Páginas

venres, 27 de xaneiro de 2012

Sobre “ERROS E TÁNATOS” de Gonzalo Navaza

El jardín de las delicias (fragmento de "El infierono"). El Bosco (1500-1505)
Quen non erra? 
A sorpresa o é porque nos colle desprevenidos. Pode ser boa ou mala, sen embargo, téndese a asociar "sorpresa" con algo positivo, algo agradable. ¿Pode ser isto un signo de edulcorar ou infantilizar a realidade? ¿quizáis unha alternativa á incomprensión diante do decorrer da sociedade contemporánea? vaite saber...

No libro de contos de Gonzalo Navaza “Erros e Tánatos” sempre hai sorpresa e esta nunca é agradable, nin edulcora a realidade. Ao remate de  cada conto ábrese a caixa de Pandora e xorden os instintos: as accións irreflexivas do individuo diante do medo, do temor, dun desexo frustrado ou mesmo froito dun equívoco ou unha suposición… e vemos outra face dos personaxes que transitan polos contos. Esas faces non aparecen como consecuencia dunha transformación, como si lle ocorría ao Mr Hyde do Dr. Jekyll da novela de R. L. Stevenson na que reflexa a loita entre o ben e o mal. Aparecen da normalidade, unha normalidade “segura” que de súpeto tórnase insegura. Nesta normalidade parece que é a situación a que toma as decisións e a persoa, sen cuestionarse nada, ¡ZAS! responde, e claro, a posibilidade de equivocación é moi elevada.    
 
Os relatos de Gonzalo Navaza, xogan co inesperado, a miúdo mesturado coa intriga e sempre cunha gran sutileza literaria que nos fai entrar no relato de contado. O título do libro xa indica os lugares da incerteza polos que nos vai ir levando o autor. Se Eros e Tánatos é a pulsión inevitable entre a vida ou a paixón e a morte, os Erros nesa loita inclinan a balanza cara Tánatos e ¿quen, na sociedade contemporánea dos medos reais e ficticios…non erra?
C. Trigo

Ningún comentario:

Publicar un comentario