Páginas

domingo, 9 de xuño de 2019

LECTURAS VERÁN 2019

FELICES LECTURAS!!!






POR PUNTOS

Por puntos foi a última lectura do ano... e como non podía ser doutro xeito, estivemos na compaña dos seu autor, Manuel Portas.



Novela de personaxes, de personaxes con necesidades afectivas...como Adela, Marité, Paco de Flora, Adolfo, Santi...

Comezamos cun acróstico, xogando co nome do autor e a partir de aí, fluíu a conversa.

Marité
Adela
Normal
Universal
Estrambote
Licor-Café


Paco de Flora
Operación matemática
Rosa
Tupé
Adolfo
Santi



Grazas, Manolo!!!


OS BICOS FERIDOS

Na seguinte xuntanza tivemos a sorte de charlar con Anna Figueiredo e os seus bicos feridos.



Na súa presentación como lectora, descubrimos o seguinte...

O ÚLTIMO LIBRO QUE LICHES... O último libro que lin foron dous, porque adoito ler varios
ao mesmo tempo e realmente rematei ambos no mesmo di 8 olladas sobre a folga
feminista e O libro dos libros, ambos da editorial Galaxia.
O LIBRO QUE MUDOU O TEU XEITO DE PENSAR. Moitos libros me fan pensar e darlle
voltas a como penso, pero recapacitando sobre o libro que quizais máis me impactase,
tería que dicir Momo. Os homes grises, darlle valor ao que realmente conta, as
historias... Momo fíxome desexar non perder o tempo, e loitar polo que arelo.
UN LIBRO QUE RELERÍAS... AS PALABRAS DA NÉBOA de Francisco Castro. Sempre o teño
para reler, e sempre me urxe ler un conto novo, pero As palabras é un libro moi especial
para min.
UN LIBRO QUE RECOMENDARÍAS... Tantos! Depende de a quen, por suposto, pero nunca
é tarde para ler A HISTORIA INTERMINABLE ou, se buscamos en novelas escritas
especificamente para adultos e que lle podan agradar á maioría de lectoras e lectores, eu
escollería A MEMORIA DA CHOIVA de Pedro Feijoo na nosa literatura ou ALTA
FIDELIDADE de Nick Hornby.
UN DOS PRIMEIROS LIBROS QUE LICHES NA ESCOLA... Se fago memoria, o primeiro libro que lin na escola, como parte do currículo, foi O TALISMÁN DOS DRUÍDAS seguido do
MECANOESCRITO DA SEGUNDA ORIXE. Adorei o segundo.
O LIBRO QUE NON REMATACHES DE LER... O SEÑOR DOS ANEIS. Realmente acabeino por
cabezonería, pero cheguei a empezalo e deixalo tres veces.
A AUTORA OU AUTOR DO QUE MÁIS LIBROS TES... Terry Pratchett polo prolífico da súa
obra, seguido de Neil Gaiman ou Francisco Castro. Por aí andan.
UN LIBRO QUE ESTEAS A LER... Agora mesmo: DEMASIADA FELICIDADE (ALICE MUNRO) e CICATRIZ (SARA MESA)
UN LIBRO QUE LEVAS TEMPO QUERENDO LER... O BARCO DE PEDRA de Domingo Villar (que sae mañá)
QUE CITA LITERARIA CHE GUSTARÍA COMPARTIR? El día en que lo iban a matar, Santiago Nasar se levantó a las 5.30 de la mañana para esperar el buque en que llegaba el obispo

E de que falamos?

Pois de soidade, precariedade, familia, parella, maternidade, emigración, soños, identidade, desamor...
Falamos da racionalidade do libro...
Do libro como un saco de emocións (frustración, medo, sorpresa, tristura, angustia...)
Do personaxe de Emma Santos, de George, de Lisa, da avoa Merche, da nai de Olivia, de Olivia, do bocadillo de Nocilla, da CIENCIA, da FÍSICA...
Da desconexión das redes sociais...

E quedamos con moitas frases...
" A limpeza dá moito tempo para pensar"
"Hai futuros aos que nunca podes acceder, porque non estiveches no punto adecuado do pasado"
"Levamos o futuro escrito no pasado"
"O azar ten a necesidade de ser simétrico"

E estivemos na compaña de moito té e ducias de bolboretas laranxa.


Grazas sempre, Anna!!!




