IES XELMÍREZ I
CADERNO DE BITÁCORA
CLUB
DE LECTURA
PALABRAS COM PARTIDAS
Xoves, 23 de abril de 2015
Para
moitos/as de nós, o club de lectura é un momento de encontro con novos/as
amigos/as, un momento para evadirnos do cotián, poder compartir as nosas
emocións e sentimentos a través da lectura, e por iso sempre agardamos con
moita impaciencia o día da seguinte reunión. Non obstante, este mes tivemos que
esperar un pouco máis do previsto xa que, un feliz acontecemento acaecido cara
á metade do mes, fíxonos pospoñer a reunión no día sinalado. Aínda que un dito
popular di "o que espera, desespera", a devandita espera non nos fixo
caer no desespero, e estamos cheos/as de
alegría e emoción pola chegada a este mundo, baixo o primeiro signo do zodíaco
e iluminada por unha lúa minguante que brillaba esa noite no firmamento, dunha pequena e fermosa flor de primavera
que encheu de orgullo e felicidade a
unha das nosas lectoras, alguén que, por cariño, proximidade e amizade, nos
contaxia a todos/as destes momentos tan doces e felices. Dende este humilde
caderno de bitácora, querida Amara, queremos darche a benvida a
este mundo de lectura cheo de historias, aventuras, contos... que estamos
seguros/as che contarán cada noite. Calquera momento é bo para ler,
calquera momento é bo para soñar; viaxarás a lugares afastados nunca imaxinados…
Pero, sobre todo, desexámosche que, ao longo da túa vida, te contaxies co
pracer da lectura e que, ao igual que nos sucedeu a nós un día, goces con novas
palabras compartidas.
Seguimos con celebracións xa que hoxe é 23 de
abril, data na que se celebra o Día Mundial do Libro. En todas as cidades de
España xorden actividades literarias.
É un día simbólico para a literatura mundial xa neste día de 1616 faleceron
Cervantes, Shakespeare e Inca Garcilaso de la Vega. Réndese unha homenaxe ao
libro e os seus autores e anímase, en particular aos máis novos, a descubrir
o pracer da lectura.
|
Tamén nós, e
como colofón ao día de hoxe, contamos coa presenza dun personaxe, moi coñecido
pola maioría dos/as alí presentes. que ás veces nos visita no club de lectura como
lector e outras veces, como nesta ocasión, como escritor; falamos de Manuel
Portas, co que comentaremos a súa última novela Amor en alpargatas.
Comeza
Loli cun pequeno percorrido sobre as novelas que leva escritas Portas -catro
en cinco anos, unha carreira veloz para a súa curta traxectoria literaria. No
ano 2010 deuse a coñecer con Denso
recendo a salgado, ao ano seguinte publicou Un dedo manchado de tinta e en 2013 Faneca brava. A historia que hoxe nos reúne, “Amor en alpargatas”, é a súa cuarta novela. Loli confesa que,
como amiga de confianza, ten o privilexio de ler as novelas moito antes de seren
publicadas. Gústanlle, das súas historias, os retratos que fai dos
personaxes, persoas próximas que forman parte das nosas vidas, coma a avoa, o
libreiro... e como expresa os seus sentimentos, e está segura de que a forma
de describir esas sensacións é consecuencia do dominio que ten Portas da lingua e de que sempre foi un
gran amante da lectura.
|
Aínda
que Manuel Portas quere deixar claro que este libro non é unha novela sobre
política, a política está presente. Non pode deixar de reflectir, como
ex-militante do Bloque, os problemas e a experiencia dunha xeración dentro
dese nacionalismo dez anos por diante da súa época. Pode que esa etapa
quedase atrás, pero ao oír contar, a el
e a Xosé Ramón, historias e anécdotas daquela época, queda patente que cada
etapa da nosa vida sempre deixa pegada dunha forma ou outra, e que, ao final,
se facemos balance do vivido, como fai o protagonista durante a narración, o
pasado déixanos ensinanzas, boas ou malas, e está nas nosas mans rectificar ou
loitar por non
volver cometer os mesmos erros.
