Páginas

domingo, 2 de xuño de 2019

CABALO DE OUROS

A seguinte xuntanza tivo como protagonista a Víctor Freixanes e o seu Cabalo de ouros


Como de costume, presentamos ao autor como lector e isto foi o que nos contestou...


1.       O ÚLTIMO LIBRO QUE LICHES...
A Historia de Pontevedra, de Fortes Bouzán

2.       O LIBRO QUE MUDOU O TEU XEITO DE PENSAR..

 As sonatas de Valle-Inclán e Follas Novas, de Rosalía, poemario deslumbrante
3.       UN LIBRO QUE RELERÍAS...
 Sobre heroes e tumbas, de Ernesto Sábato.
4.       UN LIBRO QUE RECOMENDARÍAS...
 El siglo de las luces, de Alejo Carpentier.
5.       UN DOS PRIMEIROS LIBROS QUE LICHES NA ESCOLA...
 Seguramente, Los pazos de Ulloa.
6.       O LIBRO QUE NON REMATACHES  DE LER...
 La muerte de Virgilio.
  
7.       A AUTORA OU AUTOR DO QUE MÁIS LIBROS TES...
 De moita xente. De todas as amizades.
8.       UN LIBRO QUE LEVAS TEMPO QUERENDO LER...
 Moitos. 
9.   QUE CITA LITERARIA CHE GUSTARÍA COMPARTIR?
A patria do home é a súa infancia...pero eu engado...é onde estudou Bacharelato

A continuación, presentamos a novela a través dun acróstico co apelido do autor...

Filigrana pola precisión e a delicadez no encaixe.
Rica en personaxes, en detalles como Rosaura, rexa e peza clave.
Enguedellados os relatos, uns nos outros como ramos de cereixas ou tamén "enleados, encaneirados tal que os vasos comunicantes dos que nos falaba D.Luís, na escola primaria"
Invención porque "Nada é invención. Nada é produto da fantasía"
Xermánico, porque de aí é a orixe da palabra wolfram, que significa lobo, porque devora os outros minerais todos.
Amalia, a señora Amalia, primeiro señora de Serrano e logo Señora de Villegas. A que dá a versión definitiva dos feitos. Unha muller que non precisaría nunca nin de Francisco Serrano nin de Ignacio Villegas para ser unha señora.
Naipes, cos que se xoga o presente e o futuro, "pero o segredo do xogo non está nas cartas, está na ollada intensa, arnal...
Estrela das Cíes, lugar onde Rosaura desvela e dá sentido a frases como "hai cousas que vostede non sabe, señor mestre" dirixida ao licenciado Lobeiras.
Safaín, Omar, que agarda a volta da namorada co corazón a tremer dentro da caixa de pedra.

Logo comezou a conversa...

e Víctor Freixanes contounos que...a persoa lectora é a que constrúe a novela e que o seu cariño xustifica a literatura.
Contounos que...descubriu, escribindo a obra, o significado da palabra lentura.
Contounos que...o máis erótico da literatura é resucitar as palabras.
Contounos que...a lingua é unha especie de viaxe por un país sorprendente.
Contounos que...lle levou nove anos escribila.
Contounos que...empezou a escribir por amor...como case todo o mundo.
Contounos que...segue escribindo...para seguir na procura da súa identidade e a do seu contexto.
Contounos que...as palabras naturais non as fan os poetas.
Contounos que...a súa primeira literatura era aquela que o pai lle recitaba polas noites.
Contounos que...Vilanova de Alba é unha evocación de Galicia.
Contounos que...hai quen escribe con mapa e hai quen o fai con lanterna.
Contounos que..isto é poesía "espadas como labios" de Vicente Aleixandre.


E quedaron frases da obra para o recordo...o relato é unha música. O relato é a memoria do que somos...
a arte de contar historias é a que é. Hai quen a ten e quen non.
As cousas existen porque as lembramos, que é a maneira que temos de sobrevivir á nosa propia morte

GRAZAS, Víctor, polas palabras compartidas.







Ningún comentario:

Publicar un comentario