UNA NOCHE EN EL PARAÍSO





Una noche en el paraíso, de Lucía Berlin, foi a obra escollida para esta xuntanza.

Adicámoslle a vitrina da entrada da Biblioteca.

Foron moitos os aspectos comentados...

A precariedade, a presenza constante do alcohol, as drogas, o abandono, a violencia contra as mulleres, a falta de vida da clase alta, o humor, a incomunicación ...

Falamos dos relatos preferidos...

"Andado. Un romance gótico" foi un deles. Chegamos a ulir o seu aromo, esas flores amarelas ciscadas por todo o conto...

E rematamos cunha das frases que escribe o fillo no prólogo " Aún así, el hogar era siempre ella"








sábado, 8 de xuño de 2019

NAVEGACIÓN DE INFINITOS


No noso club Palabras compartidas  tivemos un taller poético proposto por Carlos Arias.

Recollendo as fermosas palabras de Carlos...

Na navegación de infinitos realizamos unha lectura colectiva a partir dun soneto de JORGE LUIS BORGES. Coa Palabra sobre palabra procuramos, segundo afirma Carlos, unha experiencia moi gratificante, que nos permitiu tamén desenvolver capacidades moi necesarias para a nosa vida cotiá.

A riqueza da poesía levounos a descubrir significados ata o infinito; relacións, perspectivas diferentes.

Tamén nos permitiu achar novas ideas, a partir das propostas que formularon as demais persoas; explorar novos enfoques, saborear outras perspectivas.

Abertas estas portas, puidemos aplicar a experiencia para afrontar probas de coñecemento ou entrevistas de traballo; para expor proxectos e, en xeral, para comunicarmos calquera idea importante para o noso desenvolvemento.

Para as persoas que gozamos coa lectura, aparecen estes valores engadidos; para quen teña afeccións distintas, a proposta convida a ver as auténticas posibilidades da lingua, cando acada os seus máximos niveis de significado.


EL REMORDIMIENTO

He cometido el peor de los pecados
que un hombre puede cometer. No he sido
feliz. Que los glaciares del olvido
me arrastren y me pierdan, despiadados.

Mis padres me engendraron para el juego
arriesgado y hermoso de la vida,
para la tierra, el agua, el aire, el fuego.
Los defraudé. No fui feliz. Cumplida

no fue su joven voluntad. Mi mente
se aplicó a las simétricas porfías
del arte, que entreteje naderías.

Me legaron valor. No fui valiente.
No me abandona. Siempre está a mi lado
La sombra de haber sido un desdichado.

GRAZAS, CARLOS!

domingo, 2 de xuño de 2019

CABALO DE OUROS

A seguinte xuntanza tivo como protagonista a Víctor Freixanes e o seu Cabalo de ouros


Como de costume, presentamos ao autor como lector e isto foi o que nos contestou...


1.       O ÚLTIMO LIBRO QUE LICHES...
A Historia de Pontevedra, de Fortes Bouzán

2.       O LIBRO QUE MUDOU O TEU XEITO DE PENSAR..

 As sonatas de Valle-Inclán e Follas Novas, de Rosalía, poemario deslumbrante
3.       UN LIBRO QUE RELERÍAS...
 Sobre heroes e tumbas, de Ernesto Sábato.
4.       UN LIBRO QUE RECOMENDARÍAS...
 El siglo de las luces, de Alejo Carpentier.
5.       UN DOS PRIMEIROS LIBROS QUE LICHES NA ESCOLA...
 Seguramente, Los pazos de Ulloa.
6.       O LIBRO QUE NON REMATACHES  DE LER...
 La muerte de Virgilio.
  
7.       A AUTORA OU AUTOR DO QUE MÁIS LIBROS TES...
 De moita xente. De todas as amizades.
8.       UN LIBRO QUE LEVAS TEMPO QUERENDO LER...
 Moitos. 
9.   QUE CITA LITERARIA CHE GUSTARÍA COMPARTIR?
A patria do home é a súa infancia...pero eu engado...é onde estudou Bacharelato

A continuación, presentamos a novela a través dun acróstico co apelido do autor...

