Páginas

martes, 22 de marzo de 2016

Manuel Portas e o seu libro LORENÇO, XOGRAR


O que a Balteira ora quer vingar
das desonras que no mundo  prendeu
se ben fezer non deva começar
en mi, que ando por ela sande
                             (Pedro de Ambroa)
Xoves ,  3 de marzo de 2016

 Aquí estamos de novo. Quizais vos estivésedes preguntando que ocorría co resumo mensual das lecturas de febreiro, Que algunha vos asustastes? Tranquilos/as, non esperamos desaparecer así, sen previo aviso, todo ten un porqué; e, neste caso,  motivos de axenda, e outras ocupacións, obrigáronnos a desdobrar  a nosa reunión mensual en dúas sesións. Cóntovos: a primeira, como sempre, celebrámola no noso querido lugar de reunión habitual coa lectura en castelán que propuxéramos, La habitación de Nona, pero coa novela en galego, Lourenço Xograr, do escritor Manuel Portas, presente cada ano no noso querido club de lectura, tiñamos a oportunidade de poder xuntar dous clubs de lectura, Palabras Compartidas e o club de lectura de Silleda; e, como diciamos ao principio, para poder facer coincidir ao escritor e aos dous clubs de lectura houbo que mover algunha que outra axenda, así que, para os primeiros días de marzo, puido pactarse o encontro.

A primeira tarde, o dezaoito de febreiro, reunímonos para comentar a obra La habitación de Nona de Cristina Fernández Cubas, a gran autora do conto en español. Cristina regresa despois de case oito anos de silencio, do que só saíu momentaneamente e con pseudónimo de Fernanda Kubbs, marcados pola perda do seu marido, Carlos Trías, tamén escritor e ensaísta, falecido no ano 2007.
O libro consta de seis contos nos que a autora nos mostra  un mundo infantil -en case todos os contos aparecen nenos ou adolescentes. Nestes contos, a angustia e o medo, a fantasía e a realidade transpórtannos a épocas da nosa infancia.

  A Loli, a lectura deste libro fíxolle  lembrar os contos de Allan Poe e Fernanda fala dun deles, Falar con vellas, que a deixou impresionada e compárao con outro conto, A galiña degolada, do libro Contos de amor, de tolemia e de morte, de Horacio Quiroga, lido e comentado nas lecturas do verán.

O primeiro conto que dá nome á obra, La habitación de Nona, quizais nos pareza nun principio unha relación de celos entre irmás. A narradora  tenta explicar como é a vida coa súa irmá Nona, unha nena moi especial desde o seu nacemento; pero aos poucos imos intuíndo que algo pasa, até darnos conta de que hai un desdobramento de personalidade, ou, como nena que é, un paso da realidade á fantasía, como queda reflectido (páx. 22) cando a súa nai lle di: “ti non es ninguén. Só unha proxección de Nona. Unha invención. A súa irmá imaxinaria…”

A historia do segundo conto, Hablar con viejas,   foi, segundo di a propia Cristina, un suceso que lle ocorreu a ela mesma mentres cruzaba a rúa en París. Unha velliña moi agradable, vestida de flores pediulle que tivese a amabilidade de axudala a cruzar porque non distinguía os semáforos. Así o fixo, e acompañouna logo até o portal onde vivía. E aínda que a anciá convidouna a subir ao piso, a escritora non o fixo, polo que correu mellor sorte que a protagonista do conto.

Interno con figura, é, en realidade, un cadro de Adriano Cecioni que dá pé ao título e á portada do libro. A escritora elixiuno despois de visitar unha exposición sobre os Macchiaioli en Madrid. A visita duns escolares ao museo fai que a obra, a través da mirada dunha nena, cobre unha especial relevancia durante a lectura do conto. Como di a escritora na páx 31: “quizais Cecioni quixo preservar o misterio do cuarto e da nena encerrándoos na vaguidade dun enunciado ao uso. Ou que se cadra non existe tal misterio.”
El final de Barbro, cuarto conto da novela, relátanos as tensións vividas entre tres irmás que se poñen á defensiva ante a nova muller do seu pai nos últimos anos da vida de este.

La nueva vida, penúltimo conto do libro, ten como protagonista a unha muller solitaria cuxa historia vincula o presente co seu pasado amoroso e vital. A última historia volve estar protagonizada por nenos e é o conto que máis gustou en xeral. En Días entre os Wasi-Wano, dous irmáns son enviados a pasar as vacacións de verán cuns tíos que dentro da familia son considerados como un pouco excéntricos.

Desde o principio establécese unha relación especial entre a nena e o tío, xa que as historias que lles conta sobre unha tribo, os Wasi-Wano, levarán á nena máis aló da imaxinación, existan realmente ou non, e faranlle ver que existen moitas formas de vivir a vida. É un libro cheo de fantasía e imaxinación, no que a escritora xoga co que  aparenta ser e non é. Quedémonos sobre todo coa  frase de Einstein que dá inicio á novela: “A realidade é simplemente ilusión, aínda que moi persistente.”                                                                                                                                                                                                                                                  VALORACIÓN:3/5

 E chega a data da nosa segunda cita coa lectura, o 3 de marzo. Reunímonos xunto á porta principal do instituto para trasladarnos en coche desde Santiago ata o Concello de Silleda, onde nos esperan novos lectores/as con ansia de poder gozar da lectura Lourenço Xograr xunto co escritor Manuel Portas. O club Palabras Compartidas xa tivo a sorte de poder acompañar ao autor na presentación do libro, durante o mes de decembro pasado, no Airas Nunes, da Rúa do Vilar, sendo Gracia Santórum, crítica literaria e amiga do escritor, unha das encargadas de facer dita presentación. Nese marabilloso escenario foi onde coñecemos a Gracia e xestouse o encontro que imos ter esta tarde-noite, e que  terá lugar na Casa da Cultura do Concello de Silleda, posto que Gracia é tamén a coordinadora do Club de lectura da devandita localidade.