Delia e Gloria,
séntense identificadas cos momentos vividos por Senén durante aqueles anos nos
que se podía sufrir agresividade lingüística se utilizabas o galego como idioma
para expresarte: “Recorda o pánico a primeira vez que o mandaron saír á
palestra, para dar a lección… Os nervios tupíanlle as palabras na boca. Estaba
tan angustiado que lle saía o galego ao comezo de cada oración, e aquel
profesor, corrixíao, perdoándolle a vida, humillándoo, que non usara o
dialecto, “que para andar con las vacas
sí, pero que allí no”. “Los que venís del monte necesitaríais un año de transición
antes de entrar en el instituto, para desbravaros.” Os mozos de hoxe en día
cando escoitan estas historias non dan crédito, parécenlles doutro mundo, moi
lonxe das súas vivencias. Aínda temos un compromiso coa nosa lingua e debemos
seguir loitando para que non desapareza, pero sempre dentro da tolerancia:
facer unha defensa do galego non implica que non poida coexistir coas demais
linguas.
Que tipo de amor baralla o autor nesta
novela? Portas di que a vida, no que a relacións amorosas se refire, é
complexa para que sexa branca ou negra. A novela comeza dende o final da vida
do personaxe masculino, dende o seu enterro. Senén non é unha persoa de acción,
deixa que as cousas flúan, ten un xeito moi propio de pensar, é unha persoa
introspectiva, desilusionada pola vida e por iso, aínda sendo o personaxe
principal da novela, deixa o protagonismo ás dúas historias de amor vividas,
primeiro con Lucía e despois con Sara.
Dúas mulleres
diferentes no amor, pero, nunha delas, Portas quixo mostrar un cambio progresivo
dende o principio da novela ata o final. Lucía sempre foi a máis dependente
emocionalmente de Senén, e, primeiro, énchese de desexo de vinganza e de odio, e
aproveita o seu despeito amoroso para destruír a Senén. Ao longo da novela e xa
no final, no cemiterio, reflexiona e chega a pensar que “quizais aquela suposta xenreira que sentira por Sara só fose unha
coartada necesaria que lle servise para xustificar a súa propia obsesión, a
paranoia de buscar alguén responsable do seu desamor, alguén que non fose o
propio Senén. Mesmo, nese momento, estaba decidida a chorar con ela, ao seu
carón, á súa par”.
nace
ante unha idea, que ás veces tes que combinar segundo as situacións que están a
suceder. Ponnos como exemplo a carta que o fillo, Xián, lle envía ao seu pai
dende o cárcere: en principio ía ser un diálogo entre os pais e ao final
converteuse nun monólogo.
Que
pasaría se as dúas mulleres chegasen a xuntarse? Portas deixa nesta novela o final aberto, a
xuízo de cada lector. É unha novela escrita en estilo directo, cunhas historias
nas que podemos ver xente corrente, da rúa, e que poderían ser verídicas. Amor en alpargatas gustounos, e gozamos
con ela. É unha obra de moi doada lectura e que pode chegar a lectores/as de
todas as idades. Agradecemos a Portas que compartise unha tarde máis connosco e
esperamos poder volver gozar pronto con algunha dás súas novas historias.
Tamén
traiamos para esta tarde a novela de Javier
Marías, Así empieza lo malo, unha
obra que chegaba a nós con boa crítica pero que non logrou meternos na historia
que contaba: “ Juan de Vere acaba de
finalizar os seus estudos e encontra o seu primeiro emprego como secretario
persoal de Eduardo Muriel, un antano exitoso director de cine, no Madrid de
1980. O seu traballo permítelle entrar na privacidade da casa familiar e ser
espectador da misteriosa desdita conxugal entre Muriel e a súa esposa Beatriz.
Un pasado oculto de cuxas consecuencias o presente está preso...” Para os
poucos/as que chegamos a lela, dende o principio ao fin, esperando un desenlace
moi diferente ao que ao final se desata, o segredo de antano que Beatriz
desvela nun ataque de rabia ao seu marido, polo que non será perdoada en vida e
terá que pagar con amargura ata a súa morte, non deixa de ser un pouco
defraudador para esta novela tan espesa e da que nos sobraría case a metade das
páxinas.
Finalizamos
unha tarde máis, non sen antes pasar á firma de líbros de Portas, e, como xa se
é costume, pedirlle que nos propoña as próximas lecturas do club. As escollidas
esta vez son: El orden alfabético, de Juan J. Millás e Dime algo sucio, de Diego Ameixeiras.
Felices
Lecturas!!!
|
Ningún comentario:
Publicar un comentario