Filigrana pola precisión e a delicadez no encaixe.
Rica en personaxes, en detalles como Rosaura, rexa e peza clave.
Enguedellados os relatos, uns nos outros como ramos de cereixas ou tamén "enleados, encaneirados tal que os vasos comunicantes dos que nos falaba D.Luís, na escola primaria"
Invención porque "Nada é invención. Nada é produto da fantasía"
Xermánico, porque de aí é a orixe da palabra wolfram, que significa lobo, porque devora os outros minerais todos.
Amalia, a señora Amalia, primeiro señora de Serrano e logo Señora de Villegas. A que dá a versión definitiva dos feitos. Unha muller que non precisaría nunca nin de Francisco Serrano nin de Ignacio Villegas para ser unha señora.
Naipes, cos que se xoga o presente e o futuro, "pero o segredo do xogo non está nas cartas, está na ollada intensa, arnal...
Estrela das Cíes, lugar onde Rosaura desvela e dá sentido a frases como "hai cousas que vostede non sabe, señor mestre" dirixida ao licenciado Lobeiras.
Safaín, Omar, que agarda a volta da namorada co corazón a tremer dentro da caixa de pedra.

Logo comezou a conversa...

e Víctor Freixanes contounos que...a persoa lectora é a que constrúe a novela e que o seu cariño xustifica a literatura.
Contounos que...descubriu, escribindo a obra, o significado da palabra lentura.
Contounos que...o máis erótico da literatura é resucitar as palabras.
Contounos que...a lingua é unha especie de viaxe por un país sorprendente.
Contounos que...lle levou nove anos escribila.
Contounos que...empezou a escribir por amor...como case todo o mundo.
Contounos que...segue escribindo...para seguir na procura da súa identidade e a do seu contexto.
Contounos que...as palabras naturais non as fan os poetas.
Contounos que...a súa primeira literatura era aquela que o pai lle recitaba polas noites.
Contounos que...Vilanova de Alba é unha evocación de Galicia.
Contounos que...hai quen escribe con mapa e hai quen o fai con lanterna.
Contounos que..isto é poesía "espadas como labios" de Vicente Aleixandre.


E quedaron frases da obra para o recordo...o relato é unha música. O relato é a memoria do que somos...
a arte de contar historias é a que é. Hai quen a ten e quen non.
As cousas existen porque as lembramos, que é a maneira que temos de sobrevivir á nosa propia morte

GRAZAS, Víctor, polas palabras compartidas.







OPINIÓNS DUN PALLASO

Comezamos o curso 2018-19 coa lectura de Opinións dun pallaso, de Heinrich Böll, traducida ao galego polo noso compañeiro Laureano Araújo.

Como é costume  no noso club de lectura, presentamos ao tradutor como un lector e iso foi o que nos
contestou...

1. O ÚLTIMO LIBRO QUE LICHES...
Normalmente leo varios libros á vez. Os últimos que lin son Mandorla, de José Angel Valente, un poemario que releo con certa frecuencia; e mais La confabulació dels irresponsables, de Jordi Amat, unha reflexión moi estimulante sobr eo conflito catalán.
2. O LIBRO QUE MUDOU O TEU XEITO DE PENSAR...
Houbo varios. Por exemplo, A insoportábel levidade do ser, de Milan Kundera, que é, entre outras cousas, unha reflexión sobre a vida como un escenario onde actuamos sen podermos ensaiar. No ámbito do ensaio podería citar Ideología e historia. La formación del cristianismo como fenómeno ideológico, de Gonzalo Puente Ojea, que orientou decisivamente o meu pensamento en materia relixiosa.
3. UN LIBRO QUE RELERÍAS...
Releo bastante. Creo que proximamente vou ler outra vez Afirma Pereira, de Antonio Tabucchi.
4. UNLIBRO QUE RECOMENDARÍAS
A visita de vela dama, de Friedrich Dürrenmatt. Unha das obras de teatro máis salvaxes que coñezo.
5. UN DOS PRIMEIROS LIBROS QUE LICHES NA ESCOLA
O vixía no centeo, de J.D.Salinger. Creo que daquela non o entendín moi ben.
6. A AUTORA OU AUTOR DO QUE MÁIS LIBROS TES...
Creo que Patricia Highsmith. Teño unha boa parte da súa obra. Imprescindíbel para os amantes da novela negra.
7. UN LIBRO QUE ESTEAS A LER...
Estou a reler O paseo, de Robert Walser. É unha pequena xoia, un exercicio fermosísismo de intelixencia e delicadeza.
8. UN LIBRO QUE LEVAS TEMPO QUERENDO LER...
Intentei varias veces Cien años de soledad, de Gabriel García Márquez.
9. QUE CITA LITERARIA CHE GUSTARÍA COMPARTIR?
Unha de Oscar Wilde, que é o autor que sempre me acompaña. N'O retrato de Dorian Gray hai un momento en que lord Henry Wotton di algo así como: " A traxedia da vellez non consiste en ser vello, senón en ter sido mozo"

