Club de lectores adultos do IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela
Páginas
martes, 27 de marzo de 2018
O XARDINEIRO DOS INGLESES
O xardineiro dos ingleses, de Marcos Calveiro, foi a nosa seguinte parada literaria.
E comezamos polo cuestionario lector.
1.
O
ÚLTIMO LIBRO QUE LICHES...
Fóra de si, de Suso de Toro
2.
O
LIBRO QUE MUDOU O TEU XEITO DE PENSAR..
Foron moitos, como poeta por
exemplo, Ningún cisne, de Manuel
Rivas
3.
UN
LIBRO QUE RELERÍAS...
Poesía
sobre todo, Kavafis, Gil de Biedma, Borges...
4.
UN
LIBRO QUE RECOMENDARÍAS...
La liebre con ojos de ámbar de Edmund de
Waal ou a Noite da aurora de Camilo
Gonsar
5.
UN
DOS PRIMEIROS LIBROS QUE LICHES NA ESCOLA...
Daquela non se lía na
escola, facíao na casa ou na Biblioteca municipal.
6.
A
AUTORA OU AUTOR DO QUE MÁIS LIBROS TES...
Carver,
Borges, Cortázar, Kerouac...
7.
UN
LIBRO QUE ESTEAS A LER...
Os prospectos dos antigripais
8.
UN
LIBRO QUE LEVAS TEMPO QUERENDO LER...
Centos
deles....
9.
QUE
CITA LITERARIA CHE GUSTARÍA COMPARTIR?
Non son moi de citas
Pois quen non quere caldo, sete
cuncas, así que comezamos con varias citas da obra.
A primeira sería unha das que
abren a novela “Retrocedo para ser quen fun/abro as portas que tentastes
pechar”, de Badly Drawn Boy, un cantante indie. Estes versos retratan moi ben a
Modesto Filgueira, alter ego do escritor na novela, que indagando nas vidas de
Delia e Edelmiro tamén busca respostas a algunhas preguntas da súa propia
historia.
“Porque as novelas son coma os
incendios provocados, sempre teñen moitos focos” E cal foi o primeiro foco desta? A nova da
morte dun personaxe real , de Vilagarcía, que recibe unha medalla por coidar
durante 70 anos do coñecido como o cemiterio dos ingleses, lugar mítico para
todas as persoas vilagarciás, incluso as que non eran de alí. Dinos Marcos
Calveiro que o proceso de escritura da novela foron moitos anos e que se foi
compoñendo de faragullas que Modesto Filgueira, o narrador, ía recollendo de aquí
e acolá. Conta como o imaxinario colectivo dunha xeración está ateigado de historias dos ingleses, aínda que moitas seguramente
non pasen de ser lendas urbanas. Foi moi forte a influencia inglesa en Vilagarcía,
especialmente na clase máis alta (tomar o té, cambiarse para cear, bailes no
casino...)
Coñecemos a vinculación de
Joaquín Sorolla con Vilagarcía e os debuxos realizados alí. Naquel momento, era
unha “star system” do sistema pictórico español e europeo, cunha obra moi
cotizada en París, Viena...Un multimillonario da época. Sabemos da súa obsesión
coas vestimentas das mulleres e as cores. Como o neno do carpinteiro, que o
acompaña na novela, tamén é unha historia real, pois o artista, chegado de
Valencia, non se entendía coas xentes do lugar.
As mulleres da novela. Por
suposto Delia, pero tamén Enriqueta Otero, comandanta, ou Esperanza, historias
reais que dan pé a que Calveiro nos fale dunha das súas obsesións, que é o das
cunetas e os desaparecidos tras a guerra civil. Non podían faltar as alusións á
tía Olimpia, moza de Curros e personaxe da invención do autor. Di que as
mulleres sempre son as grandes perdedoras da historia.
Fálase das barreiras que moitos
anos despois da guerra civil, aínda seguían existindo para falar da época,
sobre todo, no caso dos homes. As mulleres exercían unha especie de resistencia
desde as casas, lavando e cosendo xuntas, aínda que só fose por dignidade e por
lembrar os seus mortos. Os homes, como tiñan que entrar na vida pública,
baixaban as orellas e aceptaban a situación.
Conta unha das asistentes que o
pai estivo preso en San Simón e en Pamplona e o único que quería era OLVIDAR.
Por iso, nunca contou nada aos fillos e fillas, só á muller. De aí, que moitas
veces, as mulleres se converteron en gardiás da memoria dentro do seu espazo
privado. Menciona o autor a memoria das mulleres rapadas en Vilagarcía e o
significado das iniciais que lles gravaban UHP (Uníos Hermanos Proletarios). E
relátase a historia dunha mestra vilagarciá que estivo presa e apartada do
servizo por comprar unha tea de raias vermellas e brancas para facerlles os mandilóns ás súas
alumnas.
Fálase das consignatarias, das
primerias viaxes transocéanicas, que parten da vila e cóntase como as escuadras
inglesa e alemá, en Vilagarcía, podían mover cerca de 15000 homes na vila ou
como podían fondear no porto cerca de 300 barcos. Moitas libras e negocio para a zona.
É verosímil que unha moza como
Delia andase polas rúas de Vilagarcía cun soldado inglés e outro alemán? Seica
os testemuños fotográficos de soldados, posando con mozas, son abondosos, polo
que se supón que si podía haber unhas relacións vividas con bastante liberdade.
Seguramente había unha relaxación dos costumes pola presenza de estranxeiros,
porque noutra vila da ría de Arousa isto sería impensable.
E a presenza do narcotráfico na
zona, retratada con gran acerto en menos de tres páxinas da novela. E Cristina,
personaxe real, que esperta afecto, aínda que só se asoma en contadas ocasións
ao discurso narrativo. E claro, falamos de Fariña
e como en Vilagarcía, daquela, se coñecían todos e de que xeito se perdeu toda
unha xeración a causa das drogas e/ou consecuencias delas.
Por último, concluíron os
narradores do club que aínda está por escribir a gran novela da emigración
galega. Pois agardamos por ela.
Etiquetas:
Curso 2017-18,
Visitas 2017-18
luns, 26 de marzo de 2018
4,3,2,1 e EL CUENTO DE LA CRIADA

Desta volta foron dous os libros que lemos e abofé que compartimos palabras.
El cuento de la criada, de Margaret Atwood
As mulleres como propiedade do estado. O SILENCIO como personaxe. As MIRADAS. A PALABRA. O concepto de TEMPO. A simboloxísa das cores.
Dialogamos sobre se existe o dereito a ser nai/pai? Por que os desexos se están a convertir en dereitos? O discurso ne torno ao fillo/a xenético. O uso dos seres humanos como mercadoría. A dignidade das persoas.
E citas, moitas citas. "La fe no es más que una palabra bordada". "Él tiene algo de lo que nosotros carecemos: tiene la palabra". "Me muero por cometer el acto de tocar"...
De 4,3,2,1 concluímos que sobran páxinas, bastantes páxinas, aínda que aquelas persoas devotas de Auster poden gozar coa súa lectura.
O ANXO NEGRO
Comezamos este curso a andaina do club de lectura Palabras compartidas coa obra de Manuel Gago, O anxo negro.
E quixemos presentar o autor como lector, a partir dunha enquisa que previamente lle enviamos e isto foi o que nos contestou.
1. O ÚLTIMO LIBRO QUE LICHES...
Acabo de pasar
da mesiña de noite de novo, á biblioteca, dous desa pila descomunal en
equilibrio precario: A sangre y fuego,
de Manuel Chaves Nogales e Geopolítica de
las series. El triunfo global del miedo, de Dominique Moïsi.
2. O LIBRO QUE MUDOU O TEU XEITO DE PENSAR..
Teño bastantes libros que
exerceron en min deste tipo de cambios radicais e, sobre todo, reveladores.
Pero vou centrarme en como influíron na miña visión literaria, xa que este é un
club de lectura. Aquí van algúns: Mentres
agonizo, de William Faulkner, que me desvelou que a literatura é, en
primeiro lugar, un xeito de ver. Moito máis recente, The Old Ways, de Robert MacFarlane, un delicioso ensaio sobre as
pegadas (literais) do home na terra e o que nos contan sobre nós e a terra. Por
certo, coido que vai saír en breve unha edición en galego. Ah, e Arraianos, de Ferrín, que para min foi
unha revelación, sobre todo para entender o poder da lingua en si mesma. E
veña, outro máis, Plataforma de
Houellebecq e o seu irónico relato dunha aburrida sociedade postindustrial, un
texto moi importante tamén para min. E, raio, esquecíaseme: Tolkien, do que
aprendín tantas cousas, pero especialmente, no Señor dos Aneis, a mesma lección que con algúns libros de Umberto
Eco: o territorio imaxinario debe ser tan preciso coma o real.
3.
UN
LIBRO QUE RELERÍAS...
A Odisea. Unha e mil veces.
4.
UN
LIBRO QUE RECOMENDARÍAS...
