“Se queres que o
teu segredo sexa gardado, gárdao ti mesmo”.
(Séneca)
Xoves 12 de novembro,
|
Esta semana a
adrenalina sobordábanos por todos os poros do noso corpo. Comezamos a semana
coa agradable sorpresa de que nesta reunión
iamos gozar coa presenza do autor da lectura proposta en galego para
este mes, Fran P. Lorenzo; e o día
anterior, o mércores, asistiamos á
presentación da nova novela de Antón Rivero Coello, un dos narradores de máis prestixio en lingua galega, moi
querido e admirado por este Club de Lectura. QUE SUBIDÓN!. Non sabemos ata cando
poderemos manter este ritmo, pero de seguir
así, as próximas xuntanzas prometen ser intensas e cheas de sorpresas e, como diciamos na anterior entrada do blogue, este curso viaxamos sobre raíles e
arrincamos a alta velocidade.
A cita reflectida ao comezo dá páxina, dános unha
pista dous argumentos dás dúas historias
que hoxe nos ocupan. Ambas coinciden en que as situacións que nos relatan gardan intrigas e segredos familiares. Comezamos polo escritor sueco Henning
Mankell, con El hombre inquieto. Para
moitos/as era a primeira novela que liamos do devandito autor e deixounos un pouco decepcionados/as xa que comezamos a ler pola novela que
pecha a saga protagonizada polo inspector Kurt Wallancer, así que non puidemos
gozar con tanta intensidade das aventuras e pescudas do citado inspector do mesmo xeitos que outros/as, como Ana ou Valentín que leran as anteriores historias.
Por unha banda, temos o relato do
acontecido durante a vida do propio Wallander, tanto no ámbito familiar como laboral: logrou o soño da súa vida e comprou unha casiña no campo para vivir xunto ao
seu can, Jussi; a súa filla, Linda, faino avó; leva unha tormentosa vida coa súa ex-muller e a súa amante, Baiba; e é incapaz de superar a morte do seu pai. Tamén nos fala dos medos
ante a vellez, a enfermidade ou a propia soidade. Quizá o autor quixo que, ao
ser a última aventura do devandito inspector como protagonista, chegásemos a penetrar no máis íntimo da súa
persoa.
|
|
Foi quizais esta segunda parte, coa historia dos
submarinos, a que máis pesada se fixo e menos gustou en xeral. Hai unha crítica
social e económica a EEUU e á propia Suecia. Chaman a atención os recortes que
se producen dentro da propia policía, chegándose a propoñer, durante a
investigación, que aos delitos menores
non se lles prestase moita atención, que non valía a pena perder tempo e
diñeiro neles, senón centrarse nos máis importantes. Valentín comenta a
facilidade con que se trasladan dun país a outro dentro da novela e Fernanda apunta que, dentro das tensas
relacións persoais dos protagonistas, deixa translucirse unha separación
problemática do matrimonio Von Eke. Tanto a historia persoal do
protagonista como a de intriga e misterio comparten o mesmo peso dentro da
novela.
A medida que chegamos ao final da narración, percibimos que os episodios de
perda de memoria, a desorientación temporal e o deterioro que vai causando a
enfermidade que padece Wallander, lévannos a imaxinar un final do personaxe que
máis famoso fixo a Mankell, un final nada agradable, como se confirmará: “A
sombra acentuouse. E moi amodo, Kurt Wallander foi desaparecendo nunha
escuridade que, uns anos despois, sumiuno nese universo sen carga que chamamos
Alzheimer.”
|
Fóisenos xa case unha hora comentando a anterior
lectura cando divisamos a través do cristal da porta de entrada á biblioteca
a Fran P. Lorenzo, autor da segunda novela que propuxemos para este mes, Cabalos
e lobos. Loli levántase para recibilo
e darlle a benvida. É un escritor novo cun sorriso amplo e sincero. Presentámonos e toma asento na cadeira
reservada á cabeceira do grupo de mesas nas que nos reunimos para os nosos
parrafeos cos escritores/as.
|
|
Loli
introdúcenos un pouco na vida deste novel escritor (Vigo 1973). É licenciado en
xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela dende 1995. Traballou,
entre outras cabeceiras, en Galicia Hoxe e El Correo Gallego, onde segue a exercer
na actualidade. Así mesmo, foi uns dous fundadores do xornal dixital Dioivo. Cabalos e lobos é a súa primeira e única novela e con ela gañou, en 2014, o
Premio Blanco Amor.
Mantén un
blogue que xurdiu por mor da retirada dun artigo, publicado na contraportada de Galicia Hoxe, xornal non cal traballaba, crítico coa inminente visita do papa Bieito
XVI a Compostela. El quixo defenderse a través do devandito xornal pero este
non llo permitiu e impediulle publicar unha resposta a favor do seu dereito para
opinar. Por iso deixou o diario: un
31 de outubro de 2010, migraba eu cos meus trebellos de escribente, desde a
contraportada dos xoves no Galicia Hoxe, onde parei durante sete anos, libre e
feliz, a este blogue, ao que dei en chamar, e chamo aínda, Un país en lata. Coméntanos Fran que
o tivo un pouco abandonado por mor da publicación do libro e do Premio que
recibiu, que non lle deixaban tempo para ocuparse del. Cando volveu, fíxoo
creando unha serie de book teaser, catro en concreto, sobre Cabalos e lobos; paga a pena, se ledes o libro, achegarvos a el porque a música e as imaxes, que en certo
xeito están relacionadas coa obra, son, nas súas propias palabras, sublimes no
sentido exacto dese termo tan maltratado.
|
No interior da portada e contraportada do libro,
aparece un plano cos lugares máis emblemáticos da cidade de Vigo, cidade na
que se desenvolve a historia, e que se nomean na novela, detalle que nos
gusta a todos/as e preguntámoslle Como xurdiu a idea de poñelo? Fran
contesta que foi un empeño del, xa que nun principio tiña medo que os lectores
que non coñecesen Vigo non puidesen situarse e, ao mesmo tempo, quería
representar o crecemento da cidade e
as persoas a través dos anos. A xente que o coñece dille que fala de Vigo
como unha gran cidade e el responde que sente así. Pretendía que a cidade
fose un personaxe máis.
|
Loli e Delia que viviron e
coñecen Vigo comentan que para elas conseguiuno e trasládanse, arrastrándonos a
todos/as os/as alí presentes a través dos recordos, aos lugares onde estudaron,
tomaban café ou paseaban durante a súa mocidade.
