Páginas

xoves, 8 de xuño de 2017

POESÍA: a linguaxe escénica de Rosalía Fernández Rial



Xoves, 1 de xuño

Como colofón a este curso,  unha lectora propuxo para a próxima reunión cambiar o rexistro das lecturas e traer poesía ao club. A verdade que para moitos/as de nós/as, a poesía é algo que non atrae a primeira vista, para algunhas, nin á décima ollada, pero como estamos abertos/as a todo decidimos, por maioría, non por unanimidade, tentalo. Grazas a Antonio que se ofreceu a facer unha recompilación de diferentes poetas e variados temas, temos que dicir que non foi tan fero o lobo como pintaba e ata os/as máis remisos/as, puideron gozar e sentir algunha delas. Está claro que a poesía non é como unha novela que podes ler capítulo tras capítulo sen descansar. A poesía depende moito do estado anímico no que che atopes, hai que dosificala. É moi complicado ler de seguido un libro de poesía.

Pero a verdade é que Antonio, coa súa Antoloxía poética escollida para o noso club fixo que nos entretiveramos e ata rido e sentido con esta selección de "andar por casa", moi prosaica e que ás veces conta historias coma se estiveses a ter unha conversación. Cambiar de estilo e tema fixo que a tarde non resultase o pesada que algún/ha cría que ía ser. Descubrimos cada un/a de nós que había moitas maneiras de enfocar a lectura da poesía: para moitos/as foi necesario lelas en voz alta, outros o fixeron en voz baixa, algún/a necesitaba estar de pé ou camiñando mentres lía, pero se hai algo que fai grande unha poesía é escoitala do propio autor, se é posible, ou como no noso caso, na  voz e sentimento que pon Antonio cando as le. Unha marabilla, fai que a sintas e mesmo chegues a visualizar o momento e o detalle.

Estas son algunhas das poesías  que recompilou Antonio e que máis nos chamaron a atención : Desafío á vellez (de Gioconda Belli), Libre quéroche (Agustín García Calvo), 3horas, 16minutos e 30 segundos (de Charles Bukowski), Necrolóxicas (David González), Podería haberme emborrachado (Begoña Abad), Que queda aos mozos? (Mario Benedetti), a Mosca xulga a Miss Universo (José Emilio Pacheco) e unha especial, elixida por Fernanda, porque a escoitamos e oímos a través dun vídeo,  recitada polo autor, Anxo González do seu libro : Palabra sobre palabra, acompañado por Pedro Guerra á guitarra: BÁSTAME ASÍ. Deixámosvos a ligazón que vale a pena escoitar.

Me basta así
Si yo fuera Dios
y tuviese el secreto,
haría
un ser exacto a ti;
lo probaría
(a la manera de los panaderos
cuando prueban el pan, es decir:
con la boca),
y si ese sabor fuese
igual al tuyo, o sea
tu mismo olor, y tu manera
de sonreír,
y de guardar silencio,
y de estrechar mi mano estrictamente,
y de besarnos sin hacernos daño
-de esto sí estoy seguro: pongo
tanta atención cuando te beso;
entonces,
si yo fuese Dios,
podría repetirte y repetirte,
siempre la misma y siempre diferente,
sin cansarme jamás del juego idéntico,
sin desdeñar tampoco la que fuiste



por la que ibas a ser dentro de nada;
ya no sé si me explico, pero quiero
aclarar que si yo fuese
Dios, haría
lo posible por ser Ángel González
para quererte tal como te quiero,

para aguardar con calma
a que te crees tú misma cada día,
 a que sorprendas todas las mañana
la luz recién nacida con tu propia

luz, y corras
la cortina impalpable que separa
el sueño de la vida,
resucitándome con tu palabra,
Lázaro alegre,
yo,
mojado todavía
de sombras y pereza,
sorprendido y absorto
en la contemplación de todo aquello
que, en unión de mí mismo,
recuperas y salvas, mueves, dejas
abandonado cuando -luego- callas...
(Escucho tu silencio.
Oigo
constelaciones: existes.
Creo en ti.
Eres.
Me basta.)


E despois deste precalentamiento amateur  chegou a hora de recibir en persoa a unha verdadeira poetísa: Rosalía Fernández Rial, autora do poemario Vinte en Escena que nos ocupa esta tarde. Rosalía é unha escritora moi nova, naceu en Carballo-Muxía en 1988. Licenciada en Filoloxía e Doutora en didáctica dás linguas e expresión dramática pola Universidade de Santiago de Compostela. Estudou e toca ou acordeón, fai teatro e, sobre todo, escribe. 
Entende a poesía como un todo que excede o escrito e esténdese cara a outros xéneros ( principalmente o dramático, pero tamén o épico) e que se impulsa cara a vida. As súas principais obras son En clave de sol, (2009), Átonos, (2011), Vinte en escena en (2012), Ningún amante sabe conducir (2014) , en 2016 reúne nunha edición bilingüe galego-castelán toda a súa poesía nunha antoloxía Sacar a bailar. Na II Gala do Libro Galego neste ano gaña o premio á mellor iniciativa bibliográfica por Aulas sen paredes. Contra-acción é o seu último libro publicado de poesía. Hoxe en día exerce como profesora de Lingua e Literatura castelá nun colexio da súa terra natal.