Pois por
poñer un libro recente, eu recomendaría ata ao meu peor inimigo, Brúxula, de Mathias Énard (Random
House), unha novela-río ao redor da fascinación cultural de Occidente por
Oriente. É para lectoras-lectoras, para devoralibros “pro” porque hai que
armarse de tempo, pero unha vez dentro, Énard é quen de arrastrarnos nesa
misteriosa corrente que engaiola a tantos orientalistas europeos desde finais
do século XVIII. Non é só un libro, é unha viaxe no seu mellor sentido.
5.
UN
DOS PRIMEIROS LIBROS QUE LICHES NA ESCOLA...
A verdade é
que lía moito antes de que me mandaran ler libros na escola, así que cando nos
comezaron a mandar ler libros, xa ía eu bastante adestrado. Pero do instituto,
supoño que por cuestións de idade, lembro o fascinado que fiquei con Calixto y Melibea. Non só polo tema do
amor, que a esa idade sempre entra e empacha coma un boa sobremesa, senón por certa
crueza moral que non estaba acostumado a ver nos libros, esa construción do
cinismo que me ensinou a que a literatura debera ir máis alá do binomio
ben-mal. E desde aquela, ficou a miña paixón polo Renacemento. Pero para min
foron tamén moi importantes as lecturas da daquela recén fundada biblioteca da Pobra do
Caramiñal. Descubrín O hobbit de
casualidade e alucinei. Pero outra impresión foi ler Á lus do candil, coa que fiquei pasmado ao descubrir que Galicia
tiña unha literatura así: que esas palabras se me cravaban na pel, e sorprendíame de que se
contaran historias tan marabillosas e, ao mesmo tempo, tan próximas a min.
6.
A
AUTORA OU AUTOR DO QUE MÁIS LIBROS TES...
Pois é
difícil, a verdade. Case prefiro dicir de autores dos que teño a maior parte
das súas publicacións: Umberto Eco e Alessandro Baricco, Saramago, Lobo Antunes
e Eça de Queirós, Marguerite Yourcenar, Tolkien, Modiano, por suposto
Houellebecq, Manuel Rivas, a Pardo Bazán, Comarc MacCarthy, Bernard Cornwell...
e moitas primeiras edicións de Valle-Inclán
7.
UN
LIBRO QUE ESTEAS A LER...
Na miña
mesiña de noite teño varias cousas: Inquietud
en el paraíso, de Óscar Esquivias, magnífico, desas novelas que te
preguntas como non o coñeciches antes; Pequeños
Paraísos, el espíritu de los jardines, do arxentino Mario Satz e Do álbum do cazador, de Turguéniev. Ah,
e outro interesantís
8.
UN
LIBRO QUE LEVAS TEMPO QUERENDO LER...
Tiña pendente, xa desde bastante
antes do Premio Nobel, facer unha exploración das obras de Kazuo Ishiguro. Teño
aquí ao carón mirándome coma un canciño abandonado o seu Xigante soterrado. Tamén a Vida
de Samuel Johnson de James Bosswell.
9.
QUE
CITA LITERARIA CHE GUSTARÍA COMPARTIR?
“Debín de quedar adurmiñado, a pesar
destas emocións, pois cando espertei non se enxergaba nada máis que o noso
propio reflexo na maruxía. O reino deslizárase ao oeste, afundíndose na
escuridade. Un forte vento sacudía o aparello e o continente europeo atopábase
a menos da metade da noite”. Patrick Leigh Fermor en O tempo dos agasallos.
A conversa sobre o libro comezou recordando a tortilla romana de Muros, sobremesa que se serve na cea que
Nicolás Bren ofrece na súa casa de Concurbión. Contounos o autor que non se
vende nas pastelarías esta especie de pudding ou tortilla doce, senón que se
acostuma a facer nas casas. Prato burgués, moi do estilo do XIX. Díxonos que a el lle chegou a historia do que pode ser a orixe deste pudding sen pan e é que
falando cun paisano, este lle confesou que unha devanceira súa fora cociñeira
de Afonso XII e cando volveu da corte para Muros, trouxo con ela este doce.
Logo falou do
punto de partida da novela, que é a desaparición de Santa Mariña e comentamos o
expolio ao que foi sometido o patrimonio relixioso galego e as historias das
desaparicións de santos, que as xentes de distintos lugares lle foron contando
ao autor e que resultaron ser o xerme de O
anxo negro. Relatos que tiñan puntos comúns porque sempre aconteceron a
finais dos 60, principios dos 70, nun contexto europeo e ocorrían arredor dalgunha
festividade e cando o cura non estaba. E
curioso, nunca roubaban os santos
patróns. Denuncias non fora presentada ningunha, excepto en Ourense e de pezas das que había documentación ou
arquivos. Contounos Manuel Gago que volve haber roubos na Costa da Morte, pero
segue sen haber denuncias, seguramente porque non hai interese. E cando as hai,
son o veciños os que as interpoñen e non os curas, igual que na novela son os
veciños os que se preocupan por recuperar Santa Mariña.