Sobre a obra que traduciu foron moitas e moi estimulantes as palabras compartidas
Conversamos sobre....Henriette, anxo ausente, de ollos azuis e que BRILLA...ese personaxe que "marchou cun sombreiro azul e unha mochila. Coa súa voz escura e risa clara. entregada, perdida, solemne...e da que aínda hoxe non sabemos onde está enterrada"
Conversamos sobre...a posesión e a obsesión...
Conversamos sobre...o catolicismo, palabra repetida ata 107 veces na novela
Conversamos sobre os cartos, a decadencia, as amizades, a familia...
Conversamos sobre que hai de Böll en Hans Schnier...
Converssmos sobre a crítica e o poder...
Conversamos sobre o resentimento...a soidade...a melancolía...
Conversamos sobre esa frase que tanto nos gustou "Son pallaso e colecciono momentos"
Conversamos sobre o momento da escritura, 1963, momento abafante en Alemaña.
Conversamos sobre a hipocrisía, ás veces necesaria para vivir.
Conversamos sobre o alcohol...
Conversamos sobre a natureza monógama...
Conversamos sobre o labor do tradutor,tan silenciada, invisíbel e pouco recoñecida e, por iso, tan pouco valorada, cando sabemos que unha boa tradución inflúe , de xeito poderoso, na nosa opinión da obra.
Conversamos sobre...a muller na obra, sobre Marie...
E ata conversamos sobre a maneira de cortar o pan "Cando ía onda os Wieneken e Edgar acababa de traer o pan, súa nai agarraba a fogaza coa man esquerda contra o peito e cortaba coa dereita rebandas frescas que recolliamos e untabamos con compota de mazá"

Quedaron palabras no aire...que algún día prenderemos.

Grazas, Laureano, polo teu tempo compartido con nós.

mércores, 13 de xuño de 2018

LECTURAS VERÁN 2018

Despedímonos este curso 2017-18 con varias recomendacións lectoras...

ATA SETEMBRO!









CAMUFLAXE

O 7 de xuño xuntámonos para celebrar a poesía. Desta volta foi Camuflaxe, de Lupe Gómez, Premio da Crítica Española ao mellor libro de poesía en lingua galega do ano 2017.

Terra, aldea, infancia, muller e, por enriba de todo, un canto de amor á NAI.

Falamos de ecos (Rosalía, Neira Vilas, Emilio Aráuxo...) e de versos.

Coas bolboretas do aire fago para ti un encaixe 

Aprendo a escoitar as nubes, a traballar a terra e a ler o ceo, no teu colo.

O atraso económico en Galicia era unha forma de vangarda artística

Na miña cas non había libros pero ti tiñas a car chea de versos franceses

A lingua resiste no estómago dun agricultor morto

E compartimos POESÍA...de José Hierro, de Agustín García Calvo, de Rosalía Fdez Rial, de Billy Collins, do colectivo Ronseltz, de Alvaro Cunqueiro " Swanehals, Colo de cisne, envelleceremos xuntos/ pro ti máis lentamente".



ORDESA, O SOL DO VERÁN

O 3 de maio compartimos palabras arredor de Ordesa, de Manuel Vila e de O sol do verán, de Carlos Casares.

As lecturas da primeira obra foron moi distintas e enriquecedoras. Emocións moi diversas espertou Ordesa, desde a querenza máis absoluta ata a indiferenza que roza o fastío.
Pero abriu a porta a dialogar sobre a memoria, a perda, a morte, as emocións ou o silencio a partir de varias citas:
" A moralidade dos feitos é sempre unha construción cultural" (páx 18)
" Mi padre no heredó odio, heredó silencio" (páx 26)
"Fuimos pobres, pero con encanto" (páx 61)
"Non coidamos as cousas que viven na escuridade" (páx 105)
" Se vives máis anos dos que viviu teu pai, deixas de ser fillo" (páx 182)

O sol do verán , novela que fala tamén da memoria, do verán, de infancia e de amores prohibidos. Un gusto relela e un pracer descubrila.