Falar con Rosalía é un continuo brotar de palabras. Gesticula constantemente coas mans que non deixan de expresar, debuxando no espazo,  as emocións que transmite a través da súa poesía, por iso é unha gran defensora das presentacións performánticas, escénicas e musicais. A poesía, segundo Rosalía, non é utilitaria, non ten fin, non ten unha función inmediata. Podemos permitirnos a poesía porque podemos ser libres. 
                                                                                                                         
Lectores: Como se che ocorreu a idea de teatralizar a poesía?
Rosalía: Estudando para un exame de lingua e literatura. Á min gústame buscar moita información e foi nunha desa procura cando lin  nun verso de García Lorca que "O teatro é a poesía que se levanta do libro e faise humana". Pareceume fascinante. Unha preciosa metáfora: levantarse da cadeira e aplicar a expresión da poesía sobre o teatro.

L: Cando xorde a vocación pola escritura? 

R:   Os meus pais, mestres os dous, inculcáronme o amor á lectura, facilitándome nun principio libros para que puidese ler e despois deixábanme escoller libremente as lecturas que máis me atraesen. Despois esta curiosidade seguiu na escola. Sempre digo o importante que pode chegar a ser un profesor na túa infancia e eu tiven a sorte de ter un profesor, na etapa de primaria,  cun proxecto de renovación pedagóxico, que permitía, naquela época, que o alumnado se expresase libremente. Faciamos moitos exercicios de texto libre, deixábanos pensar e ser críticos. Foi unha escola moi aberta. Xa apuntaba maneiras desde pequena e o profesor animábame a que seguise expresando as miñas ideas sen medo.Clave de sol, o meu primeiro poemario, publiqueino con vinte anos. 

L: Porqué poesía no canto de narrativa, un xénero máis atractivo para o lector? Cando escribes?
R: A poesía chégame a través do pensamento. Percibo antes a partir da abstracción. A narrativa parte dun feito, dun suceso, dun acontecemento. Resúltame máis difícil escribir relato, hai que ser máis realista, aínda que non me gusta caer na poesía mística. Diariamente vivimos centos de momentos poéticos, pero imos tan rápido que non os percibimos. O proceso da escritura depende moito do momento no que che atopes. Hai que traballar moito, é un proceso que cho pide a situación, o corpo, a mente. A tese, aínda que estiven catro anos preparándoa, foi moi agradable, un proceso compartido. 

L: Cóntanos un pouco a esencia da túa poesía reunida Sacar a Bailar.

R: É unha Antoloxía bilingüe, castelán-galego, escribo en galego e traduzo logo ao castelán. Cada poemario é un libro completo. A concepción do libro como obra, como un universo, que ten principio e fin. Presenteina en Madrid e funcionou bastante ben. Todos os poemarios foron ilustrados en diferentes artes plásticas.

Por exemplo de ESCENA VII (ESQUINA), do poemario Vinte en escena, hai un vídeo. A idea orixinal é miña, se parte dunha idea inicial e vaise elaborando en conxunto. Parece que cos vídeos aínda te introduces máis na poesía. Neste poemario hai unha visión con certa crueza: personaxes que non teñen nada, drogadictos, prostitutas, sen teito... Todos podemos ser todos, segundo as circunstancias. Todos podemos ser eses personaxes que se integran nos monólogos, poñerse nesa voz, que non ten voz. Bob Dylan é a filosofía xeral deses versos: cando non tes nada, non tes nada que perder. En NINGÚN AMANTE SABE CONDUCIR, hai moito erotismo, pero ao final hai sufrimento. É un poemario urbano. Os amantes conducen sen conexión, van interpretando os sinais simbólicamente. O baleiro que deixa o asfalto, o amor sen sentido e ao final, a colisión. A escena final está en forma de diálogo pero é poesía pura. 

A nosa lectora máis creativa, Fernanda, tamén deixou constancia dos seus sentimentos tras a lectura das poesías, ilustrándoas coas imaxes que lle suxire cada unha.


Habemos de recoñecer que a tarde poética foi dunha gran beleza e riqueza literaria que moitos de nós non esperabamos. Quizais deixemos atrás o prexuízo cara a un xénero minoritario e mitificado negativamente, porque  resulta imposible non quedar atrapados na paixón que transmite Rosalía en cada poema, en cada representación. 
Pero a obra de Rosalía non queda só no papel, segue crecendo en forma de proxectos escénicos e no ámbito audiovisual, como os publicados nos seus Cds ELO -elo entre a poesía e a música- que podes gozar a través da súa páxina web: rosaliafernandezrial.com.





A gozar do mellor verán lector!!!








Ningún comentario:

Publicar un comentario