Con todas estes relatos, a
primeira idea non era escribir unha novela, senón unha reportaxe, pero non tiña caso desde un
punto de vista xornalístico pola ausencia de datos e fontes. Mais era unha
historia demasiado boa e interesante para non trasladala á ficción.
Conta que o bispo de Palencia lle
vende a diocese de Palencia a Erik, o Belga, nos 70, o que dá idea do poder destes personaxes. Pero en Galicia
non se podería facer, porque cada cura gobernaba a súa parroquia, polo que o
personaxe intermediario, Servando, é totalmente ficcional e axuda a vertebrar a
historia. Dinos o autor que el concibe a literatura como un tecido, un universo
de cousas polo que transitan os mesmos personaxes, polo que nomes como o de Servando ou Encarna terán cabida
noutros mundos ficcionais nos que xa está traballando.
Outro dato curioso: a parella de
Nicolás é real (Jano na vida real) e Andreu (Jordi, quen non ten un bar que se
chama Drake, senón un que leva por nome O
pirata) e aparecerán noutras entregas.
Mamá Sula vén de Vento e chuvia, das deusas reais
galegas, abundantes na zona de Ourense, as Sulas, da mitoloxía celta e os roles
desas mulleres nas aldeas. A mamá Sila, na que está inspirada, é a mamá da
aldea de Caldobarcos e ela contoulle que ela era a nai de todos os nenos que
ela quería. Tamén di que están moi pouco investigadas desde un punto de vista
antropolóxico e son unha especie de nais honorarias. A nivel anecdótico di que
un xeito de afirmar a súa autoridade é saber onde están os marcos de todas as
fincas.
Mulleres moi potentes nesta
novela. As Marías, que reaccionan porque non hai nada peor que traicionar a
confianza. Ou outro personaxe como
Miliña, a irmá do cura, un personaxe que está baseado en Flora, a irmá da cura
do Camanzo, que o impresionou por todo
que lle contara. Descubriu diferenzas internas dentro de Galiza, pois
non hai a mesma actitude na costa e nas rías que en Lugo, pois aquí está moi
integrado no entorno rural. E seguramente o fondo está no pasado contemporáneo
de Galicia e os feitos do 36.
Falamos do cura, aillado e enfrontado á veciñanza. Temeroso,
dubidoso, covarde e que non é moi consciente do que provoca.
Espertou interese entre as
persoas do club a historia da foto na que aparece Castelao. Real e correspondente a un mitin que
Castelao dera en Lira.
E a historia da pistola? Curas
que misaban, no 36, coa pistola no altar. A noción da xente de andar coas
pistolas,comentamos que aínda segue habendo moitas nos faiados das casa
tradicionais e iso vén do 36.
E as conexións con María
Estuardo? Ten moitas historias. Seica na Costa da morte hai un montón de virxes
que se di que viñeron do mar, de naufraxios...moitos santos que viñeron do mar.
Concurbión (San Marcos veneciano que encarga o Conde de Altamira e vén de
obradoiros venecianos) En Muros tamén hai un cristo que vén de Florencia. A
historia vén de que esa Santa Mariña é en realidade unha Santa María e vén da
parroquia dunha historia situada en Niñóns,
Ponteceso. Quería conectala con
Escocia polas redes comerciais que se estableceron con Galicia cando chega a
ela John Lancaster e se fai rei de Galicia durante tres anos e se abre o
comercio do viño coas illas británicas.
Interesáballe moito meter a Drake
na novela e na primeira expedición deste, que vai primeiro a Cádiz, emprega
catro días e cando chega, pillan unha grande tormenta e perden un bártigo nas
costas galegas.
Díxonos o autor que houbo un momento en que a novela
o levou a el, e foi coa figura do conde. Sempre lle interesaron moito estes
personaxes do Renacemento, os Lemos e os Gondomar, cultos e dinámicos e quería
facer un personaxe trasunto deles. O conde chamábase Iago de Carnota,solteiro,
pero cando estaba deseñado, cunha parte tamén burguesa para o aspecto
comercial, pasou a chamarse Diego no final da novela por algo que lle pasou.
Xoán Pastor Rodríguez publicou unha cronoloxía histórica da Pobra do Caramiñal
e chegou a 1580 e ve unha canción galega
en loor a Diego das Mariñas, señor de Xunqueiras, un galego cortesán. Indagou
sobre este personaxe e Diego das Mariñas
estaba na corte con Juan de Austria e participa na batalla de Lepanto. Felipe
II noméao para loitar contra os piratas ingleses, solteiro e comerciante.
