Páginas

xoves, 7 de xaneiro de 2016

BO NADAL!!!



     O da tolemia e o da cordura son dous países limítrofes, de fronteiras tan imperceptibles, que nunca podes saber con seguridade se te atopas no territorio da unha ou no territorio da outra...
     ( Arturo Graf)                  

Xoves  10 de Decembro  2015

Derradeira reunión deste ano, un máis que termina e  no que as historias, unhas ficticias e outras reais, marcáronnos tanto no persoal coma no literario. Temos rido, chorado, sentido medo, desasosego, impotencia..., mesmo chegamos a cuestionarnos máis dunha situación, porque ese é o fin que busca un bo escritor: que afloren no lector/a os sentimentos, que o lector/a chegue a formar parte da súa historia. Achéganse unhas pequenas vacacións e moitos/as gozarémolas con máis tempo para a lectura.

Hai moitas historias que nos deixaron pegada ao longo das nosas vidas. A crítica dunha lectura é moi subxectiva, vén marcada moitas das veces polo momento persoal que estea a atravesar o lector/a. A moitos/as de nós/as pasounos que  abandonamos unha lectura porque non era o momento propicio para mergullarnos nesa historia, ou porque era demasiado dura ou extensa para poder centrarnos na súa trama, ou o seu argumento non nos enganchou o suficiente; ou poñemos a escusa de que o xénero literario non é o que adoitamos ler. Sexa polo que sexa seguramente coincidamos en que iso é o que pasou con algunha das obras que lemos durante este ano e que seguramente retomaremos en tempos mellores. 

Nesta primeira novela, El bigote, de Emmanuel Carrère,  atopámonos cunha historia moi ben construída , contada en primeira persoa polo protagonista. Este personaxe vainos levando a un mundo kafkiano de desasosego no que a brutalidade física e psicolóxica están sempre presentes. El bigote é unha novela curta e de fácil lectura. A medida que avanzamos na trama vaise imprimindo un ritmo máis rápido de lectura.


Asombra a capacidade do autor para manter o interese desde o principio co simple feito de que un home se afeite o bigote coa idea de darlle unha sorpresa á súa muller, Agnés; pero a sorpresa vaina levar el cando vexa que ela nin se inmuta ante o seu suposto afeitado. Empézase, entón,  a cuestionar se algunha vez tivo bigote ou se todo é unha broma de mal gusto urdida pola súa muller, á que mesmo amigos e compañeiros de traballo parece que lle seguen o xogo; mesmo chega a preguntarse se se está volvendo tolo ante as situacións que están a acontecer, o que lle fai lembrar, nun momento dado, a película  Las diabólicas, un thriller no que a muller e a amante dun director dun colexio se unen para quitar do medio o home que as engana e maltrata.

***A medida que van pasando os capítulos, dámonos conta, como comenta Fernanda, da facilidade con que se pode manipular o cerebro, de como unha pequena faísca pode desencadear unha psicose durmida e desequilibrar de tal forma unha persoa. Valentín cre que o detonante desta psicopatía espertouno  o acto mesmo de afeitarse o bigote. É unha lectura inquietante e angustiosa. E non podíamos imaxinar ese final impactante e repulsivo que ten, aínda que todos/as sospeitabamos que a historia acabaría mal. A conclusión que todos/as sacamos desta lectura é que é tan fina a liña entre a cordura e a tolemia que todos estamos expostos a traspasala en calquera momento.
VALORACIÓN: 3/5

El Reino, o outro libro proposto, escrito polo mesmo autor que o anteriormente comentado, levounos á sempre polémica discusión  canto a temas de relixión se trata. A fe e o cristianismo son dous temas que se abordan nesta lectura: Pablo, o Converso, e Lucas, o Evanxelista, van dando conta de dúas historias  entrecruzadas a través da fe; mentres San Lucas nos vai contando a vida de Xesús, San Pablo, primeiro como lapidador do cristianismo e logo como defensor e propagador da fe, vainos levando por un camiño no que ás veces se inventa unha historia distinta á que sucedeu, buscando respostas e non conformándose con ser un crente normal.

Estamos quizais ante un ensaio autobiográfico e ao mesmo tempo unha novela histórica, xa que os dous protagonistas principais, San Pablo e San Lucas, son personaxes reais pasados á ficción. O dogma, a redención, a dúbida..., mesmo nalgún momento do libro se expón a relixión como unha necesidade; uff!!... Xa sabemos que hai temas como a relixión, o fútbol ou a política que moven masas, e que sempre que se sacan a colación a polémica está servida, así que, como é un tema, o do Reino, moi denso e que dá para moitas horas de debate, decidimos deixar para máis adiante unha reunión para falar única e exclusivamente desta cuestión. Así que, crentes e agnósticos, creamos ou non no Ceo e no Inferno,  a reunir información porque a discusión está garantida!

E chegamos como sempre á lectura en galego. Neste caso elixiramos De remate, de Héctor Cajaraville, Premio Xeral 2015. Como queda reflectido na contraportada do libro, a través dás súas páxinas non asistimos só ao retrato sociolóxico da Galicia que habitamos, senón que tamén imos descubrindo a propia vida e o itinerario persoal do protagonista, aflixido por unha doenza coa que se ve obrigado a convivir e que combate con humor, ironía e estoicismo. É un libro de artigos do columnista Bieito Sanmarful publicado tras a súa morte no que retrata con humor a Galicia actual.




Non diremos moito máis do libro, que, en xeral, nos gustou a todos/as, porque temos un encontro na primeira reunión de 2016 co autor, o que nos dará oportunidade de preguntarlle, como sempre facemos cos autores que nos visitan, sobre todo o que aconteceu na elaboración desta novela. Loli, que estivo presente na presentación do libro en Santiago,  coméntanos que o escritor lle sorprendeu pola súa maneira de contar as cousas e forma de ser, moi próximo e xovial, e pola proxección dun booktrailer durante a mesma: De remate. En memoria de Bieito Sanmarful, de César Galdo. Se tedes oportunidade de velo sorprenderavos a vós tamén, unha idea moi orixinal!!.




E chegamos ao final coas propostas para estas vacacións. A obra que nós propoñemos é Martutene, de Ramón Saizarbitoria, que polos comentarios que hai cremos que dará moito de que falar. Na próxima reunión contaremos coa presenza de Héctor Cajaraville e a súa obra  De remate.

Non vos esquezades  nestas datas, nas que abundarán os agasallos, que Hai grandes libros no mundo e grandes mundos nos libros.”


FELICES FESTAS!!!




Ningún comentario:

Publicar un comentario