding sen pan e é que falando cun paisano, este lle confesou que unha devanceira súa fora cociñeira de Afonso XII e cando volveu da corte para Muros, trouxo con ela este doce.
Logo falou do punto de partida da novela, que é a desaparición de Santa Mariña e comentamos o expolio ao que foi sometido o patrimonio relixioso galego e as historias das desaparicións de santos, que as xentes de distintos lugares lle foron contando ao autor e que resultaron ser o xerme de O anxo negro. Relatos que tiñan puntos comúns porque sempre aconteceron a finais dos 60, principios dos 70, nun contexto europeo e ocorrían arredor dalgunha festividade  e cando o cura non estaba. E  curioso, nunca roubaban os santos patróns. Denuncias non fora presentada ningunha, excepto en Ourense e  de pezas das que había documentación ou arquivos. Contounos Manuel Gago que volve haber roubos na Costa da Morte, pero segue sen haber denuncias, seguramente porque non hai interese. E cando as hai, son o veciños os que as interpoñen e non os curas, igual que na novela son os veciños os que se preocupan por recuperar Santa Mariña.
Con todas estes relatos, a primeira idea non era escribir unha novela, senón  unha reportaxe, pero non tiña caso desde un punto de vista xornalístico pola ausencia de datos e fontes. Mais era unha historia demasiado boa e interesante para non trasladala á ficción.
Conta que o bispo de Palencia lle vende a diocese de Palencia a Erik, o Belga, nos 70, o que dá  idea do poder destes personaxes. Pero en Galicia non se podería facer, porque cada cura gobernaba a súa parroquia, polo que o personaxe intermediario, Servando, é totalmente ficcional e axuda a vertebrar a historia. Dinos o autor que el concibe a literatura como un tecido, un universo de cousas polo que transitan os mesmos personaxes, polo que nomes  como o de Servando ou Encarna terán cabida noutros mundos ficcionais nos que xa está traballando.
Outro dato curioso: a parella de Nicolás é real (Jano na vida real) e Andreu (Jordi, quen non ten un bar que se chama Drake, senón un que leva por nome O pirata) e aparecerán noutras entregas.
Mamá Sula vén de Vento e chuvia, das deusas reais galegas, abundantes na zona de Ourense, as Sulas, da mitoloxía celta e os roles desas mulleres nas aldeas. A mamá Sila, na que está inspirada, é a mamá da aldea de Caldobarcos e ela contoulle que ela era a nai de todos os nenos que ela quería. Tamén di que están moi pouco investigadas desde un punto de vista antropolóxico e son unha especie de nais honorarias. A nivel anecdótico di que un xeito de afirmar a súa autoridade é saber onde están os marcos de todas as fincas.
Mulleres moi potentes nesta novela. As Marías, que reaccionan porque non hai nada peor que traicionar a confianza.  Ou outro personaxe como Miliña, a irmá do cura, un personaxe que está baseado en Flora, a irmá da cura do Camanzo, que o impresionou por todo  que lle contara. Descubriu diferenzas internas dentro de Galiza, pois non hai a mesma actitude na costa e nas rías que en Lugo, pois aquí está moi integrado no entorno rural. E seguramente o fondo está no pasado contemporáneo de Galicia e os feitos do 36.
Falamos do cura,  aillado e enfrontado á veciñanza. Temeroso, dubidoso, covarde e que non é moi consciente do que provoca.
Espertou interese entre as persoas do club a historia da foto na que aparece Castelao. Real e correspondente a un mitin que Castelao dera en Lira.
E a historia da pistola? Curas que misaban, no 36, coa pistola no altar. A noción da xente de andar coas pistolas,comentamos que aínda segue habendo moitas nos faiados das casa tradicionais e iso vén do 36.
E as conexións con María Estuardo? Ten moitas historias. Seica na Costa da morte hai un montón de virxes que se di que viñeron do mar, de naufraxios...moitos santos que viñeron do mar. Concurbión (San Marcos veneciano que encarga o Conde de Altamira e vén de obradoiros venecianos) En Muros tamén hai un cristo que vén de Florencia. A historia vén de que esa Santa Mariña é en realidade unha Santa María e vén da parroquia dunha historia situada en Niñóns,  Ponteceso.  Quería conectala con Escocia polas redes comerciais que se estableceron con Galicia cando chega a ela John Lancaster e se fai rei de Galicia durante tres anos e se abre o comercio do viño coas illas británicas.
Interesáballe moito meter a Drake na novela e na primeira expedición deste, que vai primeiro a Cádiz, emprega catro días e cando chega, pillan unha grande tormenta e perden un bártigo nas costas galegas.

Díxonos o autor que houbo un momento en que a novela o levou a el, e foi coa figura do conde. Sempre lle interesaron moito estes personaxes do Renacemento, os Lemos e os Gondomar, cultos e dinámicos e quería facer un personaxe trasunto deles. O conde chamábase Iago de Carnota,solteiro, pero cando estaba deseñado, cunha parte tamén burguesa para o aspecto comercial, pasou a chamarse Diego no final da novela por algo que lle pasou. Xoán Pastor Rodríguez publicou unha cronoloxía histórica da Pobra do Caramiñal e chegou a 1580 e ve  unha canción galega en loor a Diego das Mariñas, señor de Xunqueiras, un galego cortesán. Indagou sobre este personaxe  e Diego das Mariñas estaba na corte con Juan de Austria e participa na batalla de Lepanto. Felipe II noméao para loitar contra os piratas ingleses, solteiro e comerciante. Volveu aos seus feudos na Pobra, lugar coñecido no S. XVI polas súas laranxas e vendeu ao Francia un millón delas, traía madeira de Noruega para o seu pazo de Xunqueiras e en todas as súas biografías se di que morre en Grecia nunha batalla. E do que se di que  o seu corazón foi traído nun barril de sal (dato que o autor lle escoitara moitas veces ao seu avó). Isto era algo moi habitual antes se morrías fóra, non trasladar o corpo, senón un anaco, normalmente o corazón.


Xa no remate, reflexionou sobre o proceso de escritura e como para comezar a escribir unha novela tes que ter a clave e tempo para pensala. Como a novela é un produto de comunicación e ten regras, ademais de que hai que pensar na persoa receptora sempre.
Falamo tamén do momento da escritura e de lectura, da relectura e da maxia do primeiro achegamento a unha obra e como non! das costuras das novelas que non pasan inadvertidas a aqueles que escriben.
Marabilloso o encontro con Manuel Gago!