Páginas

xoves, 16 de outubro de 2014

Caderno de Bitácora, outubro 2014

  IES XELMIREZ 1                                                                              CADERNO DE BITÁCORA
CLUB DE LECTURA                                                                          PALABRAS COMPARTIDAS



Venres, 3 de outubro de 2014

Volven as nosas lectoras do tempo de lecer, do tempo cálido de verán, aínda que este do 2014 non foi para tirar foguetes... pola meteorolxía, claro....porque as lecturas foron espléndidas. Muriel, Fernanda, Ana, Loli e Berta están moi ledas de reencontrarse na Biblioteca, e de facelo ao carón dun doce que parece de chocolate pero non o é... Fernanda tranquilízaas: non engorda, apto para celíacos. É esponxoso, e está boíiiiiiiiiiiiisimo. Entre risas e algunha miguiña nas comisuras comeza a xornada.


Nos vemos allá arriba de Pierre Lemaitre, último Premio Goncourt. Muriel dinos que o leu en francés, como corresponde a unha compatriota do autor. Berta manexou a tradución ao castelán. Pero coinciden en eloxiar o seu estilo, a súa frescura e orixinalidade. Tanto nola recomendan que se converte de contado en candidato a próxima lectura obrigada. 

Intemperie do extremeño Jesús Carrasco. Breve, contundente, terrible. A historia dun neno que, na súa fuxida dun fogar abafante e dun alguacil sen escrúpulos, atopa a un cabreiro.....o cal cambiará a historia de ámbolos dous. Fernanda, Ana e Loli reviven a emoción que lles provocou, e Berta decide lelo xa na fin de semana. 
Así nacen as baleas de Anxos Sumai, a nosa Anxos, tan luminosa e cálida. Fernanda retomou a súa escrita, tan potente nesta novela, e quedou francamente satisfeita. Outras lectoras xa a tiñamos lida, pero coincidimos na súa valoración.

Las normas de la casa de Jodi Picoult, Rosa Montero e o seu La ridícula idea de no volver a verte, A memoria da choiva de Pedro Feijóo, combinan perfectamente, segundo Loli, a vida cotiá dun neno con síndrome de Asperger, o ensaio novelado sobre a vida de Madame Curie e unha historia de intriga baseada na familia de Rosalía de Castro, respectivamente, coas tardes de verán na praia. Que delicioso!!!! Mágoa que xa esteamos en outono.....pero, non pasa nada....son historias axeitadas para ver caer as follas e comer castañas.
       
Las tres bodas de Manolita de Almudena Grandes, Todo lo que hay de James Salter y Matarte lentamente de Diego Ameixeiras decepcionaron a Berta...esperaba demasiado, quizás....ou igual non era o momento axeitado. Ás veces, o sabor que deixan as historias depende do sabor co que se reciben. Loli coincidiu en desencanto ao ler El río del Edén de Merino: con pretensións pero mal resolto nun final inverosímil (un neno con síndrome de Down espera, perdido no monte, a que a Garda Civil decida ir buscalo coa luz do día, mentres o seu pai intenta durmir no coche e vai repasando anacos da súa vida....???????).

Faise tarde. Loli infórmanos da posta en marcha para este curso dun Club de Lectura mixto e virtual para as familias, orientado ao primeiro ciclo da ESO. Tamén di que a asociación cultural O Galo organizará un obradoiro de creación literaria para o alumnado en horario de tarde. Ademais comentamos que cómpre facer publicidade entre os pais e as nais para que se animen a unirse a nós neste Club de Lectura.

Finalmente decidimos crear un grupo servíndonos das novas tecnoloxías para estarmos conectadas e informadas de eventos culturais e todo tipo de noticias interesantes: este ten que ser un gran ano.

Confirmamos os xoves ás sete da tarde como data e hora das nosas novas xuntanzas. O 6 de novembro terá lugar a vindeira cita con La lista de los nombres olvidados de K. Harmel e o encarecido Nos vemos allá arriba de Lemaitre.




Boa lectura!


Ningún comentario:

Publicar un comentario