Volveu aos seus feudos na Pobra, lugar coñecido no S. XVI polas súas laranxas e
vendeu ao Francia un millón delas, traía madeira de Noruega para o seu pazo de
Xunqueiras e en todas as súas biografías se di que morre en Grecia nunha
batalla. E do que se di que o seu
corazón foi traído nun barril de sal (dato que o autor lle escoitara moitas
veces ao seu avó). Isto era algo moi habitual antes se morrías fóra, non
trasladar o corpo, senón un anaco, normalmente o corazón.
Xa no remate, reflexionou sobre o
proceso de escritura e como para comezar a escribir unha novela tes que ter a
clave e tempo para pensala. Como a novela é un produto de comunicación e ten
regras, ademais de que hai que pensar na persoa receptora sempre.
Falamo tamén do momento da escritura
e de lectura, da relectura e da maxia do primeiro achegamento a unha obra e
como non! das costuras das novelas que non pasan inadvertidas a aqueles que
escriben.
Marabilloso o encontro con Manuel
Gago!
Etiquetas:
Curso 2017-18,
Visitas 2017-18
xoves, 8 de xuño de 2017
POESÍA: a linguaxe escénica de Rosalía Fernández Rial
Xoves, 1 de xuño
Como colofón a este curso, unha lectora propuxo para a próxima reunión cambiar o rexistro das lecturas e traer poesía ao club. A verdade que para moitos/as de nós/as, a poesía é algo que non atrae a primeira vista, para algunhas, nin á décima ollada, pero como estamos abertos/as a todo decidimos, por maioría, non por unanimidade, tentalo. Grazas a Antonio que se ofreceu a facer unha recompilación de diferentes poetas e variados temas, temos que dicir que non foi tan fero o lobo como pintaba e ata os/as máis remisos/as, puideron gozar e sentir algunha delas. Está claro que a poesía non é como unha novela que podes ler capítulo tras capítulo sen descansar. A poesía depende moito do estado anímico no que che atopes, hai que dosificala. É moi complicado ler de seguido un libro de poesía.
Pero a verdade é que Antonio, coa súa Antoloxía poética escollida para o noso club fixo que nos entretiveramos e ata rido e sentido con esta selección de "andar por casa", moi prosaica e que ás veces conta historias coma se estiveses a ter unha conversación. Cambiar de estilo e tema fixo que a tarde non resultase o pesada que algún/ha cría que ía ser. Descubrimos cada un/a de nós que había moitas maneiras de enfocar a lectura da poesía: para moitos/as foi necesario lelas en voz alta, outros o fixeron en voz baixa, algún/a necesitaba estar de pé ou camiñando mentres lía, pero se hai algo que fai grande unha poesía é escoitala do propio autor, se é posible, ou como no noso caso, na voz e sentimento que pon Antonio cando as le. Unha marabilla, fai que a sintas e mesmo chegues a visualizar o momento e o detalle.
Estas son algunhas das poesías que recompilou Antonio e que máis nos chamaron a atención : Desafío á vellez (de Gioconda Belli), Libre quéroche (Agustín García Calvo), 3horas, 16minutos e 30 segundos (de Charles Bukowski), Necrolóxicas (David González), Podería haberme emborrachado (Begoña Abad), Que queda aos mozos? (Mario Benedetti), a Mosca xulga a Miss Universo (José Emilio Pacheco) e unha especial, elixida por Fernanda, porque a escoitamos e oímos a través dun vídeo, recitada polo autor, Anxo González do seu libro : Palabra sobre palabra, acompañado por Pedro Guerra á guitarra: BÁSTAME ASÍ. Deixámosvos a ligazón que vale a pena escoitar.
Me basta así
Si
yo fuera Dios
y
tuviese el secreto,
haría
un
ser exacto a ti;
lo
probaría
(a
la manera de los panaderos
cuando
prueban el pan, es decir:
con
la boca),
y
si ese sabor fuese
igual
al tuyo, o sea
tu
mismo olor, y tu manera
de
sonreír,
y
de guardar silencio,
y
de estrechar mi mano estrictamente,
y
de besarnos sin hacernos daño
-de
esto sí estoy seguro: pongo
tanta
atención cuando te beso;
entonces,
si
yo fuese Dios,
podría
repetirte y repetirte,
siempre
la misma y siempre diferente,
sin
cansarme jamás del juego idéntico,
sin
desdeñar tampoco la que fuiste
|
por la que ibas a ser dentro de nada;
ya no sé si me explico, pero quiero
aclarar que si yo fuese
Dios, haría
lo posible por ser Ángel González
para quererte tal como te quiero,
para aguardar con calma
a que te crees tú misma cada día,
a que sorprendas todas las mañana
la luz recién nacida con tu propia
|
luz,
y corras
la
cortina impalpable que separa
el
sueño de la vida,
resucitándome
con tu palabra,
Lázaro
alegre,
yo,
mojado todavía
de
sombras y pereza,
sorprendido
y absorto
en
la contemplación de todo aquello
que,
en unión de mí mismo,
recuperas
y salvas, mueves, dejas
abandonado
cuando -luego- callas...
(Escucho
tu silencio.
Oigo
constelaciones:
existes.
Creo
en ti.
Eres.
Me
basta.)
|

E despois deste precalentamiento amateur chegou a hora de recibir en persoa a unha verdadeira poetísa: Rosalía Fernández Rial, autora do poemario Vinte en Escena que nos ocupa esta tarde. Rosalía é unha escritora moi nova, naceu en Carballo-Muxía en 1988. Licenciada en Filoloxía e Doutora en didáctica dás linguas e expresión dramática pola Universidade de Santiago de Compostela. Estudou e toca ou acordeón, fai teatro e, sobre todo, escribe.
Entende a poesía como un todo que excede o escrito e esténdese cara a outros xéneros ( principalmente o dramático, pero tamén o épico) e que se impulsa cara a vida. As súas principais obras son En clave de sol, (2009), Átonos, (2011), Vinte en escena en (2012), Ningún amante sabe conducir (2014) , en 2016 reúne nunha edición bilingüe galego-castelán toda a súa poesía nunha antoloxía Sacar a bailar. Na II Gala do Libro Galego neste ano gaña o premio á mellor iniciativa bibliográfica por Aulas sen paredes. Contra-acción é o seu último libro publicado de poesía. Hoxe en día exerce como profesora de Lingua e Literatura castelá nun colexio da súa terra natal.
Falar con Rosalía é un continuo brotar de palabras. Gesticula constantemente coas mans que non deixan de expresar, debuxando no espazo, as emocións que transmite a través da súa poesía, por iso é unha gran defensora das presentacións performánticas, escénicas e musicais. A poesía, segundo Rosalía, non é utilitaria, non ten fin, non ten unha función inmediata. Podemos permitirnos a poesía porque podemos ser libres.
Lectores: Como se che ocorreu a idea de teatralizar a poesía?
Rosalía: Estudando para un exame de lingua e literatura. Á min gústame buscar moita información e foi nunha desa procura cando lin nun verso de García Lorca que "O teatro é a poesía que se levanta do libro e faise humana". Pareceume fascinante. Unha preciosa metáfora: levantarse da cadeira e aplicar a expresión da poesía sobre o teatro.
L: Cando xorde a vocación pola escritura?
R: Os meus pais, mestres os dous, inculcáronme o amor á lectura, facilitándome nun principio libros para que puidese ler e despois deixábanme escoller libremente as lecturas que máis me atraesen. Despois esta curiosidade seguiu na escola. Sempre digo o importante que pode chegar a ser un profesor na túa infancia e eu tiven a sorte de ter un profesor, na etapa de primaria, cun proxecto de renovación pedagóxico, que permitía, naquela época, que o alumnado se expresase libremente. Faciamos moitos exercicios de texto libre, deixábanos pensar e ser críticos. Foi unha escola moi aberta. Xa apuntaba maneiras desde pequena e o profesor animábame a que seguise expresando as miñas ideas sen medo.Clave de sol, o meu primeiro poemario, publiqueino con vinte anos.
L: Porqué poesía no canto de narrativa, un xénero máis atractivo para o lector? Cando escribes?
R: A poesía chégame a través do pensamento. Percibo antes a partir da abstracción. A narrativa parte dun feito, dun suceso, dun acontecemento. Resúltame máis difícil escribir relato, hai que ser máis realista, aínda que non me gusta caer na poesía mística. Diariamente vivimos centos de momentos poéticos, pero imos tan rápido que non os percibimos. O proceso da escritura depende moito do momento no que che atopes. Hai que traballar moito, é un proceso que cho pide a situación, o corpo, a mente. A tese, aínda que estiven catro anos preparándoa, foi moi agradable, un proceso compartido.
L: Cóntanos un pouco a esencia da túa poesía reunida Sacar a Bailar.
R: É unha Antoloxía bilingüe, castelán-galego, escribo en galego e traduzo logo ao castelán. Cada poemario é un libro completo. A concepción do libro como obra, como un universo, que ten principio e fin. Presenteina en Madrid e funcionou bastante ben. Todos os poemarios foron ilustrados en diferentes artes plásticas.
