Páginas

xoves, 5 de marzo de 2015

PEDRO FEIJOO E A SÚA MEMORIA DA CHOIVA



CLUB DE LECTURA                                                              CADERNO DE BITÁCORA
      IES XELMÍREZ I                                                                     PALABRAS COMPARTIDAS



Xóves, 19 de febreiro 2015



Xa de volta do entroido, gardados os disfraces para o ano que vén e despois dalgunha que outra enchente de orellas e filloas, as “palabras compartidas” xuntámonos de novo. E damos a benvida a un dos escritores en lingua galega de maior actualidade: Pedro Feijoo. Con el temos o pracer de inaugurar, neste 2015, as reunión dos/as lectores/as co/a autor7a das obras lidas ao longo destes meses.

Á cabeceira da mesa das grandes celebracións, presidíndoa, está Pedro, e, á súa dereita, acompañándonos nesta xélida tarde de inverno, Manuel Portas, o director do noso Instituto e tamén escritor, mais que desta vez asiste á reunión como un lector máis das obras de Feijoo. Nas cadeiras restantes ímonos situando os demais lectores/as sen deixar de prestar atención ao personaxe que dentro dun anaco “bombardearemos” con preguntas, dúbidas, curiosidades, e todo o que se nos ocorra en relación ao libro A Memoria da Choiva.






Loli ponnos un pouco ao día sobre a  traxectoria deste autor. Naceu  en Vigo en 1975 e licénciase  en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela.  En 1997 publicou o seu primeiro  libro, Cousas do “Galicia”, por Castelao,  non que se explica a relación de Castelao co xornal Galicia que dirixiu Valentín Paz-Andrade. En 2005 publicou Viva o Fu Remol!, unha crónica sobre os problemas do panorama musical galego, e en 2011 o relato “O segredo do viaduto” no libro XII Certame Literario de relatos curtos Os Viadutos. Neste mesmo ano, a súa 1ª novela, Os fillos do mar, queda finalista do Premio Xerais de Novela, e en 2013 élle outorgado o Premio Literario Arcebispo Juan de San Clemente na modalidade de lingua galega. Nos  dous últimos anos dedicouse  profesionalmente á música, levando a cabo un intenso labor como produtor, compositor e membro dalgúns dous máis coñecidos proxectos musicais galegos: Los Feliz e Lamatumbá.

A primeira pregunta que xorde é se abandonou a música definitivamente ou a compaxina coa escritura. Pedro contesta que ten a sorte de poder dedicarse exclusivamente á escritura grazas, en parte, a que ten unha familia e unha parella que o apoian. A  música segue  presente no seu día a día, si, así como outras disciplinas que influíron nel como escritor (o cine, o humor...), pero foi un camiño e nalgunha ocasión pasouno mal, pois non encontraba sentido a unha canción até que non vía a reacción que suscitaba entre o público. Na escritura busca o diálogo cos lectores, algo que considera fundamental e é o que fai que se decante pola literatura. Nesta parte da conversación, coméntanos que, malia bastante torpe, é moi activo nas redes sociais, e que a súa torpeza non lle impide contestar a calquera pregunta que se lle formule a través destes medios.
  



E falamos xa da  súa segunda novela, A Memoria da Choiva, que comeza cunha cadea de mortes en serie que acontecen durante os dez días anteriores ao 17 de maio e que teñen como fondo a vida e a poesía dunha das escritoras máis relevantes da nosa literatura: Rosalía de Castro. É unha novela cun ritmo trepidante, na que se mesturan o amor, o odio e o sangue.
Os poemas elixidos para apareceren na novela desprenden moita dor, e







Feijoo non os escolleu ao azar. Nada é por casualidade: cada poema, cada nome, cada situación, está moi meditado e todo ten un porqué. De feito, a marabillosa mestura dun poema de Rosalía coa trama da novela, sérvenos de pista, tras a aparición dun cravo na escena do primeiro asasinato:

 “Unha vez tiven un cravo,
cravado no corazón,
i eu non me acordó xa si era aquel cravo
de ouro, de ferro ou de amor…”

