Páginas

mércores, 14 de maio de 2014

Caderno de Bitácora, abril 2014

  IES XELMÍREZ I                                                                              CADERNO DE BITÁCORA
CLUB DE LECTURA                                                                         PALABRAS COMPARTIDAS


Xoves, día 24 de abril de 2014

Casualidades da vida: encóntranse todas a un tempo no recuncho dos libros do instituto...O de recuncho é dito con agarimo, porque a Biblioteca hoxe loce preciosa. Está inundada de luz e de cores: a luz que entra polas fiestras (mantense o ceo azul en Compostela) e as cores dos libros que a reciben desde os anaqueis. As nosas contertulias queren ir paseniño, gozando, porque hoxe o programa non é apretado. Decidiron hai uns días facer dúas xuntanzas: hoxe tocará só a novela de Éric Faye, porque a de Berta Dávila a compartirán en breve co Club do Fraguas.

La intrusa, novela francesa que vén moi recomendada. Muriel leuna na versión orixinal francesa. Faino sempre que a proposta corresponde a un compatriota seu. Éric Faye, galardoado cun premio da Academia Francesa da Lingua, éo.
       Esta obriña, breve, non consegue o noso apoio de xeito unánime. Muriel e Loli lóana encantadas. Fernanda e Berta expresan un certo escepticismo.
      
Todas coinciden en que un pero está nos aspectos formais: falla a creación da atmosfera. A acción transcorre en Xapón e non se consegue xerar a sensación de que as personaxes e o escenario son orientais. En usos e costumes a narración parece situarse en calquera lugar do Occidente Xeográfico do mundo. Loli opina que, de todos modos, a historia e as personaxes están ben construídas e conséguese imprimir tensión cando se require, como por exemplo, nas escenas do xuízo.
O tema ben pode ser a soidade e a incomunicación. Un home gris, só e solitario empeza a pensar na posibilidade, á vista dos feitos, de que a súa casa estea sendo visitada por alguén estraño. Comprobará, instalando una cámara, que non se está a tratar de algo puntual senón de que unha muller vive no seu fogar. O descubrimento sorpréndeo e ao tempo excítao: "Ella estaba casi de espaldas y, de pronto, sólo tuve ojos para su nuca, ambarina, arqueada, y su elegante cuello, como surgido de las hábiles manos de un alfarero. Y ese cuello descendía hacia un pecho color arena, oculto, perfinaldo por dos pequeñas dunas. A través del cristal contemplaba el milagro del sol". Poesía no recordo da intrusa.
        Pero quen é verdadeiramente o intruso? Shimura desde a súa separatidade xa non pode despois da detención dela soportar a súa existencia na casa, sabéndose só, e tras un ano vivindo acompañado. Tamén é certo que se invadira a súa intimidade....pero quizais compense, poderíase deducir. Ambos os dous son uns perdedores e no seu fracaso, sen sabelo, atópanse. El refúxiase na rutina dunha vida anodina e perfectamente organizada, cuns canons do cotián aos que agarrarse para non perderse definitivamente. Ela aposta por asirse aos recordos, ao seu pasado. (Páx. 84) "Ése es precisamente mi punto en común con él, algo de lo que no hay por qué avergonzarse ni enorgullecerse: no ser nada. Eso es lo único que nos une. A veces, las nadas se diferencian en todo y del todo".

Faye non pode deixar de lado reflectir tamén o momento de crise da nosa época, e utiliza un xogo de espellos para amosar en paraleto a crise social e a crise do individuo, da persoa. (Páx. 74) "Cunde el estupor. En los parques donde los niños jugaban al capitalismo, acaban de extraviarse las reglas del juego", dise con contundencia.  
Todas temos a sensación de que sobra que a casa tivese sido o fogar no que a muller vivira a súa infancia. Non engade nada relevante á historia. É sospeitoso que sobre algo na acción...: incomoda o detalle para unha valoración definitiva favorable. Porén, cualifícase esta obriña como pequeniña, pero matona.
 De cara á vindeira xuntanza cos colegas do Fraguas intercambiamos impresións sobre Berta Dávila e o seu O derradeiro libro de Emma Olsen. Aínda que en principio parece non ternos entusiasmadas, ao falar da lectura gaña de súpeto, e sentímonos inclinadas a facer, cando menos, unha relectura. Verémonos de novo no IES Antón Fraguas para comentalo en conxunto o 6 de maio ás 19:00 horas, concretamos, non sen antes fixar a nosa xuntanza das Palabras Compartidas no 5 de xuño ao carón dos últimos poemas deste curso, de Nada se opone a la noche de Delphine de Vigan e do noso incomparable García Márquez, recentemente desaparecido, co seu El amor en tiempos del cólera. Boa lectura!

Ningún comentario:

Publicar un comentario