Por exemplo de ESCENA VII (ESQUINA), do poemario Vinte en escena, hai un vídeo. A idea orixinal é miña, se parte dunha idea inicial e vaise elaborando en conxunto. Parece que cos vídeos aínda te introduces máis na poesía. Neste poemario hai unha visión con certa crueza: personaxes que non teñen nada, drogadictos, prostitutas, sen teito... Todos podemos ser todos, segundo as circunstancias. Todos podemos ser eses personaxes que se integran nos monólogos, poñerse nesa voz, que non ten voz. Bob Dylan é a filosofía xeral deses versos: cando non tes nada, non tes nada que perder. En NINGÚN AMANTE SABE CONDUCIR, hai moito erotismo, pero ao final hai sufrimento. É un poemario urbano. Os amantes conducen sen conexión, van interpretando os sinais simbólicamente. O baleiro que deixa o asfalto, o amor sen sentido e ao final, a colisión. A escena final está en forma de diálogo pero é poesía pura.
A nosa lectora máis creativa, Fernanda, tamén deixou constancia dos seus sentimentos tras a lectura das poesías, ilustrándoas coas imaxes que lle suxire cada unha.
Habemos de recoñecer que a tarde poética foi dunha gran beleza e riqueza literaria que moitos de nós non esperabamos. Quizais deixemos atrás o prexuízo cara a un xénero minoritario e mitificado negativamente, porque resulta imposible non quedar atrapados na paixón que transmite Rosalía en cada poema, en cada representación.
Pero a obra de Rosalía non queda só no papel, segue crecendo en forma de proxectos escénicos e no ámbito audiovisual, como os publicados nos seus Cds ELO -elo entre a poesía e a música- que podes gozar a través da súa páxina web: rosaliafernandezrial.com.
A gozar do mellor verán lector!!!
venres, 26 de maio de 2017
domingo, 26 de marzo de 2017
xoves, 9 de marzo de 2017
TODO CANTO FOMOS: XOSÉ MONTEAGUDO
Xoves, 2 de marzo,
E non defraudou! A obra que tiñamos para este mes propúxonola o noso querido e sempre admirado, Antón Riveiro Coello: Xosé Monteagudo, un escritor ata agora descoñecido para este club de lectura pero que deixou unha marabillosa sensación entre os nosos lectores/as. Pasamos co seu, Todo
canto fomos unha tarde que será
inesquecible para nós e estamos seguros
que veu para quedar como un dos escritores, en lingua galega, indispensable en
calquera biblioteca de quen se prece bo lector. Quizais sexa a última novela
publicada por Monteagudo, pero non a última que gozaremos nós.
“Ás veces pregúntome que misteriosas propiedades ten o tempo para que sen que nada cambie, todo sexa diferente”. (páx. 188)
“O corpo sempre encontra unha forma de sobrevivir como mellor pode ata o derradeiro instante de vida.” (páx. 476)
Xosé Monteagudo nado en
Moraña en 1965. É licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de
Compostela e traballa actualmente como técnico de Facenda na Axencia Tributaria
en Pontevedra, cidade onde reside. Desde mozo é un lector insaciable de todo
tipo de literatura. Escribe desde a adolescencia, pero só decidiu publicar a
unha idade relativamente tardía. Ademais do seu labor como escritor de ficción,
tamén imparte obradoiros de narrativa e é colaborador asiduo de GRIAL, revista
na que realiza crítica literaria. Algunhas das súas obras son: O engado do
triángulo (relato). 2001, Accesit na XXVII
edición do Premio Modesto R. Figueiredo; en 2002, As voces da noticia (novela)
Premio Blanco Amor; en 2006 publica a súa segunda novela titulada Esta
Historia, na que reconstrúe unha biografía xuvenil a partir das lembranzas
universitarias. En 2009 recibiu o Premio García Barros pola novela Un tipo
listo.
As cinco historias que acontecen na novela de hoxe reflicten máis dun século dá historia galega, na que os seus personaxes compoñen unha trama na que a normalidade é só a aparencia baixo a que se ocultan misterios inquietantes. A novela comeza coa presenza dun dos personaxes, quizais o principal, escritor de novelas policiais, que vive en Londres pero deberá regresar ao seu Pontevedra natal para descubrir o seu pasado: “A derradeira carta da miña nai chegou tres meses despois do seu falecemento. Cando despechei a caixa de correos e recollín a correspondencia do día, entre as cartas do banco e os folletos de publicidade estrañoume ver un sobre que levaba o meu enderezo en letra de imprenta. Lin a primeira frase (aquel Querido fillo, inédito e desacougante) e deille a vola ao folio manuscrito. Comprobei que a mensaxe remataba cos trazos góticos e nerviosos da sinatura de miña nai e entón volvín coller o sobre e busquei o remite, pero descubrín que viña sen el” (páx. 9)
Lectores: É unha novela extensa, como estruturaches
a escritura:
Monteagudo: É certo que
é unha novela extensa, cincocentas e pico páxinas recollidas en capítulos
curtos pero intensos. Considérome un escritor bastante lento. Esta novela
tardei en rematala cinco anos, hai que pensar que cada historia pode ser unha
novela. Quixen xogar, no tema da presentación cos lectores para que fosen eles
quen buscase quen era cada un dos personaxes. Foi un traballo de documentación
longo e custou un pouco poñer a época en que se desenvolvía cada historia. Tiña
claro cal ía ser o punto de confluencia e comecei cada historia no punto que
consideraba máis interesante para cada personaxe.
