Páginas

martes, 24 de xuño de 2014

Caderno de Bitácora, maio 2014

   IES XELMÍREZ I                                                                              CADERNO DE BITÁCORA
CLUB DE LECTURA                                                                          PALABRAS COMPARTIDAS


Martes, 6 de maio de 2014

Esta xuntanza é especial. Nin están as de sempre nin están onde acostuman. Pero que non soe mal: hoxe a reunión é no IES Antonio Fraguas e co seu club de lectura, arredor de Berta Dávila e do seu premiado O derradeiro libro de Emma Olsen. As nosas contertulias do Xelmírez chegan antes da hora porque hai que estacionar os automóbiles e non saben se o parquin do centro estará ou non habilitado para elas.  Pero Chus, a organizadora do encontro, espéraas acolledora. Bícanse, recoñecéndose, coa ledicia de volver a coincidir. A biblioteca deste instituto compostelán da zona norte da cidade remodelouse, e é máis cálida se cabe que fai uns anos. Alí en torno a unha grande mesa nais, alumnado, profesoras e profesor de ámbolos dous centros toman posición...en principio posición no espazo, logo xa serán posicións sobre a lectura compartida.


Berta Dávila é nova, moi nova, de face limpa e mirada tímida. Ten vintesete anos, e xa moitos premios no seu haber. Os últimos son os que tráennos hoxe ata aquí: o Premio Repsol 2013 de Novela Breve e o Ánxel Casal para a súa O derradeiro libro de Emma Olsen. Chus Juanatey nola presenta: poeta e narradora, afeccionada á música de todo tipo, admiradora de Gabo (o noso recientemente desaparecido Gabo) e de Anna Karenina. Xa de adolescente Berta Dávila presentouse a concursos literarios: a querencia pola lectura e pola escrita venlle de sempre. A inspiración nácelle da súa propia experiencia vital, e as historias que conta e as súas personaxes respostan a súas inquedanzas e dúbidas. De feito, o que parece máis ficticio nas súas tramas é o máis real, e viceversa.
       Berta é mestra, e, como tal e como alumna de profesores que aínda lembra, manifesta que a importancia da labor docente é a capacidade de xerar preguntas no alumnado máis que asombrar con precisas e marabillosas respostas. Berta é escritora, e como tal non se atreve a clasificar a literatura en literatura xuvenil e non xuvenil: o que hai é literatura, boa e mala, e lectores, bos e malos. As clasificacións. que nacen posiblemente de intereses editoriais, forzan a realidade.


O derradeiro libro de Emma Olsen: como nace? Xurde como necesidade de contar a historia de Emma Olsen. Viaxaba Berta Dávila nun ferry, nunha singladura que lle provoca pánico e desacougo: a decisión razoable de aguantar as vintecatro horas de viaxe levouna a buscar distración nunha revista que atopou e na que apararecía a escritora norteamericana Anne Sexton. Ela foi a inspiración da que xurdiu en 2011 Emma Olsen, aínda que esta non é un calco da poeta norteamericana senón unha mistura de moitas persoas que a autora coñece.
       Chama a atención a localización da trama: Dakota do Sur, en USA. Explica Berta Dávila que primeiro naceu a historia e logo a localización. ademais, os conflitos humanos son universais.Quixo situar a Emma nunha paisaxe desolada como é Faith, que si existe. As referencias musicais, os aspectos culturais, as descripcións minuciosas amosan a América profunda, a atmósfera opresiva desas paraxes estadounidenses que non son tan recoñecibles. A autora documentouse sobre o clima, os lugares, os feitos históricos relevantes que teñen que ver co espazo e o tempo que retrata na súa novela. Berta Dávila traballa con esquemas recollidos en fichas nunha pizarra, que ordena, completa e corrixe segundo vai avanzando o seu traballo, o cal, confesa, resultoulle divertido nesta ocasión.

De que estamos a falar? Posiblemente, das diferentes formas de matarse. Iste é o obxectivo sobre o que planea toda a acción. Ou sexa, o desexo de fuxida dun ambiente claustrofóbico, o de Faith, o da vida programada, ansia de escapar a un determinismo abafante. Trátase de romper co destino, para ir na procura dos propios desexos, ben emprendendo unha viaxe cara lugares lonxanos ou cara a morte.
       Eses diferentes xeitos de morrer nas propias mans refírense a soidade, a condición humana de estar so e a necesidade que se ten de escapar a este mantra. Neste contexto preséntase a literatura como a expresión desa soidade como vocación. A literatura (simbolizada na personaxe de Montana, do que despois comentaremos) é o camiño da salvación, a escrita é a válvula de escape. Páx 65: "Quen aprende a amar a poesía con dezasete anos xa non a abandonará nunca".
       Fálase tamén da infancia como etapa decisiva no desenvolvemento da persona: (páx. 37) "Supoño que os ollos cos que se mira cando se teñen oito anos son para sempre". Logo, quizáis, estase a tratar de variacións sobre ese mesmo tema. Porque a volta ás orixes é implacable: a protagonista atopa de novo no seu pobo natal e na súa infancia e xuventude as respostas, que incluso atinxen á súa propia redención existencial. Xabi Prieto, do Fraguas, eloxia a novela, e alude explicitamente a esa culpa de Emma, que resulta non ser de Emma. A nosa protagonista carga co peso da culpa das vitimas, porque o peso da culpa pode ir sobre esas vitimas que non son culpables. Emma Olsen reflicte que as mulleres xeracionalmente cargaron con culpas que non lle corresponden.
       E aquí enlázase co clandestino: o lesbianismo soterrado das personaxes feminas centrais. A simetría de corpos e almas, o mito da media laranxa.       


Quen nolo di? Emma Olsen é ambivalente. Non é un alter-ego de Berta Dávila, senón que ás veces propón o contrario do que realmente pensa a autora. O xogo dicotómico Emma-Clarissa, nun contexto de dominio, reflicte a tensión da propia existencia na procura da identidade persoal, nesa atmósfera insufrible de Faith. Emma é o intento de salvar a vida, Clarissa é inesperada e deleznable, e non dubida en sacrificar a vida en aras dunha suposta xustiza.
       Montana, que simboliza á literatura, é o eixo que permite a Emma a súa saída cara a vida.

A galería de personaxes secundarios enmarca de xeito asombroso á protagonista: os pais de Clarissa, a nai de Emma, Susan.A idea da autora é a de cortar as historias secundarias que se deixan, non obstante, entrever, e non a de amplificalas.

Como se di? A través dunha estrutura clara en capítulos, cunhas abundantes notas a pie de páxina que dan versosimilitude a acción e incitan a buscar información sobre unha Emma Olsen real. Nesas notas faise referencia moitas veces a supostos libros que Emma Olsen escribiu. Berta Dávila confesa que son referencias a obras propias non publicadas ou inacabadas, a modo de vinganza sublimada da autora galega. Berta dinnos que é algo frecuente nos seus libros, facer guiños no publicado a obras que non están no mercado editorial.

Berta Dávila mandou O derradeiro libro de Emma Olsen ao premio Repsol e esqueceuno. Estaba de mudanza cando recibiu unha chamada que ela relacionou co recibo do gas. Era a noticia: esa novela fora premiada na edición do 2013. Nos non o esqueceremos.


Recollemos bártulos no IES Fraguas, non sen antes concertar a nosa vindeira cita, xa no Xelmírez: será o luns 9 de xuño ao redor de El amor en los tiempos del cólera do recente finado García Márquez. Boa lectura!


Ningún comentario:

Publicar un comentario