Club de lectores adultos do IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela
Páginas
domingo, 5 de febreiro de 2012
Ao longo das últimas semanas moi boa parte do universo crítico musical estivo a publicar diversas listaxes co mellor do pasado ano. Escolmas ás veces obvias, outras estimulantes, sempre desconcertantes, propuxeron achegamentos sónicos plurais quen de nos introducir nun caleidoscopio de referencias diversas. Propoñévosmos, de xeito meditado, unha ollada rápida ás cinco mellores gravacións do 2011 segundo O Recanto do Corcovado, programa musical especializado que se leva a emitir en Radio Ecca Vigo dende hai dez anos, e que dirixe e conduce o profesor de filosofía Lois Atanes.
No número 5, un traballo de ourivesaría transnacional, "Handmade" (Blue Note), da marroquina Hindi Zahra, gravado e producido pola propia artista no seu apartamento de Paris.
Chegamos ao cuarto mellor disco do ano 2011: "Vaikenen laulaen" (Timmion Records), segunda gravación da finesa Yona. A partires dunha lene base iskelmä, espírito jazzístico e inquedanzas pop, Yona constrúe temas delicados, fermosos, arrebatados. Unha delicia que amosa, como reza o seu título, que alguén pode estar calado namentres canta.
En terceiro lugar temos a xenial e arriscada proposta do Marful, quen co seu segundo disco afianzaron esa fermosa sintaxe chea de cabaret, cor popular e tradición intuída no que fora o seu primeiro longo. Ben certo é que o disco foi editado a finais do 2010, mais como comezamos a radialo en xaneiro do presente ano entra por dereito propio no noso podio. Sen dúbida, unha das mellores gravacións galegas da última década.
O segundo mellor disco foi "Lágrimas Mexicanas", de Bill Frisell e Vinicius Cantuária. O primeiro, comedido no uso de loops e efectos. O segundo, acertado na fusión entre o Brasil clásico e a canción popular mexicana. Disco espléndido, luminoso, creativo.
Rematamos o repaso coa mellor gravación de todas as presentadas no 2011. Trátase de "Uniko" (Ondine/Diverdi), do acordeonista, compositor e vogalista Kimmo Pohjonen, desta volta acompañado polo seu compañeiro de aventuras no proxecto Kluster, Samuli Kosminen, e o Kronos Quartet. Sinfonía hipotética en sete movemenetos para cuarteto de cordas, voz, electrónica e acordeón. Traballo abraiante, dunha voraz complexidade tímbrica e creativa: a confirmación definitiva de que Pohjonen é un dos máis avanzados creadores da actulidade sonora en Europa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario