IES XELMIREZ I
CADERNO DE BITÁCORA
CLUB DE LECTURA PALABRAS COMPARTIDAS
CLUB DE LECTURA PALABRAS COMPARTIDAS
Xoves, 26 de xuño de 2015
Co olor das cacharelas de San Xoán, e o balbordo dos
nenos nos parques e rúas da cidade, nótase no aire que as vacacións de verán
chegaron. Para nós/as significa que chega a última xuntanza do club de lectura
por este curso académico, polo que temos sentimentos encontrados: alegría
porque poderemos gozar de máis tempo para devorar as lecturas propostas, aínda
que algunha deberá elixir se ter entre as súas mans un libro o dedicar todas as
atencións a unha pequena e bochuda revoltosa, e melancolía porque non nos
veremos ata o comezo do novo curso, pero seguro que volveremos coas pilas
cargadas, cun montón de novidades literarias e con moitas ganas de contar todo
o acontecido durante este pequeno lapso de tempo.
Hoxe temos ocupada a nosa querida biblioteca, polo que
Loli se apura en buscarnos un lugar no que poder reunirnos por última vez e que
sexa fresquito, xa que a tarde se presenta calentita no que a climatoloxía e
lectura proposta se refire. Recordaredes que o mes pasado deixamos pendente o
libro “Dime algo sucio” porque íamos pechar o curso ao grande, como
merece este club, coa presenza do autor, e como o prometido é débeda aquí
estamos todos/as nas súas cadeiras e presidindo a mesa o escritor Diego Ameixeiras para comezar a falar
sobre a devandita lectura.
|
Como de costume,
Loli fainos un pequeno percorrido pola biografía do escritor. Naceu na cidade
Suiza de Lausanne, no ano 1976, pero
sendo moi pequeno os seus país, emigrantes, volveron a Galicia e foi criado
en Ourense. É xornalista e guionista de cine. Traballou en varias series
emitidas pola TVG (Terra de Miranda, Os Atlánticos, Matalobos) e é
coguionista das longametraxes 18 comidas e a muller do Eternauta. Cultivador
do xénero negro, publicou ás novelas Baixo
mínimos, Ou cidadán do mes, Todo Ok, Matarte lentamente e a súa última
novela Conduce rápido. Obtivo o
Premio Xerais de Novela con Tres
segundos de memoria, en 2006; Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro
do Ano con Asasinato no Concello
Nacional en 2010; Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia por Historias de Oregón e con Dime
algo sucio, Premio Especial de Dirección da Semana Negra en Xixón, ambos
os dous no ano 2011. Todas as súas obras están editadas en Xerais.
|
Dende o primeiro capítulo, no que nos dá unha
lección maxistral sobre diferentes marcas e modelos de roupa interior feminina,
que a Loli a deixou cautivada, ata o último capítulo, non deixa indiferente a
ninguén este libro. É certo que se trata dunha novela dura, con algúns
personaxes sen nome, pero que deixan trascender polas súas accións a súa forma
de ser, adolescentes que descobren o amor, relacións sentimentais rotas e mesmo
tratando o tema da pederastia.
Loli recoñece que se decatou de que a cidade á que se refería
o autor como Oregón era Ourense avanzada xa a novela, polo que lle pregunta o por
qué do devandito nome?. Diego contesta que é a cidade onde se criou,
aínda que agora sexa ourensán de fin de semana, e que pretendía con iso levar o
lector cara a uns lugares reais segundo a visión que el ten da cidade.
A forma na que está
escrita a novela, capítulos curtos, frases curtas, encanta a Delia e a Fernanda
que prefiren esa forma concisa e breve ás grandes descricións. Diego coméntanos
que non é un libro para ler fragmentariamente, hai que lelo sen ruídos,
tranquilamente, e sobre todo ler cun ritmo pausado. Opta por usar unha
descrición máis fotográfica, describir o que estás a ver quitando o que está
máis lonxe. Non dar moita información porque senón es moi evidente.
Non obstante,
Ana cre que ese modo tan conciso de escritura fai que lle custa encontrar
conexión entre cada capítulo, co cal se perde na lectura tendo que relelo de
novo. Por iso preguntámoslle a Diego Como estruturou a escritura desta novela?.
Diego contesta que dende o principio creou, primeiro as historias e logo as
mesturou, como se fose unha tea de araña. Historias que se relacionan pero que
ás veces se rozan sen chegar a tocarse. Como sucede co capítulo sete no que nos
relata a Primeira Comuñón dunha nena que non parece ter conexión coas historias
restantes, pero aí está, oculto entre liñas, o home da cicatriz: “Nun dos laterais da igrexa sitúase un home
que atende o sentido rezo da cativa, un home que ten unha profunda cicatriz no
pescozo. Non foi convidado a participar na cerimonia, mais pertence á cofradía
dos que teñen reparado no saúdo do reloxo á virxe branca”. Este personaxe
foi o que máis reparo e medo lle dio á hora de escribir ao autor por tratarse
dun tema tan sucio, tan delicado de tratar como é a pederastia. Non queres que
exista pero esta na sociedade, quizais sexa o máis repulsivo da historia.
Pero aínda
sendo coral Diego dinos que se hai un personaxe esencial nesta é Ánxela.
Recriminamos a actitude que Nelson ten na relación con ela, ao que acusamos de
infiel e insensible por como a trata, mesmo chegando a dicirlle que “se tes algún problema chama ao 061” o
que consideramos cruel, pero pode haber alguén tan malo ou hai outra
versión da verdadeira historia que descoñecemos? O escritor quixo deixar en suspenso esa parte
da relación, que non coñecésemos o punto de vista de Nelson para crear un pouco
ese sentir xeral.
Unha pregunta
que lle xorde a Ana, en que xénero encadra o autor a esta novela,
Policíaca, Novela Negra? Diego considera que non é unha novela policíaca
ao uso xa que aínda que comeza co achado de dous cadáveres, non hai policía,
non hai unha investigación e resolución do crime. É máis ben unha novela negra,
o cal lle permite facer máis crítica social que unha policíaca.
Estás contento coa tradución desta novela ao
castelán? Diego dinos que sendo a primeira novela que lle traducen,
mesmo o título é igual nos dous idiomas, está moi contento pola acollida que
tivo en lingua castelá. Cónstalle polas redes sociais que ten máis comentarios
de lectores en castelán que en galego.
Pero non podíamos deixar esta última tarde
literaria con tanto sabor agridoce, así que Loli pon a nota de cor facendo
referencia a un parágrafo da novela que lle chamou a atención: “Ánxela é consciente de que non quere dicir
nin unha palabra máis en toda a noite e pregúntase a onde débese mirar nun
bar cando un está só”. Loli aclara que a ela iso nunca lle pode pasar
porque sempre leva un libro no bolso. Todas/os rimos e tomamos nota da
suxestión e damos por finalizada a nosa función por hoxe, baixando o pano cun
bo brinde do que vos deixamos constancia.
Non sen antes desexarvos a todos/as unhas moi boas
vacacións e que tomedes nota de todas as lecturas que caian nas vosas mans,
gozando coas propostas destas Palabras Compartidas.





Ningún comentario:
Publicar un comentario