Non fai falta
formularlle ningunha pregunta como tal ao escritor: as palabras saen da súa
boca sen atropelo, cunha delicadeza e soltura que deixan constancia da súa
experiencia como xornalista cultural de moitos anos. Basta con facer un
comentario sobre o traballo realizado para documentar a novela e Fran enseguida
dinos que, aínda que estivo a fraguar a idea durante case vinte anos, gardando
todas as cousas que caían nas súas mans -documentos, fotos...- e botando man tamén
das historias familiares de pais, avós, tíos…, escribiuna en catro anos. Todo o
que acontece na novela, aconteceu de verdade, está documentado. A familia
Beckmann non existía como tal, pero si moitas familias que vivían como eles. O Concerto da Orquestra Filharmónica de Berlín en Vigo tivo lugar na realidade, aínda que se tiramos de hemeroteca non acharemos ningunha reseña respecto del. O concerto en cuestión foi un domingo, e, por aqueles tempos, os luns non saían os xornais así que non existe ningún documento gráfico do evento; pero o noso autor si quixo que
aparecese no seu relato. Con todo, Fran dinos que posúe o programa orixinal do
devandito concerto. Unha xoia!.
O papel das mulleres ten un gran peso
dentro da novela, por que? Fran contesta que con Paula quería que os/as lectores/as
e ela estivesen na mesma fase, que empatizasen con ela. Que fosen descubrindo a historia ao mesmo
tempo que ela a descubría. A carta que Álvaro lle escribe ao seu sobriño Thomas,
fillo de Paula, e que este lle dá á súa nai, fainos ir destapando a historia ao
mesmo tempo que Paula vai descubrindo todos os segredos, medos e culpas que
esconde a historia familiar dos Beckmann.
A algúns/has
nos parece que o personaxe da avoa Gloria, a matriarca da familia, é complexo.
Gusta e desgusta á vez. Fran di que é a que sempre se ocupa de todos, e que quizais sexa ese carácter alemán o que a empuxa a ter unha aparencia externa fría, dando a impresión de que deposita máis
confianza nos obxectos que nas persoas. A preocupación pola propia imaxe que
poidan causar, polo diñeiro, ou polos negocios, parece estar por encima da súa
familia. Mesmo lle ocultou á súa filla que sabía tocar o piano ata que esta
o descubriu cando xa tiña quince anos; este descubrimento levou a Paula a preguntarse que outros escuros misterios
podería esconder se foi capaz de ocultar ese segredo durante anos .
Outro
personaxe con moita relevancia na novela é Álvaro, como xurdiu a idea de contar
unha historia de amor entre dous homes, Álvaro e Bruno?. Fran dinos que tivo as
súas dúbidas á hora de contalo, pero quixo deixar constancia da situación que
viviron as lesbianas e os gais durante a época franquista. Esas historias de
amor non se podían contar e vivíanse na clandestinidade, rexeitadas
pola sociedade e perseguidas pola lei. Como queda constancia na novela, chéganse a aplicarlles aos dous
personaxes “as medidas previstas no artigo
sexto, número segundo, da Lei de vagos e maleantes de 1954: reclusión nunha
institución especial, prohibición de residir en determinado lugar e territorio,
obriga de declarar o domicilio e submisión á vixilancia dos delegados”.
A aparición de
Bruno déixaa para o final da historia porque quere manter o misterio. É unha
historia de amor que non podía ser viable, posibilidade do que puido ser e non
foi. Álvaro ten un nexo moi importante co seu sobriño e quizais coa carta. El quería liberarse desa gran carga que soportou durante tantos anos,
pretendendo con iso que Thomas puidese vivir o amor como el non puidera facer,
sen ser cuestionado. O personaxe de Thomas quizais sexa en toda a historia dos
Beckmann un punto de luz, o único que non é xulgado por ninguén e ao que todo o
mundo quere dentro do ámbito familiar.
Fernanda di
que hai moita poesía na novela e que o titulo lle parece moi poético. Fran
comenta que el se considera un poeta frustrado e que tenta rodear dun halo poético á
escritura igual que o fai coa súa propia vida. O título queda reflectido nunha
conversa que Álvaro, Paula e Gloria manteñen, en relación ao respecto que a
xente lle tiña á familia e que Paula consideraba que non era outra cousa que medo. Álvaro contesta: “ En calquera caso, había que escoller, e
estabamos en guerra… Ou eras cabalo ou eras lobo. Na guerra ou na vida, tanto
ten. E ela escolleu ser lobo. Loba.” Foi nese momento cando tivo claro o título
e agora non se imaxina outro. Como anécdota con respecto ao título, Fran cóntanos que tempo máis tarde se decatou de que había dous lugares no mundo no que convivían en
liberdade cabalos e lobos xuntos , e que eses dous lugares son Mongolia e
Galicia. Curioso!.
E poñemos punto final a esta semana de encontros literarios, non sen antes deixarvos as recomendacións da próxima xuntanza.
|
Ningún comentario:
Publicar un comentario