IES XELMIREZ I
CADERNO DE BITÁCORA
CLUB DE LECTURA PALABRAS COMPARTIDAS
CLUB DE LECTURA PALABRAS COMPARTIDAS
Xoves, 28 de maio de 2015
O verán xa está á volta da esquina e hoxe reunímonos de
novo no que será o penúltimo encontro das Palabras Compartidas antes das tan
desexadas vacacións estivais. Esta tarde contamos con varias ausencias:
acontecementos imprevistos, unha enfermidade, un último exame de curso, fan que
non poidamos gozar da compañía dalgúns/as membros deste club de lectura, pero
non nos desanimamos, e, os que estamos, empezamos a reunión coa mesma ilusión
de sempre e botando en falta os/as ausentes.
![]() |
A primeira lectura desta tarde é A orde alfabética, de
Juan José Millás. Loli fálanos un pouco deste autor do que ela e Valentín son
seguidores, unhas veces por radio, e outras a través dos seus artigos
publicados nun xornal nacional. Cren que as formas en que chega ao público a
través dos medios radiofónicos é diferente ao que logo transmite na
escritura. É un escritor desconcertante que en case todas as súas novelas
crea certo desasosego no lector. Ten unha obsesión coa loucura, a identidade
e a lingua. Pode converter calquera feito cotián nun suceso cheo de fantasía.
É o que acontece na novela de hoxe. O escritor crea
unha liña moi fina entre o real e o imaxinario que marca a división entre as
dúas partes das que consta a novela. A
primeira parte ten como protagonista un neno de 14 anos, enfermo, que,
dende a cama, vive unha aventura a través dun mundo imaxinario. Que pasaría
se as palabras comezasen a desaparecer? O seu pai ten obsesión por unha
enciclopedia, e a súa ameaza de que, se non le, os libros acabarán
desaparecendo, faise realidade en dito mundo. Os libros voan, abandonan os
estantes das casas, das escolas, e as letras comezan a desaparecer.
|
Unha das primeiras palabras en desaparecer é “mesa”. Incómodos
porque non poden pronunciar a devandita palabra, homes e mulleres empezan a
desfacerse das mesas e comezan a vivir sen elas. A medida que seguen
desaparecendo máis letras a convivencia vólvese caótica.
O protagonista desta
primeira parte, Julio neno, pregúntase por que sendo a enciclopedia un modelo
de organización, a realidade non se axusta sempre á orde alfabética: o un, por exemplo, ía antes do dous aínda
que o u era unha das últimas letras do abecedario. Ademais, almorzabamos
(desayunamos) antes de comer e comïamos
antes de cear, cando nunha progresión alfabética se debería comezar o día coa
cea para continuar coa comida e rematar a xornada cun bo almorzo. Esta falta de
acordo permanente entre o mundo enciclopédico e a existencia real constituíu
unha das preocupacións máis fortes da súa infancia.
Non obstante, como comenta
Fernanda, quizais sexa esta primeira parte da novela a máis entretida pola súa
orixinalidade. Deambulando por eses dous mundos alternos, realidade-fantasía,
Millás descóbrenos outra forma de ver e sentir as diferentes categorías
gramáticas. Cun ton narrativo sinxelo, xoga coas palabras dunha forma case
poética: do verbo di que ten unha
textura fibrosa e un sabor concentrado. Grazas á existencia dun verbo en pasado
ou en futuro, as cousas desaparecidas continúan durando e as que aínda non chegaron
comezaban a suceder. O adxectivo, malia a súa aparatosidade, parécelle
algo insípido; o substantivo é sen dúbida o rei. Así como o sabor do
verbo podía evocar o dunha víscera, o do substantivo estaba máis preto das
sensacións que producen as froitas ao contacto coa lingua. Os artigos e
as preposicións non sabían a nada, pero ao colocalas entre os dentes e
premer rompíanse como as pipas de xirasol.
Na segunda parte encontramos
a un Julio adulto, illado case da sociedade e que se inventa unha muller e un
fillo, unha vida que non ten, seleccionando frases anódinas que escoita ao
azar, co fin de soportar o día a día: “Un
neno de trece anos, catorce en realidade, cúmpreos este mes, ao que están a
facer a ortodoncia”, “Unha esposa coa que convive, e que ás veces non está
nesta época do ano porque viaxa ao sur a visitar a súa nai, que é viúva”. A
lectura, nesta parte da novela, faise máis pesada e mesmo chega a ser un pouco
deprimente, pois a falta de empatía cos demais, a enfermidade do seu pai e a
soidade levan a Xulio a refuxiarse novamente na lectura da enciclopedia.
Parece ser que os sentimentos
de melancolía e desacougo son as características principais que se deixan
sentir nas novelas de Juan J. Millás. Pode gustarnos ou non, pero o que si é
certo é que as súas lecturas non deixan a ninguén indiferente; proba diso, é Cambio,
o artigo publicado polo escritor o 24 de abril deste ano no xornal El País e que Loli nos le (e que nós vos
animamos a ler).
E terminamos a reunión sen
comentar a segunda lectura que traíamos para hoxe, Dime algo sucio, de Diego Ameixeiras, porque Loli nos
comunica que o autor estará connosco na nosa próxima reunión de Xuño. Así que
deixamos a cos comentarios de primeira man do autor crítica para o próximo mes.
Non vola perdades!
|
![]() |
Ningún comentario:
Publicar un comentario