Páginas

luns, 17 de novembro de 2014

Caderno de Bitácora, novembro 2014

CLUB DE LECTURA                                                                  CADERNO DE BITÁCORA
  IES XELMÍREZ I                                                                       PALABRAS COMPARTIDAS



Xoves , 6 de Novembro de 2014
Segunda reunión do club de lectura. Esta tarde temos dúas noticias, unha boa e unha mala. A mala é que Berta nos deixa temporalmente, necesita rematar algúns temas pendentes dende hai tempo e xa van sendo horas, aínda que ameaza con volver, e esperemos que cumpra a devandita ameaza máis cedo que tarde. A boa noticia é que temos unha nova incorporación ao noso club de lectura. Hoxe Loli preséntanos a Xosé Ramón, un coñecido dela e que seguro dará un novo punto de vista ás lecturas propostas. “BENVIDO”.
Loli comeza esta tarde léndonos unha carta que a emocionou moito, e que a escritora Begoña Caamaño, recentemente falecida, lle escribiu á cantante Uxía, onde transmite a súa alegría pola vida e o sosego por unha morte que sabe próxima. Pónsenos a pel de galiña ao escoitar como agradece á vida,  nestes momentos tan cruciais , a forma en  que a tratou:


  "Ter tido unha vida tan boa, tan rica, tan chea en coñecementos, curiosidades e, sobre todo afectos, é un regalo. Ter medo á morte cando a vida foi tan rica e intensa é normal, pero morrer tras unha vida así é, en realidade, unha sorte"..


Despois destas palabras tan valentes intentamos concentrarnos nas lecturas propostas para este mes, aínda que non é doado.
O primeiro libro titúlase “Nos vemos allá arriba” do escritor francés Pierre Lemaitre, Premio Goncourt  2013.  Muriel recoméndanos ver unha pequena entrevista que lle realizaron ao escritor en Televisión para coñecelo un pouco mellor, e que vemos no proxector antes de comentar o libro.


É moi bo o sabor que nos deixou a todos esta lectura. Ao principio pódese pensar en que será un libro máis sobre a I Guerra Mundial, pero  non. É unha novela que nos fala da supervivencia despois  da guerra, das consecuencias e de como afectan os devanditos acontecementos á vida dos que sobreviven.
Discutimos en que xénero literario encaixalo e, aínda que alguén suxire o policíaco, decantámonos polo da aventura, aínda que ao longo das súas páxinas tamén teña algo de intriga.  É de lectura doada e engancha dende o primeiro momento. A trama está moi ben fiada dende o principio até o final, algo sorprendente.
Os personaxes principais: Albert, de carácter pusilánime e tímido(como o describe Xosé Ramón) e Edouard, de familia ben, con problemas para relacionarse co seu pai desde neno e   con secuelas físicas despois da guerra. Estes personaxes soportan todo o  peso da novela; xunto  a eles,  unha nena que se  fai amiga súa, sobre todo de Edouard, deléitanos cos momentos máis tenros da historia, fronte á maldade, rabia e indignación que provoca o corrupto tenente D'Aulnay-Pradelle, personaxe tamén moi crucial na novela, e que é o causante de todos os males que lles acontecen aos nosos dous protagonistas.
Non hai que esquecer o papel das nais de Albert e da nena(como recorda recorda Loli)  pola súa actitude egoísta e despreocupada. A primeira, humillando continuamente ao pobre Albert, e a segunda sumida nunha depresión e  sen  preocuparse para nada dunha filla tan pequena.


Gozamos moito con esta novela e recomendámola a todos os lectores.
Fáisenos tarde e temos que despedir a Xosé Ramón que ten que deixarnos por hoxe, e comentamos moi rapidamente a segunda lectura do día,“La Lista de los Nombres Olvidados” de Kristin Harmel.
 
O libro conta a vida de Rose e a súa neta Hope que herda a panadaría da súa avoa en Cape Cod, lugar ao que a súa avoa chegou tras abandonar París. Rose padece alzheimer e en momentos de lucidez regresan á súa memoria uns acontecementos vividos xunto á súa familia xudía durante o horror nazi. Isto é o grande  segredo que mantivo oculto durante toda a súa vida, mesmo á súa familia, e que agora, a través dunha lista de sete nomes que entrega á súa neta Hope, necesita aclarar antes de que a enfermidade os borre para sempre.
Aínda que algunhas partes do libro nos fan lembrar acontecementos sufridos durante o Holocausto, tamén é unha historia de relacións familiares , amor e sentimentos dunha neta cara á súa avoa, que ve como esta se vai apagando por culpa da enfermidade.
Un detalle moi orixinal do libro é que, antes de empezar algúns capítulos, a autora inclúe a receita dos doces que Hope cociña na súa pastelería: o strudel de Rose, o famoso Star Pé, as madalenas de arándanos estrela polar...Ummm! Ás veces parece que nos chega o cheiro doce dos cupcakes.
Non hai unanimidade á hora de valorar esta lectura, só a Fernanda e a Ana lles gustou. Muriel atascouse un pouco co principio e está pendente de rematala.
Retirámonos por hoxe, non sen antes pór as lecturas para o próximo mes e que nos propón Loli. Leremos "Hoy, Júpiter"de Luis Landero e "Dende o conflito"  de María Reimóndez.

A gozar coas novas lecturas!



1 comentario: