Páginas

venres, 25 de xaneiro de 2013

Sigo remoendo no libro do avó que dou un chimpo











Así coma eu non son unha flor, o avó que dou un chimpo e largou pola ventá non é un avó. Entón quen é? 
Ai amiga… ¡que máis quixera eu que ser fermosa e lixeira coma unha rosa! pero vai ser que non me parezo nada a unha rosa, nin siquera a un trébol. As persoas parecémonos máis ás árbores coas enrugas e os aneis da vida que nos van quedando na pel. Quixera ser máis flor pero resulta que son máis árbore e do común autóctono, nada exótica. As cousas son así. E o señor protagonista desta historia tampouco é un avó. Un home libre si, un señor divertido, sempre disposto a dar un chimpo pola ventá para cabalgar polas vidas… (a non ser que para o autor “avó” sexa precisamente sinónimo de todo isto. De ser así o conto cambia. E moito).

Por partes. En primeiro lugar, o protagonista desta historia non ten netos, logo a denominación é “errónea”. Pero aínda que lle pasemos por alto este “erro” –xa que sabemos que é frecuente que as persoas vellas sexan denominadas avós ou avoas, aínda que non o sexan desde o punto de vista da familia–, este avó non responde a esa denominación común, bastante estereotipada. Habería que poñer: o señor que… o vello que… o que puxo as babuchas de felpa que… ou outras moitas cousas poideran ocorrérsenos pero avó non. E isto, é o interesante. Un vello que rompe os canones da idea de vello-avóiño,sen connotacións paternalistas que adoitan ser frecuentes cando se fala dos “avós”, mais ben penso que se aproxima aos vellos-indignados, que tamén os hai e son moitos, aos vellos independentes, aos vellos libres… porque como quen non quere a cousa, dun xeito moi “normal” este é un home libre, afeito a facer o que lle peta.  

Agardando, 2012. C. Trigo

A novela comeza cando o vello fuxe da residencia o día que cumpre cen anos. A partir de aí hai dous relatos. Un deles é unha liña contínua que fala da súa vida e o outro un zigzag, o relato en presente das aventuras e desventuras da súa fuxida vista desde dúas perspectivas: a dos que van sumándose á fuxida do vello (e os que van morrendo nese traxecto) e a perspectiva dos que van na procura deste grupo. Humor, aventura, historia… ingredientes ben fiados nesta novela.

Os tempos crúzanse pola novela, moi ben trabados. Toda a traxectoria vital do personaxe e a experiencia en bombas que ten vaino levando dun referente da historia contemporánea a outro e así desde Franco a Mao pasando por Lenin e Truman... En fin unha ensalada da historia contemporánea, que nos pon diante de situacións bastante surrealistas e moi divertidas.
E o azar, o elemento clave da novela, o que fai que vaia dar con estes personaxes, o azar e a actitude do protagonista, sempre de naturalidade ante os acontecementos, sen opoñerse ao que veña e afrontándoo coma quen non quere a cousa pero sabendo que a vida está aí fóra. Un relato moi divertido, aconsellable e que lle dá a volta ao estereotipo de avó, ao de personaxe histórico e á propia historia.

Cristina Trigo





Ningún comentario:

Publicar un comentario