CLUB DE
LECTURA CADERNO DE BITÁCORA
IES XELMÍREZ
I PALABRAS COMPARTIDAS
Xoves, 12 de marzo de 2015
Deixamos atrás este inverno tan frío e desapracible e esperamos a
chegada da primavera que nos alegre os
días coas súas paisaxes cheas de flores, luz e calor, que tanto botamos de
menos. Pouco a pouco van uníndose novos/as
lectores/as, o que obriga a ampliar a mesa arredor da que nos xuntamos;
e dado o novo número de lectores/as alí
presentes nesta tarde, elíxese unha nova ubicación que non convence a todo o
mundo, sobre todo a Fernanda, que se queixa de que, dende
onde ela está sentada, non ten visión de
todos/as os/as alí presentes á hora de comentar os libros. Quizais teñamos que
botar man das tan famosas e célebres Mesas Redondas da Idade Media, onde o Rei Arturo e os seus Cabaleiros se
sentaban para discutir asuntos cruciais para o reino! (e xa que a nosa querida
e prezada biblioteca loce cada día máis "Real" e
"Maxestosa" quizais teñamos que reformulalo).
A primeira lectura da que damos conta esta
tarde é "Los años de Peregrinación del chico sin color” de Haruki
Murakami, que nos quedara pendente en febreiro, e que tivemos que pospoñer ao
visitarnos, no devandito mes, Pedro
Feijoo para falarnos da súa última novela.
O comezo do libro é un pouco duro e xa nos
revela a trama gris da novela: "Dende
o mes de xullo do segundo curso de carreira ata xaneiro do ano seguinte, Tsukuru Tazaki viviu pensando
en morrer... " A razón pola que a morte atraeu con tanta forza a Tsukuru, o personaxe principal da novela, estaba
clara: un bo día, os seus catro
mellores amigos, cos que tantas cousas compartira, comunicáronlle que non
querían volver velo, e tampouco falar con el. Fixérono de modo repentino e
rotundo, sen concesións. Non lle deron explicación ningunha sobre o motivo
daquela cruel decisión e Tsukuru non
se atreveu a preguntar. As relacións dos cinco amigos do instituto
cambiará, e o que antes foi unha ralaciónharmónica e sen perturbacións
deixará de existir, e a vida de Tsukuru
Tazaki quedará dominada polo desexo de morrer.
|
Tsukuru xa
se sente diferente dos seus catro amigos dende o principio: eles teñen nomes
relacionados con cores (aka-vermello, ao-azul, shiro-branco e kuro-negro) e el é, simplemente, o rapaz
sen cor: "a miúdo pensaba no moito
que lle tería gustado ter un apelido cunha cor. Entón todo tería sido
perfecto". O seu nome, Tsukuru, está relacionado co verbo tsukuru que significa
"crear", "construír"; é por iso, quizais, que dende a
infancia estivo tan fascinado polas estacións de ferrocarril e, chegado á idade adulta, dedicouse a deseñalas
e construílas . Todos os amigos teñen personalidades bastante depresivas; e
mesmo a melodía que interpreta Shiro, unha das protagonistas, “Le mal du pays”,
unha peza de Os anos de peregrinación de
Liszt, transmite nostalxia, melancolía, tristura sen razón aparente.
A lectura é doada pero non deixou pegada a moitos/as.
É unha novela moi xaponesa, e, como di
Valentín, os nipones non expresan os sentimentos, manteñen unha emoción contida,
non hai contacto entre eles: na cultura do Sol Nacente non se saúdan dando a
man, nin moito menos un bico. Muriel cóntanos que a ela lle chamou a atención,
recén chegada ao noso País, que todo o mundo se saudase cun bico e un abrazo,
aínda que as persoas case non se coñecesen. E é que cada cultura ten a súa
idiosincrasia e hai que coñecela e respectala.
No verán do 2011 o Führer,
que aínda viste o seu uniforme, esperta nun descampado de Berlín. Dóelle a
cabeza e non sabe onde está, nin tampouco como puido chegar a ese lugar. A súa
amnesia non está causada pola borracheira (o Führer é abstemio!) e, tombado sobre
o chan non ve máis que ceo azul sobre el e asómbrase ao oír o canto dos
paxaros. " Acaso unha pausa nos combates? " pregúntase Hitler.
Con só nomear a sinopse da novela, Volveu de Timur Vernes,
revoluciónasenos a sala da biblioteca. Moitos/as dos alí presentes
negaron dende o principio esta novela, para moitos cun humor negro demasiado
forte É certo que algúns parágrafos son de mal gusto, rozando mesmo o
grotesco, pero trátase dunha sátira sobre o Führer. O propio Hitler é o
narrador da historia, o que provoca, nalgúns momentos da novela, situacións
cómicas. A pesar diso, ninguén pode entender como é posible que en Alemaña se
convertese no maior éxito dás librarías do país.
|
Non podemos
esquecer, porén, que Hitler é
un dos personaxes máis parodiados do mundo -recordemos o célebre discurso de
Charles Chaplin parodiando ao
Führer. O libro quizais engancha máis coa súa portada, na que se ilustran os
famosos flocos do ditador, e o título, que ocupa o lugar do característico
bigote de Hitler, que polo seu
contido, cheo de referencias e nomes históricos descoñecidos para un público
alleo a Alemaña, o que fai necesario consultar moi a miúdo as notas a pé de
páxina. Do mesmo modo que a portada do libro é singular, o prezo non está
elixido ao azar: 19,33 € as mesmas cifras do ano en que Hitler chegou ao poder, 1933.
Non
obstante, as dúas “Anas”, que o leron, analizan o libro dende o punto de vista
da actualidade. O autor déixanos caer que Hitler podería volver ter éxito na Alemaña do
presente século, polo que xorde unha pregunta: segundo os medios de que
dispoñemos hoxe en día, sería factible
que o Führer puidese retomar a súa carreira política e
mesmo chegar a formar un novo exército de seguidores? A pregunta queda no aire,
pero aí están a historia e a actualidade.
Parece
ser que este mes non calaron moito as lecturas propostas; a seguinte novela Cómo
ser buenos, de Nick Hornby, puxo de mal humor a máis dunha das
nosas lectoras. O autor está considerado como un dos máis divertidos
cronistas de Inglaterra, pero entre a infidelidade da muller, a
transformación do marido nun modelo de virtudes e a obsesión por ser boas
persoas, nin Gloria nin Fernanda son
capaces de encontrar un chisco de humor. Definen a protagonista como submisa,
conformista, unha vítima da situación pero que mantén esta. Xorden moitas
preguntas: que é ser bo?, onde está o límite?, quen pon o límite para
considerar que ti es bo?.
Porque, para ser bos, hai que ser políticamente
correctos? Loli empraza a Valentín e a Xosé Ramón a que lean
a novela e nos dean o seu punto de vista na próxima xuntanza, xa que ás féminas non lles deixou bo sabor de
boca.
|
Ben, esperemos que poidamos gozar máis coas
próximas lecturas: Así empieza lo malo de Javier Marías e Amor en
alpargatas de Manuel Portas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario