Páginas

venres, 30 de outubro de 2015

Xa estamos de volta!!!!











“LA BIBLIOTECA ES LA MÁS DEMOCRÁTICA DE LAS INSTITUCIONES, PORQUE NADIE EN ABSOLUTO  PUEDE DECIRNOS QUÉ LEER, CUÁNDO, NI CÓMO.”
(Doris Lessing)

          Xoves, 8 de outubro 2015
Xa estamos de volta!!! Despoís deste pequeno parón estival, e cun outono adiantado, volvemos estar de novo reunidos/as no noso lugar de sempre: A BIBLIOTECA, aínda que non deixamos de estar en contacto durante este tempo. A través do grupo do whatsapp mantivémonos informados, e por iso sabemos que a recuperación de Muriel vai por bo camiño e que segue lendo todas as nosas propostas. Ánimo!!!. Chegamos todos/as  con caras riseiras, nótase o reláx e o gozo das vacacións, e con moitas ganas de comentar as lecturas gozadas durante esta curta estación estival. Ángela incorpórase ás reunións, aínda que non estivo físicamente o ano pasado seguía con interese as lecturas, así que lle damos a benvida.
Loli coméntanos as novidades deste ano: renóvase a páxina web da biblioteca, hai un novo club de lectura de alumnos/as e pais/nais de primeiro da ESO, tentaremos convocar máis reunións con outros clubs de lectura para intercambiar distintos puntos de vista e continuamos coa marabillosa idea de poder compartir algunha tarde cos autores/as das novelas propostas. Sería estupendo poder rematar este curso coa nosa presenza na Feria do Libro de Madrid, a proposta queda feita e a maioría de nós aplaudimos a idea.
Comenzamos cos comentarios das lecturas. Xosé Ramón quedou impresionado coa historia que se conta en “El fruto del baobab”, a historia de tres mulleres; as súas loitas, as súas renuncias e os seus logros. Tres mulleres moi distintas entre elas pero máis unidas do que cren. Lola, nova pediatra que cambia de cidade para fuxir do abandono do seu noivo, Aminata, unha nai que se traslada desde Gambia coa súa familia a Mataró e a súa filla, Binta, adolescente rebelde que loita por atopar unha vida mellor na nova cidade fuxindo dos costumes do seu país, ente as que se atopa a práctica, salvaxe e cruel, da ablación nas nenas. Recomendamos a súa lectura.


 “El ruido de las cosas al caer” e “Las reputaciones”, as dúas do mesmo autor Juan Gabriel Vásquez, marabillosas obras. Coméntase sobre todo a segunda delas. Con que pouco se pode destruír unha reputación!. Como lle sucede ao protagonista da novela, despois dunha exitosa carreira a chegada dunha muller, non descoñecida para el, faille reformularse a súa autoridade moral sobre os demais. A algún de nós lembrounos o Caso Arny, un escándalo que se produciu en España nos anos 90, en relación a un xuízo por actividades de prostitución de menores, e que algúns consideraron que se converteu nunha caza de bruxas contra os homosexuais, xa que se involucrou a moitas personalidades públicas con declaracións e probas falsas.
                                               
                                     
“Tren nocturno a Lisboa”, de Pascal Mercier, novela lenta con bastantes descricións e ás veces gris pola maneira en que vive o protagonista a historia. Un profesor de Linguas Clásicas que, tras un incidente nunha ponte, abandónao todo para coller un tren cara a unha cidade descoñecida e ir tras as pegadas dun escritor do que nada sabe. Ana comenta que volveu verse paseando por moitos dos lugares que se describen na novela recordando a viaxe literario que o Club de lectura fixo hai dous anos a Lisboa: O Bairro Alto, o Miradoiro de Santa Xusta, eses tranvías, tan antigos, que parece imposible que cheguen ao seu destino. O pasado ano estreouse a película, con Jeremy Irons no papel de protagonista principal, pero xa se sabe, moi poucas películas son capaces de transmitir a esencia real dunha lectura. Así que vos propoñemos primeiro, ler, e despois ver, e que cada un opine.


“El alma del mundo”, de Alejandro Palomas. Os protagonistas principais, Otto e Clea, chegan para pasar os seus últimos días nunha residencia de anciáns. Ilona unha moza cuxa vida está chea de dor e ausencias, será a encargada do coidado diario dos dous anciáns.  A música do violoncelo como fondo da novela e unha historia de amor oculta entre liñas, lévannos a reformularnos a vida chegada a esas idades. Aínda que Fernanda e Ana discrepan con Loli na forma de ver a historia. Loli di que para ela, desde o principio, a historia foi predicible, case ñoña. Quizais pola diferente forma que teñen de ler as novelas; unhas tentan vivir a historia meténdose dentro da pel dos protagonistas, frases como as pronunciadas por  Clea: “quero morrerme viva”,ou, “non hai mellor música que a dun corazón afinado”, déixanos patente que se pode seguir tendo una vida intensa despois dos oitenta,  que non vale a pena perder o tempo con cousas sen importancia, e máis, cando che queda tan pouco para gozar, mentres que Loli le desde un coñecemento máis técnico de lectura. Deformación profesional.! Animámola a que a próxima vez vexa o mundo desde a nosa perspectiva.

E chegamos ao libro que quizais máis desasosego nos deixou a todos/as. “Cuentos de Amor, de Locura y de Muerte.”, de Horacio Quiroga. Moitos non logramos atopar o amor por ningún recanto do libro, e mira que buscamos, agora que, tolemia e morte a rabiar. Pero o conto que máis nos impresionou, e iso que unha xa o lera e avisóunos, dos quince de que se compón o libro, foi, “La gallina degollada”.Non imos poñer ningunha recensión aquí, senón que o que se 
anime a lelos pode imaxinar o que lle espera, iso si, aconsellamos non facelo se te atopas nun momento de baixón, xa que pasas, en milésimas de segundo, da entreplanta ás mais profundas catacumbas. 
“El testamento de María”, de Colm Tóibín e “La fiesta del Chivo” de Mario Vargas Llosa, tamén foron novelas deste verán, aínda que algún/algunha está todavía enfrascado/a na súa lectura. Comentamos, como murmuración, se Vargas Llosa terá tempo de escribir, agora que entrou a formar parte do mundo do corazón. 

Quédannos as lecturas en galego que tamén foron moitas e importantes. Resumimos algunhas delas.



“Así nacen as baleas”, de Anxos Sumai, é a viaxe de volta dunha muller nova, á casa, á familia e ao pasado. A forma de ver a vida dunha moza e o seu irmán que sofre unha discapacidade psíquica. Unha novela, que como nos sucedeu  ao  ler, “A lúa da colleita”, pode ter varias lecturas. Creo que as novelas de Anxos hai que lelas pausadamente para chegar a comprender máis aló do que lemos.


Rosa Aneiros e a súa  “Resistencia”. Conta a historia portuguesa da man de dúas familias maldicidas pola escravitude do amor, a morte e o silencio. Unha verdadeira historia de amor con dous protagonistas. Dinís e Filipa namoraron perdidamente sen calibrar as consecuencias. A eterna espera de Dinís á contestación das cartas que lle envía a Filipa e que nunca reciben resposta, a incógnita de Filipa sobre a sorte acontecida a Dinís, e o final da novela coa frase “Agárdame, Filipa, agárdame. Eu agardareite sempre”,  recolle a loita dos protagonistas coa única arma de que dispoñían: a resistencia.





“O club da calceta”, de María Reimóndez. Seis mulleres que van contando as súas vidas, os seus medos, as súas superacións, a través das reuniones que fan mentres calcetan diferentes pezas de punto. É unha crítica sobre todo ao mundo machista, ningún home sae ben parado nesta novela, de feito ao comezo de cada capítulo hai unha necrolóxica que corresponde, supostamente, á morte dun home que emocionalmente fixo dano a algunha das protagonistas. Cada unha das seis historias queda reflectida, individualmente, en cada capítulo, que leva como título unha parte dese xersei, que é a novela, e que tecen entre todas (elástico, dianteira, mangas, colo, traseira e puños). Rematando a historia, no último capítulo, está a montaxe  final do xersei, deixando así constancia de que a amizade e a unión entre mulleres é posible (ao presente club de lectura remítome), aínda que a sociedade nos queira facer ver o contrario e algún/unha escéptico/a tamén o pensé. Este final levanta algún sorriso picarona.


Isto é o que aconteceu durante o verán, aínda que algunha que outra novela se coou por medio, da que iremos dando conta ao longo deste blog.


 Fáltannos horas nos días, e días nas semanas para todas as lecturas que temos en mente, pero o tren xa se puxo en marcha e transporta moita ilusión, ganas de seguir lendo e curiosidade de ver cara a onde nos leva.

O mes que vén viaxamos polo mundo da intriga e o misterio da man do recentemente  falecido escritor, Henning Mankell, pai do inspector Kurt Wallander, esperando  gozar das súas investigacións co libro, “El hombre inquieto”, doutra banda, e na nosa lingua materna, leremos a Fran P. Lorenzo, co seu “Cabalos e lobos”.






















O que se anime a coller este tren xa sabe onde  atopar a estación.
Ánimo e benvidos a todos/as!!!






Ningún comentario:

Publicar un comentario