A seguinte pregunta que lle formulamos é por que nunha novela de asasinatos aparece Rosalía, unha figura tan relevante nas nosas letras. Pedro contesta cun ton de voz pausado, cálido, que conecta deseguida cos alí presentes. Xesticula  moito coas mans e, de cando en vez, tócase a barba á altura do queixo como dándose un tempo de reflexión antes de prosegurir coa súa resposta. O noso escritor non pretende dar ningunha lección sobre Rosalía, senón que busca que o lector, a medida que avanza na lectura, con cada pista, situación, reseña, ou mesmo poema, sinta a necesidade de descubrir máis sobre este personaxe tan misterioso e descoñecido que é Rosalía de Castro. Cremos que en moitos/as de nós/ás o conseguiu. O vídeo ao que fai referencia Feijoo na novela, que leva por título de Pelerinaxe Lírica aos lugares Rosalianos, é un dos máis baixados de Internet dende a publicación do libro. Pero no noso club de lectura todo pode pasar e Fernanda cóntanos que, no devandito vídeo do ano 1951, se poden ver os seus sogros. Ela posúe unha cinta orixinal, polo que o documento ten, se cabe, un valor especial.

O proceso de creación desta novela prolongouse ao longo de case tres anos, durante os cales o autor dedicouse a recompilar documentación, tocando a moitas portas e a través de amigos que o axudaron nas súas pescudas a obter información, chegando a descrubir documentos que, como lle aconteceu á protagonista da novela, a profesora Sofía Deneb cos poemas de Lorca, tivo que deixar no fondo do caixón. Como en toda novela, sempre hai algo de ficción e algo de realidade, e, no caso de  A memoria da Choiva, algunhas descricións ou situacións do libro incomodaron a persoas de distintos sectores da sociedade galega, algunas das cales poden identificarse pola súa traxectoria; e isto mesmo sen coñecemento do autor, que se confesa bastante despistado.

O autor non adoita empregar as descricións físicas nos seus libros, e, de feito, exceptuando unha pequena mención aos ollos de Sofía, nesta novela máis refencias físicas dos protagonistas da historia. Xorde a pregunta e a discusión, ente os alí presentes, se o final do libro é aberto  ou non. Entre risas, Portas aconsella a Pedro que non conteste, que o deixe a criterio do lector.


 Fórmase un pequeno balbordo. Pedro ri e di que a el lle gusta tirar do fío até o final, e que vai coa personalidade do asasino, neste caso Adriano, e compárao con finais de películas como Instinto básico ou Hannibal Lecter. Son finais que non se din pero que se intúen a través da última escena.  A minoría pensa que está pechado pero quizais os/as máis románticos/as creen que non. Todo pode pasar!
Coméntanos que el mesmo traduce as súas novelas ao castelán, sobre todo despois dunha mala experiencia anterior. Resulta difícil poder reinterpretar noutro idioma o sentir dos personaxes, só pode ser o propio autor o que sabe o que quixo dicir e como o quixo dicir. Pedro Feijoo non comeza nunca a escribir unha novela até que non ten o seu particular “mapa de estrada” elaborado. Xa ten a súa terceira novela case en camiño, e sairá despois das próximas vacacións estivais. Preguntámoslle polo título e, aínda que está desexando dicilo, teno prohibido, polo que teremos que esperar á súa publicación. Seguro que terá tan boa acollida como as dúas anteriores.

Dámoslle os parabén ao saber que este ano volve repetir nominación para o Premio Literario San Clemente, na categoría de narrativa galega, xunto a dous grandes amigos, Suso de Toro e Anxos Sumai. Preguntámoslle que significa estar nominado outra vez ao devandito Premio e nos dinos que, para el, o San Clemente é un dos premios máis gratificantes que existen, primeiro, porque sempre é de agradecer que se recoñeza o teu traballo e, segundo, porque este premio está outorgado por alumnos/as de 2º de Bacherelato procedentes de distintos institutos galegos e que representan os novos lectores do noso futuro literario. Sabe que é un xurado moi esixente pero tamén pouco influenciado e cuxos gustos literarios, malia a súa xuventude, deben terse en conta, aínda que,  ás veces, se nos esquezan. Loli comunícanos que este ano o Xelmírez I está convocado como xurado ao devandito Premio, e ela está inmersa na elección dos/as alumnos/as, algún/algunhas dos/as cales son lectores/as moi activos/as e  presentes no club de lectura para alumnos/as que temos no Instituto. Desexámoslle moita sorte e agradécenolo.

Chega o momento da despedida e a firma dos exemplares da súa novela, pero non nos imos sen antes preguntarlle por algún libro para as nosas próximas lecturas. Recoméndanos tres títulos en castelán dos cales escollemos os dous seguintes:  Ha vuelto, de Timur Vermes e Cómo ser buenos, de Nick Hornby.








Ningún comentario:

Publicar un comentario