L: A novela está a ter moi boas críticas,
como te sentes respecto da acollida que está a ter entre os lectores?
M:
É certo que a novela está a ter unhas boas críticas e moi bonitas. Hai
algo afectuoso en todas elas e está moi ben valorada. Antón Riveiro foi a
primeira persoa, fóra da miña contorna persoal, que me deu a súa opinión,
comunicoume a través do correo que era unha novela espléndida. Despois de
rematala quedoume unha sensación estraña como unha depresión postparto.
Encántame asistir a presentacións ou club de lectura como este porque cos
lectores/as percíbese canto realmente transmitiches coa túa historia. Unha
historia que pasa por tres fases: a que en principio imaxínome, a que pensaba
escribir e a que realmente acabo escribindo .
L: A qué detalles dáslle máis importancia cando tentas transmitir unha historia como esta.
M: Unha das causas que dan credibilidade a un libro é dar detalles que non sexan moito de dominio público. Que sexan atractivos para o lector, que sexa unha lectura seguida. O lector outorga verdade a unha ficción cando descobre cousas novas e ten necesidade de seguir lendo capítulo tras capítulo. O libro é unha parte máis do libro, como un personaxe. É tan central como o libro que lle dá o avó á neta: a memoria que lle negaron a Maribel.
L: Cal é o motivo de
que o xornalista sexa o único personaxe que non ten nome? E como se decantou
polo nome do resto de personaxes?
M:
O non poñer un nome concreto ao xornalista non foi un acto buscado, non foi
premeditado, deime conta avanzada a novela. Ao escribir en primeira persoa non
é obrigatorio que teña un concreto, ninguén o chama e como é o narrador non se
fai necesario. O nome do resto de personaxes foron escollidos tendo en conta a
época na que se desenvolven as historias. Antía-Maribel, naqueles tempos os nomes
galegos non estaban permitidos, no rexistro civil prohibíanse. En plena
ditadura era difícil romper e reconstruír de novo a identidade. Maribel quizá
tivo unha opción de elixir, pero as circunstancias obrigárona a non cambiar.
L: Que hai de ficción e que de real nos personaxes?
M: É unha novela coral
na que os personaxes en si non son reais. Con todo, cada historia reflicte a
situación social da época, o gran poder que ten a Igrexa, a emigración, o
estatuto de autonomía, son temas que se tratan na novela que se desenvolve en
Pontevedra neses anos vinte-trinta onde se xoga un papel decisivo na sorte de Galicia
como país. Os xornais que se citan son reais, había bastante actividade de
xornais e imprentas. Neses anos Pontevedra é un centro de vida social, cultural
e política de primeira orde. Carlota responde a moitas mestras da época, é un
personaxe moi bonito, reflicte a loita das mulleres para acceder á cultura, Maribel é un fio conductor e Filomena, sendo un personaxe secundario e moi boo. Conversa de Maribel co seu avó:“…Teu pai non quere que estudes porque pensa
que iso é cousa de homes. Case ningunha muller estuda e ti non debes ser
distinta. Tes que te preparar para casar cun bo partido e logo formar unha
familia próspera. Iso é o que pretende para ti.”(páx. 231). Cando
as mulleres son conscientes de querer liberarse adoptan unha actitude máis
combativa: “-Ti nunca te deas por vencida- díxolle ao
cabo-Ás veces poden impedirnos acadar as nosas metas por un camino, pero na
vida sempre hai outros para chegar onde queremos.” (páx. 232)
Outra tarde estupenda.
Fixemos un novo descubrimento e seguro que volveremos gozar da presenza de
Monteagudo e algunha nova novela,
comenta que está a empezar algo pero, como dixo ao comezo desta entrevista,
considérase un escritor lento e necesita moita concentración. Así que a nós
sóbranos paciencia e esperaremos o que faga falta. Para ler unha boa novela as
présas non son boas compañeiras.
Próximas lecturas,
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)



















