Páginas

martes, 4 de febreiro de 2014

CADERNO DE BITÁCORA, xaneiro 2014

CLUB DE LECTURA                                                                          CADERNO DE BITÁCORA
  IES XELMÍREZ I                                                                              PALABRAS COMPARTIDAS


Mércores, 29 de xaneiro de 2014

Hoxe si que están todas, e todos os que esta tarde deben tamén estar: Manolo Portas, o anfitrión e que fará as presentacións debidas, e Antón Riveiro Coello, o escritor favorito neste xaneiro húmido e gris. O Antón de Laura no deserto, a novela que toca nesta xuntanza. Sentan axiña, expectantes, ledas, cun sorriso amable reciben os homes, non vaian dicir que non os queren con elas. De feito, bromean en serio sobre a necesidade de convencer a varóns para o club. Sempre é posible que abran xanelas a novas perspectivas.

O noso director e escritor, Manolo Portas, fainos unha sinopse da biografía de Antón Riveiro, quen senta ao seu carón. Arredor da mesa, esta vez substituímos a nosa xoia de ebanistaría por outra típica da biblioteca, poñémonos as demais. Refírense aspectos pintorescos da biografía do autor de Laura no deserto: os seus estudos nos Salesianos do Salnés, a súa paixón pola música, o encontro milagroso coa que sería a súa muller, e que o convence de que se dedique á escrita, os premios acadados ao longo da súa traxectoria literaria: Pedrón de Ouro, Manuel Murguía, García Barros, Crítica Española, Martiño Sarmiento, finalista do Premio do Casino de Santiago...; abraiante!. Portas destaca o estilo da súa prosa no que se revela o pracer que lle reporta escribir. Antón agradece as palabras do seu colega e ás lectoras o seu esforzo.

Nós, as aludidas, queremos comezar coas obxeccións, que  son poucas, para logo disfrutar sen ambaxes. Criticámoslle a impresión desta terceira edición, que foi a que maioritariamente manexamos. Letra esvaída e pequena, encadernación incómoda para manexar ás noites no leito, moito peso para que sexa doada a lectura....Antón xustifica a reimpresión debido a esixencias da editorial baseadas en dous criterios: extensión excesiva da obra e problemas de prezo final de venda ao público. De feito, confésanos dolorosamente que tivo que eliminar trescentas páxinas xa corrixidas, que non en borrador, por eses criterios crematísticos. Un lamento quedo reúnenos: ohhh, mágoa! Concesións de quen escribe e publica, así, ao tempo....Ábrese un debate amable sobre a comercialización en materia de literatura: libros de calidade ou libros que prometen un éxito de ventas. As editoriais pensan no negocio, e o autor? Antón di que, aínda que suspira pola altura artística da obra, pensa sempre nos seus lectores... e procura axustarse aos criterios que lle marcan desde as instancias encargadas de facerlles chegar ao público os seus libros.
      Entón, preguntámoslle: canto tempo che levou escribir a novela, e como o fixeches? O noso novelista preferido nesta tarde responde que adicou seis anos a documentarse, conversar con personas que o podían inspirar, redactar o borrador e decidirse polo exemplar definitivo. Todo isto baixo a supervisión da súa dona, quen, ao caer o día, sempre lle revisa as liñas recén saídas do forno e llas critica construtivamente. El, como bo marido, e avispado que é, fíase moito do seu criterio: gaba a intuición literaria que ten a muller coa que comparte, sospeitamos, todo.
       E este proceso, como o levaches a cabo?, insistimos. Con paciencia e dedicación, e con moito respecto. A parte inspirada nos campos de concentración nazis foi especialmente difícil, sobre todo a nivel afectivo. Primo Lévy, Jorge Semprún, Jonathan Littel, e tantos historiadores e novelistas que narraron o horror do exterminio de millóns de persoas, servíronlle de fonte. É innegable a pegada que todas estas lecturas deixan na trama de Riveiro, na historia de Ingrid Steiner. E salientable é o interese por enfocar o xenocidio cara aos aspectos cotiás da vida no inferno, que xeraban outro inferno particular, o da perda da propia dignidade desde as propias entrañas de cada un dos prisioneiros, porque sobrevivir implica, moitas veces, tragar os principios morais e regurxitalos sen remisión.
       Estruturalmente, a obra ten varias historias, varias tramas que conflúen arredor dun eixo central: a vida revivida e vida non lembrada de Laura Crussat ou Laura Müslich, inspiradas polas peripecias vitais de persoas reais, Mercedes Núñez e Sofía Romo, a quen o autor inclúe, obviamente, na longa lista de agradecementos.  Moi complicado o proxecto e moi bo o resultado obtido. Ás veces, comenta Fernanda, é como ler unha novela dentro doutra, sen perder o fío xeral. E, incluso, pode ser posible unha lectura non pensada polo autor: seguir cada historia por separado, alterando o ritmo proposto inicialmente.

Rica en contidos, Laura no deserto é unha historia de memoria e de esquecemento, de busca da propia identidade e necesidade de expiar unha culpa xustificable, pero nunca perdoable de todo. O deserto do olvido é o parapeto no que a protagonista se refuxia da súa mala conciencia. É a memoria: a memoria de espazos e tempos. A memoria individual e histórica de lugares (A Pobra do Caramiñal, Barcelona, Nova Iorque, Rianxo, Auschwitz... e Corrubedo, tan preto o deserto...) e épocas (Segunda República, Guerra Civil Española e Postguerra, Segunda Guerra Mundial, anos oitenta...). Os libros e as fotos como testemuñas corais de todo. As atmosferas, tan importantes nunha obra de calidade e tan dificultosas de ir trabando.
       De feito, non todo se engarza sen máis e porque lle pete ao autor. Riveiro, por exemplo, consultou o tema da amnesia cun neurólogo, quen lle aconselleu o estrés postraumático como diagnose para xustificar unha perda de memoria irrecuperable. A verosimilitude foi sempre unha inquedanza presente durante todo o proceso. E niso traballou constantemente. Case sempre sae airoso, aínda que lle dicimos que o tema do dentista alemán-americano se resolve así, demasiado "americanamente". El está de acordo connosco.

Agora ben, se tivésemos que elixir un grande logro da novela non dubidariamos: a transcendencia da lingua galega. O uso universal que se fai dela converte a Laura no deserto nunha esperanza xa materializada. Que en USA ou en Cataluña se fale con naturalidade na nosa lingua é algo grande, que quen lemos a novela interioricemos o feito de que os cataláns ou os norteamericanos  sexan galegofalantes é algo longamente desexado polos amantes da literatura e de Galicia.

Emocionados e emocionadas, aínda que con contención, como quizais sexa conveniente, rematamos con dúas peticións ao autor. Que nos fale do que está a maquinar e que nos asine os nosos exemplares. Antón traballa nunha novela localizada en Santiago, con escenas no barrio do Pombal, entre os anos oitenta e noventa. Pídenos que se coñecemos a alguén que poida axudalo no traballo de campo e documentación que llo fagamos saber. Axitámonos coa proposta e buceamos no noso maxín. Sería impagable poder participar dalgún modo nese labor de preparación. Prometemos pensar a cuestión.
       Asínanos, agarimosamente, os nosos libros, mentres comenta a súa proposta en rede, Barbantia. Ao final aínda  nos axuda a decidir a próxima lectura, que, xunto a El túnel de Sábato, nos levara até Anxos Sumai e a súa última novela A lúa da colleita.

O de sempre pero como nunca: Boa lectura!

       

Ningún comentario:

Publicar un comentario