Esta vez non imos volver a desenvolver a biografía do escritor, porque é ben coñecida de todos/as os asiduos/as a este club de lectura xa que gozamos con el durante estes anos de andaina do blogue de Palabras Compartidas; desta vez centrarémonos  no presente libro. Lourenço, xograr é a última novela de Manuel Portas e vén de gañar o Premio García Barros do ano 2015, certame que organiza o Concello da Estrada en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Trátase dunha novela história que recrea o período medieval en Galicia a través da peripecia dun xograr. En opinión do xurado, nesta obra de Portas destaca a contribución da novela á divulgación da historia e da literatura medieval galegas a través dun personaxe pouco coñecido, o xograr Lourenço, que constitúe a porta pola que nos asomamos non só aos conflitos políticos que determinaron o que hoxe somos como país, senón tamén ás vidas entrelazadas das distintas clases sociais da época.

Todos/as estamos de acordo en que é unha novela cunha linguaxe distinta, que ao principio a moitos dos lectores/as alí presentes nos custou meternos un pouco na historia, pero tamén coincidimos en que  é unha novela con moito valor literario. No seu percorrido móstranos os reinos de Galicia e Portugal naquela época , personaxes como Alfonso X o Sabio ou Maria Péres, a Balteira, e as tan esquecidas Cantigas de Amigo e de Amor.

Despois de ler varias das novelas escritas por Manuel Portas con temas moi diferentes ao que hoxe nos ocupa, preguntámonos por que ese cambio de rexistro e cunha novela histórica que quizais non sexa un gran reclamo para o lector? Portas comenta que cando estudaba realizou un traballo para a Gran Enciclopedia Galega e entrou en contacto con este personaxe, Lourenço, que lle resultou moi curioso e encandeouno de tal maneira que sempre tivo en mente novelalo.Así, durante anos,  estudou  o mundo das cantigas, a concepción do amor na Idade Media, a vida de xograres e trabadores... Manolo consideraba que na nosa literatura actual a etapa medieval non estaba ben tratada.

A novela pódese dividir en dúas partes: na primeira, atopamos un Lourenço novo que comeza a descubrir o mundo, que, moitas veces, nos lembra o Lazarillo, e que nos divirte; a segunda que céntrase máis na parte literaria, nas guerras, nese xograr que quere converterse en trobador. Por que esa obsesión por converterse en trobador? Lourenço é un home curioso, é un rapaz de quince anos, humilde, que traballa como aprendiz do ferreiro Diogo no mercado de Braga e que soña con ser trobador.

Despois de sufrir o asalto duns bandidos polo camiño, coñecerá ao cabaleiro Joam García de Guilhade, que o convence de que o acompañe como xograr; pero Lourenço a pesar da súa nacenza humilde, lembremos que é fillo dunha cociñeira e un soldado, non se resigna ser un simple xograr porque, aínda que rían del,  considera que a súa poesía non é inferior á doutros trobadores.

Cítola
Por que lle custa tanto empeño a Lourenço chegar a ser un trobador? Lembremos que na época Medieval os estamentos sociais marcaban as diferenzas: un trobador era un nobre de orixe ilustre que compoñía a súa obra e interpretábaa, e os xograres eran de orixe humilde e limitábanse a interpretar e a tocar a cítola nos palacios dos principais señores; e é isto o que leva a Lourenço a rebelarse. Todos se meten con el, dinlle que non sabe trobar.

Na segunda parte da novela, aparecen varios personaxes que dan voz ás andanzas de Lourenço, todos estes personaxes, incluído Lourenço, son reais?  Personaxes como Afonso X existiron realmente; a súa ambición era controlar toda Europa. Era listo e cruel, mesmo coa súa propia familia. 

María Pérez foi unha das poucas mulleres xograres. Era soldadeira, acompañaba os soldados e levaba unha vida un tanto licenciosa. Muller moi bela, intelixente e libre, tiña grandes posesións.
No que se refire a Lourenço, sabemos del a través das tensións que mantén con outros trobadores. Existe algún documento que se conserva no Arquivo Nacional da Torre do Tombo, en Lisboa, que fala dun Lorenzo Martíns que estaba casado cunha Sancha de Guilhade; e xa que Lourenço foi o xograr de Joam García de Guilhade, creei, a partir desa coincidencia, unha historia de amor. O resto, se non é vero, é ben trovato, comenta Portas.

Se puidésemos definir esta novela cunha frase diriamos que é un libro que rende homenaxe ás Cantigas, das que non podemos esquecernos, pois, aínda que nos parezan difíciles de ler e algunhas veces de entender, lémbrannos eses amores ausentes, a felicidade de volver ver ao ser amado ou a propia arte do trobador. E, como non podía ser doutro xeito, pechamos esta época tan apaixonada e descoñecida con Portas léndonos unha das súas cantigas favoritas como só él podía facer: unha cantiga de amor dunha moza que desexa ser escoitada polo seu amado (páx. 140).
                                                                                                                                                                                                                                       VALORACIÓN:4/5


E agora deixámosvos coas lecturas do próximo mes no que gozaremos da tarde con outro escritor, que repite visita a este club, e o seu último libro: Antón Riveiro Coello e Os Elefantes de Sokúrov.





















Ningún comentario:

Publicar un comentario