CLUB DE LECTURA PALABRAS COMPARTIDAS
Luns, 9 de xuño de 2014
Sete do serán, a súa biblioteca....saben qué a última xuntanza deste ano académico, sen contar a que suporá a celebración festiva de tantos bos momentos, cara finais de mes, en torno a uns viños e unhas tapiñas...pero esa é outra historia da que non levarase conta (non interesa que transcenda). Hoxe falta algunha: contratempos de última hora. As lectoras están alegres, soltas...achéganse as vacacións estivais e xa é unha razón de peso para a ledicia. Ademais, hoxe toca poesía e recordatorio do día do libro.
Loli, a nosa bibliotecaria, lembra a efemérides do día do libro, en abril pasado. Proxéctanos un video que recolle as intervencións máis destacadas que tiveron luar no instituto. Si, este ano decidiuse convocar a bos lectores e lectoras, persoas de todo tipo non ligadas profesionalmente á ensinanza, para que foran polos grupos de Secundaria trasmitíndolles ao alumnado as súas experiencias coa lectura e a paixón que esperta neles. Unha desas convocadas foi Ana, a nosa lectora do club, e disfrutou lembrando esa data ao verse na grande pantalla da biblioteca. Todas disfrutamos, obviamente. As faces dos rapaces e rapazas, a emoción dos relatores, e os libros como os protagonistas desa xornada enchen o momento.
A poesía desta tarde é a de Neruda (Los versos del capitán) e a de Rosalía, que veñen da man de Mª José e de Fernanda. A maxia queda garantida xa para todo o tempo que dure a velada.
E pasamos a García Márquez, a Gabo, ao noso Gabiño....menuda xoia! El amor en los tiempos del cólera, releída tantas e tantas veces, e esta é unha máis.
A análise formal non arroxaría nada novo que non estivera xa antes dito. A perfección estilística e literaria queda fóra de toda dúbida. Pasamos a disfrutar directamente do seu contido, dos temas, das cosmovisións que proxecta a trama e as súas personaxes. Unha idiosincrasia, un modo humano de ser, mellor dito, os modos humanos de seren as persoas que viven o amor, a paixón e os corsés sociais dunha época.
Amor e morte, saúde e enfermidade. O amor e o cólera. Eros e Thánatos, a historia máis humana xamáis contada. Que esta novela de Gabo é unha historia de amor é unha certeza na que todas coincidimos. Que sexa unha historia de amor sen fisuras esa xa é outro cantar. Muriel ven encadilada: o triunfo do amor despois de toda unha vida á espera da súa consumación, a escea do barco na travesía que supón a carnalización dun sentimento etéreo ata ese momento, xa cos amantes vellos e expertos, que sen embargo tremen pola novidade do encontro...Non, non...outras lectoras rómpenlle a Muriel a beleza da súa interpretación...A historia dos protagonistas revela un amor triste, encorsetado polos convencionalismos sociais dunha cultura e, posiblemente, un amor obsesivo, enfermizo e difuso. O cólera da o trasfondo necesario para presentar os sentimentos contaminados, sublimados ou quizáis non de todo claros.
É Fermina Daza unha sufridora por amor ou unha muller cómoda que deixase levar polos condicionantes socioeconómicos de clase e prefire, plenamente consciente, a Juvinal Urbino e non a Florentino Ariza? Juvenal Urbino ofrécelle unha relación pautada acorde co momento e o luar, unha relación fácil, doméstica, que lle outorga o equilibrio desexado nun ambiente perigoso porque a enfermidade acecha. O marido quere á súa muller, á súa maneira, pero a quere. Perde Fermina o tempo da vida nese matrimonio por conveniencia e convencional ou a gaña?
Florentino Ariza pode non ser tan bo como o pintan (??): baixo o lema "mellor a lealtade ca fidelidade" pódese esconder un pederasta en potencia (comentamos moito a pasaxe dasúas relacións sexuais coa prostituta menor de idade, que pode ser autobiográfica), un home promiscuo que rexeita dunha relación sentimental ao uso, e incluso un egoísta inmaduro que vese incapaz de sacrificarse en aras da suposta muller da súa vida.
Son hipóteses de traballo....porque o certo é que ficamos encandiladas polo cruce de sentimentos entre as distintas personaxes. Esta lectura da novela de Márquez levounos por unha senda crítica e desmontadora dos prexuízos románticos dende os que a concebíamos. Sirvíunos para lembrar experiencias persoais nosas nas que tamén podíamos discutir en torno a se amor sí, amor non ou obsesión. Segue a ser o tema, o tema da vida e das relacións sentimentais. O mundo máxico do Nobel, o mundo humano, demasiado humano.
Poñemos cita para ir de festa, ou de festiña. Levaremos propostas de lectura para o vrao, e faremos balance deste ano que remata. Tamén falaremos das novidades que queremos para o noso Palabras compartidas no vindeiro curso, sempre adiante, e sempre a mellor. Faremos fotos e seremos máis lectoras que nunca. Bo vrao e felices vacacións!...E moitas e boas lecturas!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario