IES XELMÍREZ I PALABRAS COMPARTIDAS
Xoves, 21 de novembro de 2013
Seis do serán, porque decidiramos adiantar a hora da nosa xuntanza. Cousas que pasan. Coincide o día da semana cos concertos do Auditorio de Galicia (21:00 horas), e como non só de libros viven estas lectoras cómpre ter tempo para todo. Algunhas xa falan entre elas das obras pendentes para hoxe, e sobre todo dos poemas que traen.
Loli, a nosa bibliotecaria favorita, avísanos de que esta vai ser unha tarde especial porque compartiremos momentos especiais da nosa vida por estaren ligados aso versos que escollimos. Pero iso toca ao final, o primeiro que hai que facer é encararse con Rojo y negro de Sthendal.
En xeral, a novela decepcionounos. Tal vez esperabamos demasiado dela. Julian Sorel, o protagonista, serve ao autor para facer unha fina análise sobre os costumes franceses da alta sociedade decimonónica: hipocrisía, tedio, ambición, aparencias..., son os trazos que se destacan. Un mundo frío e cheo de intrigas, onde é probable que compense ser un paria sen pretensións.
A obra non queda indemne ao paso do tempo, coincidimos. Ten unha primeira parte maxistral, empeza forte, para decaer nunha segunda, tanto no estilo como no contido, o que xera unha certa confusión e dificulta o seguimento da lectura. Cara o final recupérase o brío narrativo e crece a tensión da trama, aínda que sucesos determinantes case se dilúen entre detalles minuciosos de elementos irrelevantes.
Despois de cotexar as puntuacións que demos, a nota media acadada pola obra de Sthendal é dun 5'15.
Casa de verano con piscina de Herman Koch, segunda obra lida deste autor (La cena foi a anterior). Hai consenso á hora de resaltar o que máis chamou a nosa atención, aínda que preferimos a do curso pasado.
Descarnada, en contido e forma. Sen ambaxes amosa o que podemos ser.
Descarnada, en contido e forma. Sen ambaxes amosa o que podemos ser.
Marc fala con Judith, a muller de Ralph, a respecto da posibilidade de que este poida perder o control algún día e chegar a ser violento con ela. Pensa Marc (páx. 228): “Díxeno só por dicir algo, dolorosamente consciente disto. De feito, o tema non me interesaba unha merda. Pero non debía permitir que se me notara, por suposto. Tiña que representar o papel de home interesado e comprensivo. Finxir verdadeiro interese. Unicamente o home comprensivo recibirá o que se merece.” Marc esperaba poder manter sexo con Judith.
Na páxina 235 volve reflexionar Marc trala desaparición da súa filla, logo saberase que violada: “Custoume reprimirme. '¡Ti tamén es unha muller, rameira estúpida! -quixera terlle gritado-. Terías que saber o que pode ocorrerlles ás mulleres. Os homes teñen que protexelas...”. O machismo contido.
O nauseabundo xa non é quen sexa o violador de Julia: todas as posibilidades son febles e conxecturables. O que arrepía é a actitude dos pais de Julia: non acusar formalmente, senón axustizar pola súa man a alguén, sexa quen sexa. Ninguén é inocente. Expíanse as propias culpas nas dos demais.
Na escena da autooperación ocular (páx. 271), o propio Marc límpase de pus e sangue apodrentada o ollo infectado. El só o limpa todo: o seu propio empezoñamento. El é o seu médico, o seu xuíz, sen testemuñas.
Ao final, volven pasar o verán nunha casa con piscina. A casa de Stanley, hipotético pedófilo. Pero con poder para converter a Julia nunha modelo no mercado norteamericano... Nada cambia.
A nota media que lle damos é de 6'2.
E o momento é chegado: os versos toman a palabra. Me gustas cuando callas porque estás como ausente, Garcilaso e a súa dor, Abre la muralla, Rimbaud e o seu dormente do val, un belo poema sobre a maternidade, o noso Benedetti, e o Perdóname por ir así buscándote de Salinas....Que instantes máxicos se crean na biblioteca, arredor da mesa sinuosa e dos poemas elixidos...!
Esta vez cústanos separarnos e deixarnos de emocionar. Son as nove da noite cando o conseguimos. A próxima cita co Club de Lectura do Antonio Fraguas, xuntanza extraordinaria ao carón da Faneca Brava de Manuel Portas. Boa lectura!
Ningún comentario:
Publicar un comentario